A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación da programación de artes escénicas do Concello de Ames para o primeiro semestre de 2026, un calendario que reúne doce espectáculos de teatro, danza e circo, todos eles a cargo de compañías galegas. O acto contou coa participación do alcalde de Ames, Blas García; do director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; e da técnica do departamento de Cultura, María Vázquez.
A programación incorpora como principal novidade a celebración de dúas sesións dobres ao longo do semestre. As primeiras terán lugar os días 27 e 28 de febreiro, coa estrea de Bio Construción de Ibuprofeno Teatro, mentres que os días 8 e 9 de maio será a quenda do Grupo Chévere coa súa nova produción ICTUS (anatomía de ‘A derradeira leición’ de Castelao). Ademais, desde hoxe están xa dispoñibles os bonos culturais a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames, mentres que as entradas individuais para cada espectáculo sairán á venda o 8 de xaneiro.
Durante a presentación tamén estiveron presentes representantes de boa parte das compañías participantes no programa, entre eles membros de Verdeveras Expresións Artísticas, Ibuprofeno Teatro, Galeatro Producións Escénicas, Serea Teatro, Os Náufragos, Talía Teatro, Grupo Chévere e Pistacatro, así como o presidente da Fundación Manuel María, Alberte Ansede.
Na súa intervención, o alcalde Blas García agradeceu a colaboración da AGADIC e da Consellería de Cultura e subliñou o traballo desenvolvido nos últimos anos para consolidar público: “unha das cousas das que máis orgullosos estamos desta programación é que estamos facendo un público fixo. É un traballo que leva tempo, pero estamos creando un público fiel”. O rexedor puxo tamén en valor o programa de residencias artísticas municipais, que en 2026 contará con tres proxectos, incluíndo os de Ibuprofeno Teatro e o Grupo Chévere, ademais dunha residencia da compañía de Fran Sieira.
Pola súa banda, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, destacou o modelo de programación do Concello de Ames e o seu compromiso co sector profesional, sinalando que “Ames, coma sempre, é un concello adiantado ao incluír as dobres sesións na súa programación”, unha fórmula que facilita o traballo das compañías. Sutil animou tamén á veciñanza de Ames e da contorna a asistir ás funcións e avanzou que a axencia autonómica pechará o ano con “560 funcións e un orzamento próximo aos 2 millóns de euros”.
A técnica de Cultura, María Vázquez, explicou que se trata dunha programación deseñada “para todos os públicos con moito mimo e coidado”, na que se mantén a aposta por compañías 100% galegas, algunhas delas vencelladas ao propio municipio. Vázquez destacou ademais que a inclusión das dobres funcións responde a unha das principais demandas do público nas últimas edicións.
O calendario abrirase o 23 de xaneiro coa obra As Gardiás de Teatro de Ningures, á que seguirán, entre outras propostas, As formas do amor de Verdeveras Expresións Artísticas, Iribarne de Butacazero, a estrea de Bio Construción, Berenguela na gaiola de Galeatro, Sen Lingua de Serea Teatro, Riazor Ostia de Os Náufragos, O libro da selva: o musical de Artika Cia, o espectáculo de danza Alén do Colectivo Glovo, Artur UI, o ovo da serpe de Talía Teatro, Variedades Pistacatro e o peche do semestre coa nova creación de Chévere.
En canto aos horarios, as funcións de teatro adulto, danza contemporánea e circo celebraranse ás 20:30, mentres que as propostas infantís comezarán ás 18:00, con excepción de Iribarne, que se representará tamén nese horario. As entradas poderán adquirirse tanto de maneira anticipada como o propio día do espectáculo nas casas da cultura, sempre que haxa dispoñibilidade.
O Concello mantén tamén unha política de descontos do 50% para estudantes, persoas maiores de 60 anos e menores de 12, familias numerosas, titulares do carné xove e persoas demandantes de emprego. Os bonos culturais, cun prezo de 25 euros, permitirán asistir ás dez funcións da programación adulta e estarán dispoñibles entre o 15 de decembro de 2025 e o 7 de xaneiro de 2026, cun total de 50 unidades á venda.

