InicioSOCIEDADERueda avanza que a conversión en autovía do corredor Brión-Noia entrará en...

Rueda avanza que a conversión en autovía do corredor Brión-Noia entrará en servizo en 2027

A Xunta executa xa o primeiro tramo entre Brión e Urdilde, cun investimento de 11,2 millóns de euros, nunha vía pola que circulan uns 13.000 vehículos diarios e que conecta a área de Santiago co Barbanza

Publicado o

Xornal de Compostela

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, supervisou este martes o avance das obras de conversión en autovía do corredor Brión-Noia, unha actuación estratéxica para mellorar a conexión entre a área de Santiago e O Barbanza, unha zona pola que circulan 13.000 vehículos diarios e cunha poboación de arredor de 160.000 persoas, que ademais medra durante o verán.

Na visita aos traballos do primeiro tramo, que une Brión e Urdilde, no concello de Rois, o titular do Executivo galego, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, avanzou que a previsión do Goberno autonómico é que esta nova vía “poida abrirse e entrar en funcionamento durante 2027”.

Nesta primeira fase, que supón o duplicado dos primeiros 4,9 quilómetros desta vía de altas prestacións e un investimento de 11,2 millóns de euros, xa se executou arredor do 10% do total do proxecto, con labores centradas fundamentalmente en tarefas previas como o desbroce, drenaxes ou movementos de terras. A nova infraestrutura será semellante á autovía Santiago-Brión, dispoñendo de dous carrís de 3,5 metros de ancho en cada sentido da circulación.

Rueda defendeu que, máis aló das cifras técnicas, o realmente importante desta obra é o beneficio directo que supón para o día a día das persoas e para a mellora da súa calidade de vida. “As infraestruturas son para mellorar a vida das persoas, non para complicala”, subliñou, antes de asegurar que construír autovías implica “máis seguridade viaria, máis comodidade, máis rapidez e máis desenvolvemento”.

APOSTA POLAS VÍAS DE ALTAS PRESTACIÓNS

O titular do Goberno galego enmarcou este proxecto na folla de ruta da Xunta en materia de vertebración do territorio, á que este ano se destinan un total de 263 millóns de euros para infraestruturas viarias. Esta continuidade nos investimentos permitiu, segundo destacou a Xunta, que Galicia supere xa os 500 quilómetros de rede propia de vías de altas prestacións. O Executivo autonómico sinala que isto permite que “oito de cada dez galegos, vivan onde vivan, teñan unha vía de alta capacidade a menos de 10 ou 15 quilómetros do seu lugar de residencia”.

Nese sentido, Rueda repasou outras actuacións de relevancia que o Goberno autonómico ten actualmente en marcha ou previstas ao longo da xeografía galega, como as obras recentemente adxudicadas de prolongación da Autovía da Costa da Morte entre Santa Irena, en Vimianzo, e a AC-432, cun investimento de 36 millóns de euros. Tamén aludiu ao último tramo da autovía Lugo-Sarria, entre Nadela e A Pobra de San Xiao, adxudicado hai uns días por 37,7 millóns, ou ao segundo tramo da autovía Santiago-A Estrada, a AG-59, actualmente en execución.

OUTRAS INFRAESTRUTURAS

Precisamente, en relación coa AG-59, a conselleira María Martínez Allegue explicou que o tramo no que se está a traballar está “a piques de ser rematado”“Estase a ultimar e contamos con que antes do verán ou durante o verán se poña en funcionamento ese segundo tramo. E sodes sabedores de que xa traballamos nun terceiro para dar continuidade a esta AG-59”, engadiu.

Sobre o atraso desta actuación, sinalou que as condicións meteorolóxicas do pasado inverno “non axudaron en nada”, xa que foron “moitas as obras que se viron suspendidas ou paralizadas”. Respecto do enlace da N-550 en Ordes, Allegue indicou que a Xunta está pendente de ver “que ten que dicir o Goberno central”“Nós seguimos coa nosa planificación e xa sometemos a información pública esa variante que ten que ser unha realidade canto antes”, rematou.

ÚLTIMAS

O sector do metal marcha por Santiago para reclamar un acordo e denuncia o bloqueo do convenio

As bucinas e os petardos marcaron este martes o inicio da manifestación convocada en...

A Catedral impulsa visitas conxuntas con San Martiño Pinario para ampliar a experiencia cultural en Santiago

O Museo Catedral de Santiago puxo en marcha desde o pasado mes de maio...

A USC suma un novo título galego co triunfo de Diego Cacheiro en xadrez rápido

A USC incorporou un novo resultado destacado ao seu ámbito deportivo coa vitoria de...

María Rozas critica a situación da dependencia e confirma atrasos na apertura do centro para persoas sen fogar

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais de Santiago, María Rozas, realizou este martes...

A investigación continúa para aclarar as circunstancias da morte da nena de dous anos esquecida nun coche en Brión

A investigación sobre o falecemento dunha nena de dous anos en Brión continúa aberta...

Unha nena de dous anos falece en Brión tras permanecer varias horas no interior dun coche

A comarca compostelá viviu este mércores unha xornada marcada pola conmoción tras o falecemento...

O Pleno de Brión aproba por unanimidade o V Plan de Igualdade 2026-2030

O Pleno municipal de Brión aprobou por unanimidade o V Plan para a Igualdade...