A catedrática de Óptica e candidata á Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela, Maite Flores, iniciou este mediodía a campaña da segunda volta electoral cun acto celebrado no Edificio Docente Roberto Novoa Santos, no campus compostelán, onde centrou parte da súa intervención en demandar “máis transparencia” á tamén candidata Rosa Crujeiras.
Durante o encontro, ao que asistiron máis dun cento de persoas segundo a organización, Flores instou á súa rival a aclarar se contempla incorporar ao profesor Luis Míguez como secretario xeral no caso de resultar elixida. “A transparencia non só hai que predicala e pedila, senón que hai que practicala, e Rosa Crujeiras debe aclararlle antes do vindeiro día 11 á comunidade universitaria se ten pensado rescatar ao profesor Míguez como secretario xeral”, afirmou.
A candidata tamén fixo referencia á negativa da outra aspirante a participar en debates públicos. Segundo indicou, foron rexeitadas tres propostas formuladas por dous medios de comunicación e polo Centro Tecnolóxico TIC Gradiant. “Nós amosámonos dispostos a manter tantos cara a cara como nos propuxeron, porque é a mellor forma de confrontar os programas, as ideas e os equipos, pero semella que Rosa Crujeiras ten certo temor non sabemos a que, porque xa leva rexeitados tres”, declarou.
No transcurso do acto, Flores aludiu tamén á resolución da Comisión Electoral sobre unha reclamación presentada pola súa candidatura en relación co reconto ponderado da primeira volta. Segundo explicou, o órgano electoral admitiu un erro no cálculo, o que supón unha modificación na porcentaxe de apoio obtido pola súa lista, que pasa do 21% inicial ao 22,30%.
A candidata interpretou esta revisión como un impulso de cara á segunda volta e sinalou que “xa falta menos para conseguir a remontada”, en referencia ao resultado final que se decidirá na votación prevista para os vindeiros días.
CHAMAMENTO AL VOTO E PROPOSTAS DE XESTIÓN
No treito final da súa intervención, Flores solicitou o apoio dos distintos sectores da comunidade universitaria co obxectivo de “construír unha universidade de maior prestixio nacional e internacional, que lidere o progreso social, que xere coñecemento e cultura, que forme egresados que van liderar a sociedade e que mellore as súas infraestruturas en colaboración cos concellos de Santiago e Lugo”.
Entre as medidas avanzadas, mencionou o apoio ao Persoal Docente e Investigador (PDI) e ao Persoal Técnico, de Xestión e de Administración e Servizos (PTXAS), coa intención de reducir cargas administrativas e reforzar a formación interna. “Para iso imos apoiar de forma activa a todo o PDI e o PTXAS, diminuíndo a burocracia e mellorando a súa formación, para que sintan de novo o orgullo de pertenza á USC e traballen para facela mellor”, manifestou.
Flores asegurou que a recta final da campaña estará centrada en explicar as diferenzas entre ambas candidaturas. “A chave da vitoria, que é posible, vai ser transmitirlle a todos os sectores do electorado as diferenzas entre o programa e o equipo das dúas candidaturas, que hainas, e moitas. Imos centrar os vindeiros 10 días en explicar estas diferenzas dentro dun plano de confrontación académica e sen bulos e ataques persoais”, concluíu.

