InicioSANTIAGORosa Crujeiras, candidata a reitora: "Temos que volver sentirnos orgullosos de ser...

Rosa Crujeiras, candidata a reitora: “Temos que volver sentirnos orgullosos de ser parte da Universidade de Santiago”

A candidata á reitoría aposta por reforzar benestar, igualdade e diversidade, e por “repensar os procesos” para reducir burocracia, integrar a intelixencia artificial e recuperar o “orgullo de pertenza” á Universidade

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A catedrática en Matemáticas Rosa Crujeiras, candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela, presentou xa as liñas xerais do seu programa. Quere unha universidade que “coide das persoas e do propio”, cun modelo de goberno baseado na escoita, a transparencia e a rendición de contas. Xornal de Compostela convera hoxe con ela para coñecer a súa idea de unversidade e as súas propostas de cambio.

Cando presentou o equipo e as ideas xerais falaba de coidar das persoas e coidar do propio. Como se traduce ese principio na práctica, cando hai que tomar decisións impopulares ou priorizar recursos escasos?

Cando falamos de coidar das persoas referímonos a atender as súas necesidades e as súas expectativas. Temos que aspirar a que a USC sexa unha universidade feminista, inclusiva, que atenda a diversidade e que vele polo benestar. Iso temos que plasmalo en políticas concretas e en programas dentro da acción de goberno.

Na nosa proposta de goberno hai unha vicerreitoría específica de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar. O que pretendemos é poñer en marcha programas que atendan a igualdade de mulleres e homes dentro da USC, empezando por revisar o Plan de Igualdade, que está caducado. Tamén propoñemos crear un observatorio que nos permita identificar en que áreas hai fendas de xénero para actuar e corrixir. Traballariamos na atención á diversidade LGTBI e tamén na inclusión de persoas con necesidades educativas e sociais, e na participación social.

Cando falamos de coidar do propio, coa lei do sistema universitario as universidades temos a obriga de coidar e poñer en valor o noso patrimonio. Creo que temos que apostar pola posta en valor do noso patrimonio, que é material, pero tamén inmaterial. Dentro da vicerreitoría de Cultura, Lingua e Patrimonio promoveríanse accións específicas de visibilización dese patrimonio.

A que se refire con ese patrimonio inmaterial?

O material está claro, pero o inmaterial tamén existe. A Galicia de hoxe non a podemos entender sen a Universidade de Santiago de Compostela. Falando con xente da universidade decátasete do grande cambio destes últimos 40 anos: pasamos de formar, investigar e transferir no contexto dunha ditadura a ser unha universidade punteira en investigación e formación. Creo que temos que recuperar esa memoria. Esa memoria da xente que fixo a universidade e que aínda está e nos pode contar como foi ese paso.

E isto tamén é facer memoria histórica propia, e como institución pública temos a obriga de promover os valores da memoria democrática. Aí tamén temos cousas que facer, e temos grupos de investigación punteiros nese ámbito.

Entón esas ideas van traducirse en medidas concretas…

Si. Iso está dentro da estrutura: a estrutura acompaña un proxecto. Primeiro foi o proxecto e despois foi a estrutura. No ámbito de cultura, lingua e patrimonio fixemos unha reflexión sobre como temos que entender a cultura: como un dereito, como nos marca o Plan de Dereitos Culturais do Ministerio, baixo directrices da UNESCO.

Falemos de benestar. Por exemplo, agora mesmo existe un servizo de atención psicolóxica na Universidade, que funciona e é moi demandado. Neste sentido, que outras dimensións debería abordar a USC?

Co servizo de atención psicolóxica mantivemos encontros para ver a súa perspectiva de crecemento e as necesidades. Apuntan que nos últimos anos a demanda subiu moito, e sabemos que aí temos que repensar. A atención psicolóxica e o acompañamento psicopedagóxico tamén son obrigas legais: temos que implantalos. No contexto social actual, por fin se fala de saúde mental e visibilízanse os problemas de saúde mental, tamén dentro da carreira académica. Hai que dar esa atención, e este servizo está orientado ao estudantado.

Tamén hai medidas que temos que implantar de cara á conciliación da vida familiar e laboral. Dentro do ámbito de igualdade, e isto tamén entra nos coidados, hai universidades que despois dos períodos de maternidade permiten un tempo sen actividade docente para ir reenganchando as actividades. Outras universidades xa o teñen e nós fomos quedando un pouco atrás na atención ás persoas.

Pasando a falar en materia de acoso, non podemos permitir ningún tipo de situación de acoso. Temos que ser unha universidade vixiante que actúe. Existen protocolos contra o acoso por razón de identidade sexual que hai que reactivar. Hai que implantalos e actuar de maneira efectiva.

Moitas veces estes protocolos chegan despois de que pase algo.

Os protocolos van por detrás. Por iso apuntaba á necesidade de crear un observatorio tamén no ámbito da diversidade. Isto viuse co acontecido hai un par de semanas, cun caso de transfobia: temos que ser coñecedores do que está pasando. Temos que saber o que está acontecendo para adiantarnos a estas situacións, con tolerancia cero.

Temos que actuar como universidade. Nisto temos que ser exemplares. A universidade e a cidade teñen que ser un espazo seguro para todos, independentemente da súa condición.

Cando falamos de diversidade tamén hai diversidade cultural. Cada vez recibimos máis xente de fóra e a universidade debería aproveitar a interculturalidade a través de programas específicos. É un valor positivo que poidas estudar e compartir aulas con colegas doutros países e doutras culturas. Iso ten que ser unha riqueza para a experiencia universitaria.

Efectivamente, a USC semella cada vez máis internacional. Por que?

Porque como referentes facemos un bo traballo. Formámonos aquí e imos fóra. Pero temos que facer que ese talento retorne. Non depende só de nós: tamén hai políticas a nivel autonómico e estatal. O que non podemos facer é formar xente con recursos públicos para que marche fóra sen retorno. Eu formeime aquí e marchei, e tiven unha ocasión de volver. A experiencia no estranxeiro foi enriquecedora e ampliou o círculo de contactos, e diso tamén se beneficia a xente que traballa comigo.

Independentemente de cal sexa a nova reitora da USC despois das eleccións, cal sería unha decisión difícil que tería que tomar a próxima reitora no primeiro ano?

Hai unha cuestión que quen sexa reitora ten que abordar seriamente: sentar as bases dun novo modelo organizativo. Levamos moitos anos falando diso. Isto implica repensarnos de cero, sen perder de vista cal é a nosa razón de ser: formamos, investigamos e transferimos. Temos que readaptar as maneiras de facer internamente e de relacionarnos cara fóra. No contexto tecnolóxico no que estamos, hai que reformular procesos e facilitar o traballo das persoas para cumprir a misión. É un proxecto a futuro que ten que cambiar a cultura organizativa. Vai haber resistencia ao cambio. Hai que transmitilo con diálogo, colaboración e pedagoxía, entendendo que os froitos non se ven dun día para outro.

Cando presentou o seu equipo e as súas ideas de universidade falou tamén de dixitalización na USC…

Houbo un proceso de dixitalización na Universidade, pero moitas veces traballando do mesmo xeito. Hai que ir máis ao fondo: repensar o proceso. Non é só cambiar o soporte: é aproveitar a tecnoloxía para cambiar o funcionamento. Non se aproveitou todo o potencial do marco tecnolóxico, e hoxe podemos aproveitar moito máis do que temos ao noso dispor.

E como haberá que encaixar a intelixencia artificial?

Non nos podemos quedar atrás. A intelixencia artificial é un dos grandes cambios tecnolóxicos que afectan a todas as facetas sociais. Sen perder o foco na nosa razón de ser, temos que aproveitar estas ferramentas para ser máis áxiles, innovar na docencia e na investigación. Non podemos estar de costas: o estudantado vai saír a contornas onde a intelixencia artificial será unha ferramenta máis. Temos que ensinar a aproveitar os beneficios e entender os riscos. Hai que traballar en distintos planos: na operativa da institución e tamén na formación, onde hai cambios pedagóxicos importantes.

O labor fundamental de formación segue a ser indispensable. Pero temos que ser capaces de integrar as ferramentas de intelixencia artificial para un mellor aproveitamento na formación do estudantado. Por iso propoñemos unha vicerreitoría de Profesorado e Innovación Docente: hai que adaptar metodoloxías en beneficio da formación.

Cre que falta formación continua do profesorado?

Queremos poñer o foco no acompañamento e na reciclaxe formativa, porque este contexto obriga a reformar moitas veces a docencia e a integrar ferramentas transversais. Toda a formación ten que estar atenta ás oportunidades. Por exemplo, en ciencias biomédicas, as ferramentas de simulación aportan moito e poden axudar, aínda que nunca van substituír unha docencia tradicional.

No debate que tiveron, as catro candidatas falaron moito da precariedade investigadora. Foi a universidade honesta coas expectativas de carreira que se lles transmiten ás persoas novas investigadoras?

Creo que temos cousas por facer. Hai algo sistémico no sistema de ciencia do Estado, non só da USC. Pero como universidade debemos acompañar o proceso de desenvolvemento da carreira investigadora e dar seguridade dunha traxectoria. Sabemos que é dura e complexa, pero polo menos marcar que vai acontecer. Isto impacta directamente nos plans de vida. Eu vivino ao volver do posdoutoramento: non saber por canto tempo nin en que condicións non che permite facer un plan de vida. Temos tarefas pendentes e queremos ofrecer un plan de desenvolvemento de carreira.

Dende o momento en que entras, a universidade debe dicir moi claro que espera de ti e ti tamén poder dicir que carreira queres marcar. A universidade pode dicir: espero que atendas adecuadamente a docencia, que te impliques na formación do alumnado, que promoves liñas de investigación de fronteira, que cumpras criterios de ética e integridade. Pero tamén hai que ir máis aló do ‘investigo e publico’: hai que intentar transferir coñecemento.

Tamén se falou sobre a burocracia: onde está o bloqueo real? Normativa, medios, cultura organizativa…?

Eu creo que é unha cuestión de cultura organizativa e de repensar procesos. Ten que ver con dixitalización, pero sobre todo con pensar dende o proceso: que cousas facemos que son absurdas e non xeran valor. Hai que abordalo por ámbitos e vendo todas as perspectivas. Nos procesos intervén xestión, PDI, estudantado; afecta a distintos colectivos. Ás veces non pensamos no receptor do proceso e, como receptores, tampouco sabemos exactamente o que precisamos. O fundamental é pensar de novo como facemos as cousas. Por iso digo que o gran reto é o cambio de cultura da universidade.

Imos situarnos seis anos despois. Se agora fose vostede elixida nova reitora da USC, como lle gustaría que definisen o seu paso pola reitoría ao final do mandato?

Gustaríame que, ao votar a vista atrás, vísemos un cambio importante en como facemos as cousas e que nos sentísemos orgullosos de ser parte da USC. Percibimos moito a falta de sentido de pertenza, de orgullo. A experiencia de vir á universidade non é só vir estudar ou traballar: o impacto como institución vai moito máis aló. Temos que volver sentirnos orgullosos de ser parte da universidade. Eu cando estiven fóra sentinme moi orgullosa de vir da USC. Gustaríame que todo o estudantado se sentise moi orgulloso de terse formado aquí. Que nos sintamos parte e que sintamos orgullo de ser da universidade.

É orgullo de pertenza. Nas reunións eu preguntaba que lle pides á universidade e repetíase moito “que me faga a vida máis fácil”. Había sobrecarga en todo: estudantado, PDI, PTXAS. E tamén xente con moitos anos dicindo “eu non lle dou unha hora máis”. Para volver ao orgullo de pertenza temos que volver ao cambio de cultura: unha universidade que escoite, que confíe nas persoas, que entenda que quen está aquí quere aportar.

Mirar pola universidade, pero que a universidade mire por nós.

Exacto. Cando falamos cos servizos e preguntamos o que precisan, a xente que está a pé de obra é a que mellor sabe cales son as necesidades. Hai cambios que supoñen investimentos, pero hai moitos que non: son cambios culturais, e case son os máis difíciles.

ÚLTIMAS

O Compos arrinca o 2026 cunha vitoria a domicilio e mantén a portería a cero

A SD Compostela iniciou o ano 2026 do mesmo xeito que pechara o anterior,...

Novo despregue de bombeiros e policía por un novo incidente no Asador Gonzaba

Un novo despregue de medios de emerxencia tivo lugar na noite deste sábado diante...

O PP acusa o goberno local de non garantir o pagamento das nóminas nos centros socioculturais

O Partido Popular de Santiago acusou este luns ao goberno municipal de Concello de...

O PSdeG denuncia un incidente no pavillón de Monte dos Postes que impediu a disputa dun partido oficial

O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela denunciou publicamente o sucedido este pasado...

Piden seis anos de prisión para un docente por agredir sexualmente a un alumno menor

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela,...

O IPsiUS da USC impulsa un curso para formar ao estudantado sanitario no manexo da dor crónica

O grupo Benestar–laboratorio BAP (Brain and Pain), integrado no Instituto de Psicoloxía da USC...

O Ateneo acolle unha mesa redonda coas catro candidatas a reitora da USC

O Ateneo de Santiago celebrará este luns 12, ás 19:30, na sede de Afundación...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here