O vindeiro luns, 1 de xuño, darán comezo as obras de rehabilitación integral da comisaría da Policía Nacional de Santiago de Compostela, afectada por un incendio rexistrado o pasado 12 de febreiro. Os traballos contan cun investimento de 1,6 millóns de euros, aprobado polo Consello de Ministros a través dun procedemento de emerxencia, e teñen como obxectivo recuperar por completo as instalacións danadas.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou este venres o inmoble para presentar os detalles dunha actuación que definiu como “absolutamente integral”. Segundo explicou, a intención é reducir os tempos de execución “o máximo posible” para que o edificio poida volver estar operativo de cara ao Xacobeo 2027.
As obras comezarán na planta -3, onde se atopaba a galería de tiro na que se orixinou o lume, e estenderanse progresivamente ao resto do inmoble. A intervención inclúe a renovación de elementos estruturais e instalacións afectadas, a mellora dos sistemas de ventilación e a substitución de infraestruturas deterioradas polo incendio.
Pedro Blanco destacou que os traballos permitirán actuar simultaneamente en diferentes zonas do edificio para acelerar o proceso de recuperación. Ademais, subliñou o compromiso do Executivo central coa reparación da comisaría, sinalando que “o Goberno de España está comprometido e está a cumprir”.
Mentres se desenvolven as obras, a actividade policial continúa nunha sede provisional. O delegado asegurou que os servizos se están prestando con normalidade e que a cidadanía segue recibindo unha atención adecuada.
Durante a súa intervención, tamén agradeceu o labor desenvolvido polos axentes desde o incendio, así como a comprensión da veciñanza durante estes meses de funcionamento extraordinario. “A súa vocación de servizo foi fundamental nestas circunstancias”, indicou.
Pola súa banda, o comisario provincial da Coruña, Carlos Gómez Rodríguez, puxo en valor o comportamento do persoal da comisaría compostelá ao longo destes meses. Gómez Rodríguez destacou o “compromiso, esforzo e comprensión” dos profesionais destinados no centro e asegurou que os servizos policiais continuaron prestándose “con eficacia” malia as dificultades derivadas do incendio.

