O Concello de Santiago de Compostela vén de aprobar o plan municipal de abordaxe do senfogarismo para o período 2027-2030, un documento que recolle 30 medidas concretas estruturadas en seis liñas de acción e que servirá de marco para as políticas locais dirixidas ás persoas en situación de exclusión residencial. Así o anunciou a concelleira de Servizos Sociais, María Rozas, nunha rolda de prensa na que tamén participaron a técnica municipal Eva González e a traballadora social Beatriz Sixto, integrantes do equipo redactor.
Durante a súa intervención, Rozas avanzou que o Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas Sen Fogar de Belvís ten como horizonte de apertura o 1 de xuño de 2026, unha vez completados os trámites administrativos e o proceso de dotación de equipamento. A concelleira subliñou que o proxecto culmina unha traxectoria iniciada no mandato 2015-2019 e lembrou o impulso dado daquela pola exconcelleira Concha Fernández, no marco dos fondos europeos.
O plan presentado aposta por un enfoque de dereitos humanos e por unha intervención que, segundo explicou Rozas, “non se limita á cobertura de necesidades básicas”, senón que busca promover a inclusión e a autonomía persoal, afastándose dunha visión asistencialista. A estratexia municipal identifica o senfogarismo como “a máxima expresión da exclusión social” e incide na necesidade de traballar en rede con outras administracións e entidades sociais.
As seis liñas de acción do documento son: coordinación e traballo en rede; prevención do senfogarismo; concreción de dereitos; protección social e atención integral; promoción de proxectos vitais e autonomía persoal; e transparencia, sensibilización e loita contra a discriminación e os discursos de odio. Entre as medidas recóllense actuacións de prevención, acompañamento en trámites como o empadroamento, acceso ao sistema sanitario, itinerarios de inclusión social, reforzo do persoal municipal e mantemento de convenios con entidades sociais.
No marco do plan, o Concello prevé tamén a creación dunha comisión de seguimento da intervención municipal co colectivo de persoas sen fogar, na que participarán organizacións sociais da cidade. Esta comisión terá como obxectivo mellorar a coordinación e facer máis visible o traballo que desenvolven os servizos sociais.
En relación co novo centro de Belvís, Rozas anunciou o inicio da consulta pública da ordenanza reguladora, que definirá o funcionamento, a organización, o acceso e o modelo de intervención do equipamento, así como os dereitos e deberes das persoas usuarias. O regulamento será sometido posteriormente á Xunta de Goberno Local e ao Pleno municipal.
Segundo detallou a concelleira, o centro estará aberto as 24 horas do día, os 365 días do ano, contará con persoal técnico municipal e cun servizo externo en horario de 08:00 a 22:00, e funcionará como un recurso de transición cara á vida autónoma. A admisión estará condicionada á disposición das persoas usuarias a participar nun itinerario personalizado de inclusión social.
O proceso de atención estrutúrase en tres fases: unha primeira de acollida e avaliación inicial, unha segunda de intervención e acompañamento integral, e unha terceira de inserción e autonomía, orientada a facilitar a saída do recurso e reducir a dependencia do servizo municipal. A permanencia máxima prevista será de dous anos, con posibilidade de prórroga en casos excepcionais tras valoración técnica.
Na mesma xuntanza de goberno local na que se aprobou o plan, o Concello deu luz verde á certificación final das obras do centro de Belvís e á adxudicación do equipamento e mobiliario, cun investimento próximo aos 50.000 euros.
Pola súa banda, a técnica municipal Eva González destacou que o documento sistematiza boa parte do traballo que xa se vén desenvolvendo en Compostela nos últimos anos, como a atención individualizada e os itinerarios de inclusión, e incorpora novas ferramentas, entre elas o propio centro municipal e a comisión de seguimento. González fixo tamén un chamamento aos medios de comunicación para que teñan en conta a complexidade das intervencións sociais e o impacto que determinadas informacións poden ter nos procesos de acompañamento das persoas usuarias.
Tanto desde o ámbito político como técnico insistíuse na necesidade de sensibilización social e de evitar a estigmatización, unha liña de traballo que o plan incorpora como novidade e que pretende contribuír a un maior coñecemento da realidade do senfogarismo e da actuación dos servizos sociais municipais.

