A Deputación da Coruña abriu ao público unha mostra bibliográfica polo XX Aniversario do Premio Castelao de Banda Deseñada. Así mesmo, desenvolve un completo programa de actividades paralelas en colaboración con Afundación.
Segundo informa o ente provincial, trátase dunha actividade complementaria propia do organismo no marco da celebración do V Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea Afundación (MiiC), que ten lugar Santiago de Compostela. Esta exposición, engade, pon o foco nas obras publicadas ao amparo do certame, “consolidado como un referente no ámbito cultural galego”.
A mesma articúlase ao redor de dous eixos. Por unha banda, exponse as ilustracións das dúas últimas obras editadas do premio: ‘Rosalía oculta’, de Paula Maior Agrelo, e ‘O día de San Martiño’, de Cristian Fojón Caruncho. Por outra, preséntase a colección completa de todos os libros publicados ao longo destas dúas décadas, ofrecendo unha visión panorámica da evolución estética e temática da banda deseñada galega contemporánea.
A exposición poderá visitarse de forma gratuíta ata o 15 de maio na sede de Afundación en Santiago. A programación complétase cunha xornada de actividades abertas ao público que terá lugar o 10 de maio.