O Concello de Boqueixón conmemorará o Día Internacional da Muller cunha programación que inclúe unha nova edición da andaina «8 M. No Camiño da Igualdade» e un curso de defensa persoal feminina, dúas propostas gratuítas dirixidas á veciñanza e centradas na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero.
A primeira das actividades terá lugar este domingo 8 de marzo, coa celebración da andaina «8 M. No Camiño da Igualdade», unha iniciativa que organizan conxuntamente os concellos de Boqueixón, Vedra e Touro no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e co apoio do Ministerio da Igualdade.
A ruta desenvolverase ao longo dun percorrido circular de 15 quilómetros e dificultade media, con saída e chegada no Concello de Touro. As persoas participantes recibirán un pequeno agasallo e un bocadillo, e a xornada rematará cun espectáculo de despedida a cargo de Teatro pola Igualdade.
CURSO DE DEFENSA PERSOAL FEMININA
A programación continuará o sábado 14 de marzo, cando o ximnasio do Forte acollerá un curso gratuíto de defensa persoal feminina, que se desenvolverá entre as 10:00 e as 13:00 horas.
A actividade está dirixida a mulleres maiores de 14 anos, aínda que as menores deberán contar coa correspondente autorización familiar. O número de prazas é limitado e terán preferencia as mulleres empadroadas no municipio de Boqueixón.
O curso está organizado polo Centro de Información á Muller do Concello de Boqueixón e será impartido pola Escola Judo Club.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición chamando ao teléfono 981 513 106 ou a través dun formulario en liña habilitado polo Concello.

