InicioSOCIEDADEA Xunta e a USC pactan reformular o Máster en Matemáticas e...

A Xunta e a USC pactan reformular o Máster en Matemáticas e retomar a súa oferta en 2026-27

A Plataforma en Defensa do Mestrado en Matemáticas lamenta que o acordo entre Xunta e USC é "un retorno" ao comezo.

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta informou “favorablemente” a proposta do novo Máster en Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que se impartirá a partir do curso 2026-27. Desta forma, ambas as institucións acordaron o inicio dos trámites para a súa autorización.

Así o trasladou na mañá deste venres o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, á vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López, e ao decano da Facultade de Matemática, Alberto Cabada, nunha reunión na que participou tamén o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez.

Isto significa que o posgrao regresará á oferta educativa tras un ano de parón. Desta forma, mantense a decisión tomada polo Goberno galego de non impartilo no curso 2025-26 por non cumprir co mínimo de alumnos, o cal era unha demanda da comunidade educativa, apoiada pola propia Facultade, a USC e mesmo o Concello.

No encontro deste venres, o conselleiro agradeceu a disposición da Universidade de traballar conxuntamente para reformular o máster, de forma que este resulte “máis atractivo” para os estudantes e avanzar na calidade e a especialización. Rodríguez asegurou que se dá “cumprimento” ao seu “compromiso” de seguir ofertando a titulación tras a súa renovación.

Segundo trasladou a semana pasada o reitor da USC, Antonio López, en declaracións aos medios, esta nova proposta substituirá á titulación anterior, “con algunhas adaptacións e formulacións diferentes”.

A partir de agora, a USC iniciará os trámites administrativos establecidos na normativa para solicitar a autorización oficial da oferta do máster. Esta deberá incluír tamén informe por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e aprobación definitiva por parte do Consello Galego de Universidades.

SEN MOTIVOS PARA CELEBRAR O ACORDO

A Plataforma en Defensa do Mestrado en Matemáticas sinalou que “non ve motivos” para celebrar o acordo anunciado entre a Consellería de Educación e a Universidade de Santiago de Compostela, xa que supón “un retorno” ao momento de partida e “non garante en absoluto” a continuidade real do máster.

Nun comunicado, a plataforma sinala que o “dano xa esta feito” porque unha xeración de estudantes “perderá a oportunidade” de cursar este máster en Galicia e considera que a reputación da Facultade de Matemáticas foi “severamente danada” ante a “falta de respostas claras e o abandono institucional”.

Así mesmo, tacha de “insuficiente” o acordo porque “non resolve” a raíz do problema: “o rexeitamento da singularidade o máster, adoptado sen informe técnico, contra o criterio da presidencia da ACSUG e sen respaldo de ningún órgano académico nin científico”.

Finalmente, a Plataforma avanzou que seguirá traballando con “responsabilidade e firmeza” para “reparar o dano causado” e acabar coa “lesión continuada” da autonómica universitaria que “pon en risco” ao sistema público de educación superior de Galicia.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

Martín Pereira Fariña é elixido novo decano da Facultade de Filosofía da USC por unanimidade

A Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela contará cun novo equipo...