InicioSANTIAGOSantiago aproba unha nova ordenanza de residuos para reforzar a reciclaxe orgánica

Santiago aproba unha nova ordenanza de residuos para reforzar a reciclaxe orgánica

O depósito do lixo estará limitado a un horario no caso do vidro e dos restos

Publicado o

Xornal de Compostela

A xunta de goberno local de Santiago de Compostela deu luz verde á nova ordenanza de residuos, coa que o Concello busca actualizar a normativa vixente desde 2008 e adaptala ás directrices ambientais europeas. A medida, presentada polo concelleiro de Sustentabilidade Ambiental e Servizos Básicos, Xesús Domínguez, céntrase en reforzar a separación da fracción orgánica e pretende reducir a produción global de residuos, que no ano 2024 superou as 39.600 toneladas.

A ordenanza, que deberá ser aprobada en pleno municipal este verán, establece como prioridade implantar o modelo de separación ‘húmido-seco’, cun tratamento específico para os residuos orgánicos. Segundo detallou Domínguez, a mitade do lixo xerado en Santiago é de orixe orgánica, unha cifra que o goberno local vincula ao aumento da poboación, o turismo e as actividades festivas.

Actualmente, máis de 5.000 fogares composteláns participan xa na separación da materia orgánica, ben a través de composteiros individuais (1.700 familias) ou mediante os colectores marróns con peche electrónico (297 unidades) aos que acceden unhas 3.300 familias. O sistema complétase con 12 illas de compostaxe comunitaria, ás que se sumarán outras seis nas próximas semanas.

HORARIOS E REGULACIÓN DO DEPÓSITO DE LIXO

A ordenanza tamén inclúe novas franxas horarias obrigatorias para o depósito de residuos. A recollida de vidro limitarase ao horario diúrno, de 8:00 a 22:00 horas, mentres que a fracción ‘resto’ só poderá depositarse de 21:00 a 23:00 horas, ou desde as 19:00 horas nas illas temporais da cidade histórica.

As fraccións de orgánicos, papel-cartón, envases lixeiros, téxtiles e aceites usados, pola contra, non terán limitación horaria, co fin de favorecer a súa correcta separación.

Domínguez explicou que este novo sistema busca mellorar a eficiencia do servizo de limpeza e facilitar a participación cidadá no modelo de recollida: “Para a xestión dos residuos temos que coñecer e cumprir as diferentes franxas horarias para mellorar o servizo”, indicou.

OBXECTIVOS E REGULACIÓN COMPLEMENTARIA

A nova normativa incorpora tamén a definición e categorización de residuos, os dereitos e deberes da cidadanía, así como os criterios técnicos para a súa xestión. En cumprimento das exixencias europeas, Santiago terá que acadar un 55% de separación de residuos en 2025, subindo ao 60% en 2030 e ao 65% en 2035.

Tamén se regulará a limpeza dos espazos públicos, con especial atención ás especificidades das diferentes zonas da cidade, e co centro histórico como prioridade.

En paralelo, o Concello traballa nunha nova ordenanza fiscal do lixo, que dependerá da concellaría de Facenda e que aínda está en fase de negociación. Esta norma fiscal será a encargada de establecer os criterios económicos asociados á recollida e tratamento do lixo, e podería recoller fórmulas de pago por xeración, incentivos ou bonificacións vinculadas á colaboración coa separación de residuos.

A nova ordenanza forma parte da estratexia municipal para incrementar a sustentabilidade urbana, optimizar a xestión do lixo e cumprir cos compromisos ambientais marcados pola UE no marco da transición ecolóxica.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

Martín Pereira Fariña é elixido novo decano da Facultade de Filosofía da USC por unanimidade

A Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela contará cun novo equipo...