InicioSANTIAGOMaite Flores presenta a súa candidatura ao reitorado da USC e critica...

Maite Flores presenta a súa candidatura ao reitorado da USC e critica a descentralización de Medicina

A catedrática defende unha planificación centrada no alumnado, reclama máis diálogo e comprométese a reforzar o Campus Terra de Lugo

Publicado o

Xornal de Compostela

A catedrática de Física Maite Flores iniciou formalmente a súa carreira cara ao reitorado da Universidade de Santiago de Compostela nun acto simbólico diante do Colexio de San Xerome, onde estivo arroupada polo que sería o seu equipo de goberno. Aínda que o rexistro da candidatura se realiza por vía electrónica, Flores quixo manter este xesto presencial porque, segundo afirmou, “hai algúns costumes que se deben manter”.

Na presentación, formulou varias das prioridades que considera fundamentais para o futuro inmediato da institución. Entre elas situou a recuperación do peso estratéxico do Campus Terra de Lugo, ao que atribuíu unha perda de protagonismo nos últimos anos. Afirmou que apostará por un modelo de “liderado centralizado, pero tamén distribuído”, coa vista posta en modernizar a USC de aquí a unha década e situar o alumnado no centro da acción universitaria.

Flores amosou tamén un ton conciliador respecto ás outras aspirantes ao cargo. Valorou positivamente que diferentes perfís decidan presentarse, destacando que dar “un paso á fronte” nunha institución desta dimensión, con vontade de contribuír ao seu avance, é “moi bo” para o sistema universitario galego.

Un dos puntos máis esperados da súa intervención foi a súa posición sobre a descentralización do Grao de Medicina, unha cuestión especialmente sensible en Santiago e que provocou un amplo debate académico e político nos últimos meses. A candidata fixo explícito o seu respaldo á Facultade de Medicina, que vén manifestando o seu desacordo co convenio proposto polos distintos axentes implicados. “O primeiro no que se debe pensar sempre é nos estudantes, e con ese convenio non se pensou”, advertiu.

Engadiu que quedan “moitas cuestións sen resolver”, entre elas se o novo modelo obrigaría ao estudantado que xa iniciou os seus estudos a trasladarse a outras universidades. Para Flores, este é un exemplo da falta de diálogo no proceso: “Chegaría ao reitorado con ganas de dialogar”, dixo, incidindo en que non se consultou de forma suficiente nin co alumnado nin co profesorado, senón “simplemente cos estadios superiores”.

Tamén advertiu das consecuencias que, ao seu xuízo, tería estender a titulación a máis localizacións: “Non tería sentido agora mesmo pór a titulación en tres sitios, porque isto xa se demostrou máis veces que o único que fai é debilitarnos”.

A candidata conclúe así a súa entrada na contenda electoral cunha mensaxe clara: reivindicar unha USC cohesionada, con diálogo interno e unha planificación académica que priorice ás persoas que estudan na institución.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

Suspenden a audiencia contra un policía urbanístico de Santiago acusado de falsificar un informe

A Audiencia Provincial da Coruña, na súa sede de Santiago de Compostela, suspendeu este...