InicioPOLÍTICAAcordo entre Xunta e goberno de Santiago para o aparcadoiro do CHUS:...

Acordo entre Xunta e goberno de Santiago para o aparcadoiro do CHUS: 90%, Sergas e 10%, concello

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta e o goberno local de Santiago alcanzaron nas últimas horas un acordo en torno ao protocolo para a reordenación urbanística e da mobilidade do Hospital Clínico. O documento final eleva ata o 90% a achega económica da Administración autonómica, mentres que o Concello farase cargo do 10%. No principio de acordo de principios de maio, contemplábase un 80% e un 20%, respectivamente.

Deste consenso informan ambas as administracións a través de senllas notas de prensa na mañá deste xoves, a pesar de que un intre antes o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, non o daba por pechado senón que dicía que estaba “moi preto”, á espera de “matices”.

En calquera caso, nas últimas horas celebrouse unha reunión na que, ademais do titular de Sanidade, participaron a súa homóloga en Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.  O acordo, explican tanto o Concello como a Xunta, contempla a aprobación dun plan de interese autonómico (PIA), o cal permitirá acelerar prazos, cun perímetro que acordarán ambas as administracións para “ordenar, humanizar e mellorar os accesos e a mobilidade” na contorna do hospital.

Ademais, “se é posible urbanisticamente”, antes da aprobación do PIA iniciarase a execución do aparcadoiro en altura e soterrado que estará integrado dentro da parcela do propio hospital, para contar canto antes con esas 1.000 prazas; así como a mellora do acceso desde Volta do Castro, algo previsto no plan urbanístico vixente.

Se non fose posible facelo antes da aprobación do PIA, ambos os gobernos, autonómico e local, coinciden en que debe ser, igualmente, unha obra “absolutamente prioritaria”. Todas as actuacións, que se financiarán con esa proporción 90%/10%, desenvolveranse a través de convenios específicos. Así mesmo, o Concello comprométese a deixar exento o pago do IBI do hospital, unha vez ampliado, e do futuro Centro de Protonterapia, cando acabe a súa construción. Pola súa banda, a Xunta cofinanciará actuacións de saneamento e abastecemento municipal por 3,5 millóns.

CHEGAR A ACORDOS

Todo o que sexa chegar a un consenso entre administracións polo ben dos galegos ten que ser ben recibido. Aquí non importa a política, importa o resultado das cousas”, recalcaba antes do encontro o conselleiro.

Pola súa banda, o xerente da área Sanitaria de Santiago-Barbanza, Ángel Facio, congratulouse da proximidade do acordo porque é “necesario” non só a construción dun novo aparcadoiro, senón que se traballe nun plan de mobilidade. Neste sentido, lembrou que o de Santiago é un hospital urbano e, para ese efecto, cre que hai que “tomar medidas” non só con ese novo aparcadoiro, senón tamén para ter un “transporte público adecuado” que “favoreza que a xente poida acudir ao centro da mellor maneira”.

O xerente tamén apuntou que o Clínico é o hospital de referencia doutros concellos, moitos mesmo de fóra da propia comarca de Santiago, polo que chamou a “conciliar os intereses” dos diferentes municipios. Cabe lembrar que, a principios do mes de maio, a Xunta e o goberno local alcanzaran un preacordo para impulsar un “protocolo marco” para o aparcadoiro e a ordenación urbana da contorna do Clínico, polo cal a Administración autonómica estudaría achegar o 80 por cento do orzamento, mentres que o 20 restante poríao o Concello.

ÚLTIMAS

A USC reconstrúe dixitalmente a ‘Raíña Orante’ do mestre Mateo

Un proxecto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Centro de Investigación...

Santiago vive un multitudinario Día de Galicia entre tradición, política e festa

Como cada 25 de xullo, Santiago de Compostela celebrou o Día Nacional de Galicia...

O arcebispo de Santiago chama a recoñecer a dignidade de toda persoa na Ofrenda ao Apóstolo

O arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, fixo un chamamento este 25 de xullo...

Liño, artesanía galega e memoria feminina no traxe da alcaldesa de Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, escolleu para os actos institucionais do 25 de...

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Os Tédax destrúen en Santiago un proxectil que podería proceder da Guerra Civil

Especialistas do grupo de técnicos especialistas en desactivación de artefactos explosivos, os Tédax da...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...