O Consello da Xunta aprobou este luns o decreto polo que se nomea reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) á profesora doutora Rosa María Crujeiras Casais. Segundo lembrou o presidente Alfonso Rueda na rolda de prensa posterior á reunión semanal, este nomeamento prodúcese tras a vitoria de Crujeiras nas eleccións ao Reitorado celebradas o pasado 11 de marzo. A toma de posesión oficial terá lugar este vindeiro venres no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, en Santiago.
Rosa Crujeiras sucede no cargo a Antonio López, quen exerceu como reitor desde o ano 2018. O presidente da Xunta aproveitou a comparecencia para agradecer ao reitor saínte o labor desenvolvido durante estes oito anos á fronte da institución compostelá, destacando a súa actitude sempre disposta ao diálogo e á suma de vontades en prol do avance do Sistema Universitario. Crujeiras marca un fito histórico ao ser a primeira muller que asume a máxima responsabilidade nunha universidade pública da autonomía.
BIOGRAFÍA DE CRUJEiRAS
Nada en Artes (Ribeira) en 1978, Rosa Crujeiras é licenciada en Matemáticas e catedrática de Estatística e Investigación Operativa. A súa especialidade investigadora céntrase no desenvolvemento de metodoloxía non paramétrica para a análise de datos en contextos complexos. Durante a súa traxectoria profesional desenvolveu unha intensa carreira docente e investigadora con numerosas publicacións e foi investigadora postdoctoral na Universitè catholique de Louvain, en Bélxica.
O seu traballo foi recoñecido con prestixiosos galardóns, como o premio ao Novo Talento Científico Feminino 2023 pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais. Así mesmo, en 2024 recibiu o Premio á Mellor Contribución Metodolóxica en Estatística outorgado pola Sociedade de Estatística e Investigación Operativa e a Fundación BBVA. No ámbito da xestión, Crujeiras ocupou cargos de relevancia como o de vicerreitora de Comunicación e Coordinación e a dirección científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) ata decembro de 2025.

