Unha trintena de municipios galegos izaron este sábado a bandeira de Galicia para conmemorar o 107º aniversario da I Asemblea Nacionalista de 1918 das Irmandades da Fala, nun acto organizado por Vía Galega. En Santiago, o evento celebrouse nos exteriores do pavillón de Santa Isabel, un lugar emblemático que serviu como prisión durante a Guerra Civil e que, segundo a concelleira de Memoria Histórica, Míriam Louzao, “garda extraordinarias historias de solidariedade dun barrio que axudou ás vítimas da brutal represión”.
No acto participaron máis de medio cento de persoas, acompañadas por gaiteiros, e tres nenos leron poemas de Marica Campo, Manuel María e Florencio Delgado. Louzao destacou que a bandeira galega é “un sinal de amor á patria” e resaltou o compromiso do Concello coa difusión dos símbolos de identidade, incluída a normalización da lingua no deporte. Estivo acompañada polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e concelleiros locais.
A representante de Vía Galega, Lucía Veciño Souto, leu o manifesto da organización, que subliña que moitas das reivindicacións da I Asemblea Nacionalista seguen vixentes, como a igualdade de dereitos para as mulleres e a autonomía integral de Galicia. Ademais, criticou reformas na Lei do Deporte e solicitou a restauración oficial da letra do himno galego. Veciño convocou ao público a un novo acto de reivindicación do himno o 17 de decembro no Teatro Principal de Santiago.

