InicioSANTIAGOO parque de bombeiros queda de novo baleiro a causa do acciente...

O parque de bombeiros queda de novo baleiro a causa do acciente desta mañá no Eixo

Esta saída deixou sen operativos os servizos municipais durante máis dunha hora, segundo denuncian os propios profesionais

Publicado o

Xornal de Compostela

O parque de bombeiros de Santiago permaneceu sen persoal operativo arredor dunha hora e cuarto na mañá deste luns, despois de que os tres efectivos de servizo tivesen que acudir a un accidente múltiple no Eixo, na N-525. O sinistro, rexistrado pouco antes das 07:00, implicou tres vehículos e requiriu tarefas de excarceración, polo que todo o equipo de garda se desprazou ao punto.

Segundo explicaron fontes do servizo municipal, a ausencia total de persoal no parque implicaba que, de producirse outro aviso, o 112 contactaría co mando desprazado ao accidente. Con todo, recoñecen que “por moito que chegue o aviso, non se puido atender, porque xa estaban tres para facer o traballo de seis”. A intervención desenvolveuse nun escenario con varios vehículos implicados, riscos engadidos e unha manobra de liberación dunha persoa atrapada.

A denuncia pública chegou tamén a través do perfil de Instagram dos bombeiros, onde advertiron de que encadean 48 horas “sen operatividade real” e que este inicio de decembro se afronta cunha dotación mínima para toda a cidade. Aseguran que a emerxencia desta madrugada foi “complexa” e que requiría coordinación e seguridade, pero que a actuación se realizou “coa máxima profesionalidade posible” malia á falta de medios. “Cada minuto conta, cada par de mans conta… e hoxe faltaban”, indicaron.

Os profesionais subliñan que non se trata dun episodio puntual. “Non falamos dun feito illado nin dun mal día”, expuxeron, tras lembrar que a cidade “non contou cun servizo capaz de responder o mínimo esixible” durante dous días completos. Engaden que este luns continúan “sen reforzos, nin planificación, nin respostas”, e que un servizo que debería ser “intocable, estable e prioritario” está reducido a un equipo que non pode garantir nin tempos de resposta nin protocolos de seguridade.

A situación, sosteñen, arrastra tempo e xa deriva nunha “emerxencia institucional”. Pregúntanse “canto máis está disposta a soportar esta cidade antes de que se asuman responsabilidades” e insisten en que o problema non é unha cuestión de comodidade, senón de vidas e seguridade cidadá.

BOUZA ATRIBÚE A SITUACIÓN A UN “DESGOBERNO” MUNICIPAL

O secretario xeral do PSdeG en Santiago, Aitor Bouza, ligou o baleirado do parque de bombeiros ao que cualificou de “absoluto desgoberno” no Concello, asegurando que “a cidade lle queda grande ao Goberno local e á alcaldesa, ‘Goretti Sanmartín’”. Tras ser preguntado polos medios, sostivo que o executivo está advertido “desde hai un ano” da falta de medios no servizo e que “non se puxo enriba da mesa ningunha solución”. Bouza defendeu que o PSdeG está a “traballar en buscar alternativas”, pero reclamou un executivo “diligente” e “preocupado” pola situación, ao considerar que a resposta municipal non garante nin planificación nin medidas que eviten novos episodios coma o deste luns.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

‘O Encontro’ levará á Alameda unha xornada para achegar a democracia á mocidade galega

A Alameda de Santiago de Compostela converterase o sábado 12 de setembro nun espazo...

Seis policías auxilian en Santiago unha muller gravemente ferida tras unha agresión da súa parella

Seis axentes da Policía Nacional auxiliaron nunha vivenda do centro de Santiago unha muller...