InicioSANTIAGOVEDRAAs familias do CPI Plurilingüe de Vedra denuncian a falta de profesorado...

As familias do CPI Plurilingüe de Vedra denuncian a falta de profesorado e de apoio á diversidade

A ANPA critica que a Consellería de Educación “ignore” a solicitude de desdobre en Infantil e “castigue de novo o ensino no rural”

Publicado o

Xornal de Compostela

As familias do CPI Plurilingüe de Vedra advertiron dunha situación que cualifican de “insostible” pola falta de profesorado e de persoal de apoio, especialmente na área de atención á diversidade, o que, segundo denuncian, “repercute directamente na calidade da atención educativa” dos 441 alumnos e alumnas do centro.

Nun comunicado, a ANPA subliña que o problema é “especialmente grave” en sexto de Educación Infantil, onde aseguran que a Consellería de Educación “ignora a solicitude de desdobre necesario a pesar de contar cun cociente excesivo”. O grupo, explican, está formado por 26 nenos e nenas, entre os que se atopa alumnado con necesidades educativas especiais que require atención individualizada, unha situación que consideran “incompatible cunha soa mestra na aula”.

As familias critican que a administración autonómica “incumpre o seu propio compromiso de garantir a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais e de apoiar aos centros rurais”. “Resulta inadmisible que se castigue novamente ao ensino no rural, que xa funciona con recursos mínimos”, engaden.

A ANPA reclama á Xunta máis profesorado de apoio e a creación inmediata do desdobre solicitado, co obxectivo de asegurar unha atención adecuada e equitativa para todo o alumnado. O colectivo lembra que a situación afecta tamén a outras etapas educativas do centro e que “a sobrecarga do profesorado compromete o dereito básico a unha educación de calidade”.

RESPOSTA DA CONSELLERÍA

Pola súa banda, a Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades respondeu ás críticas asegurando que o CPI Plurilingüe de Vedra dispón do profesorado necesario para atender ao seu alumnado, e que todas as aulas manteñen cocientes por debaixo do máximo permitido pola normativa vixente. Fontes do departamento autonómico precisaron que o centro conta con cinco docentes na etapa de Infantil, un deles a media xornada incorporado este curso como reforzo, para atender tres aulas con 53 alumnos en total.

A Xunta defende que a aula de sexto de Infantil, con 23 nenos e nenas, pode organizarse “con profesorado suficiente” e que a dirección do colexio “dispón de autonomía” para decidir se aposta polo desdobre ou pola co-docencia. Ademais, subliña que, cos recursos actuais, o centro podería acoller ata 585 estudantes, fronte aos 441 matriculados este curso, o que supón 144 prazas libres. Con estes datos, o departamento educativo insiste en que o cadro de persoal é axeitado e que o funcionamento do CPI de Vedra se axusta aos criterios establecidos pola administración.

ÚLTIMAS

Multitudinario recoñecemento a Álvaro García Ortiz na casa das máquinas

A Casa das Máquinas acolleu este xoves un multitudinal acto de recoñecemento a Álvaro...

A CEP denuncia o abandono da comisaría de Santiago tras máis de dous meses do incendio

A Confederación Española de Policía (CEP) denunciou publicamente o que considera unha situación de...

O concerto de El Último de la Fila trasládase a Santiago tras o veto ao uso de Riazor

O concerto do grupo 'El Último de la Fila' previsto inicialmente para o 13...

A Xunta prevé investir máis de 50 millóns de euros en Mallou para impulsar un novo barrio en Santiago

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas presentou o proxecto de desenvolvemento do...

O Seprona investiga tres persoas en Vedra por un incendio forestal causado por unha queima non controlada

O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil da Coruña investiga a...

Fabiola García anuncia un aumento de 486.000 euros para o SAF en Vedra ata 2028

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, informou este sábado en Vedra...

A Xunta e o Concello de Vedra asinan un convenio para mellorar a escola infantil municipal

A Xunta de Galicia e o Concello de Vedra veñen de asinar un convenio...