InicioSANTIAGOSanmartín ve "un desprezo á cidadanía de Santiago" a suba de 250.000...

Sanmartín ve “un desprezo á cidadanía de Santiago” a suba de 250.000 euros na partida de Estatuto de Capitalidade

O portavoz do PP de Santiago, Borja Verea, defendeu a subida de 250.000 euros na partida do Estatuto de Capitalidade nos orzamentos da Xunta para o próximo ano, "a maior nos últimos 15 anos", e criticou á alcaldesa, Goretti Sanmartín, que pida diñeiro "para non facer nada"

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, reiterou este luns que a subida de 250.000 euros na partida do Estatuto de Capitalidade nos orzamentos da Xunta para o próximo ano é “un desprezo á cidadanía de Santiago”.

En declaracións aos medios tras un acto en Compostela, a rexedora, como xa fixo a semana pasada, apuntou que respecto deste estatuto hai “un incumprimento por parte do Presidente da Xunta”, que “tiña que reunir á Comisión de Capitalidade” e “pór encima da mesa estudos” para avalar a subida de achegas.

O concello, lembrou a alcaldesa, si achegou estudos propios nos que se cifra en 8 millóns a transferencia necesaria. “Insistimos, dixemos por activa e por pasiva que entendiamos que non fose de súpeto, que fose algo progresivo, ou que poñan encima da mesa estudos que fixen outra cantidade, pero con diálogo“, dixo Sanmartín.

Por iso, a cantidade que reflicten os orzamentos para 2025, de 2,6 millóns, é, para Goretti Sanmartín, “un desprezo á cidadanía de Santiago”. “E quen sosteña que iso é suficiente para abordar os problemas da capitalidade, primeiro ignoran os estudos de persoas expertas feitos e, doutra banda, ao final, no canto de situarse á beira dos veciños, non se sabe o que están a facer”.

Referiuse, de maneira concreta, ás críticas do líder dos populares santiagueses, Borja Verea. “Espero que non haxa xente que, ao mesmo tempo que concelleiro, e que, por tanto, se debe aos intereses dos veciños de Compostela, que vote contra os intereses de Santiago”, resolveu.

PARQUE DE BOMBEIROS

Doutra banda, a preguntas dos medios sobre a cantidade asignada nos orzamentos da Xunta ao futuro parque comarcal de bombeiros, o edil de Mobilidade, Xan Duro, lembrou que o Goberno galego ten “un compromiso público de achegar un millón de euros”, así como “a través do Consorcio da Deputación achegar tamén para o mantemento”.

“Aparecen 700.000 euros nos orzamentos? Esperemos a falar con eles para que nos expliquen, porque o compromiso é un millón”, manifestou.

Así mesmo, detallou que esta semana haberá reunións con alcaldes e equipos técnicos “para puír detalles” e , cando estean, “asinarase o convenio”.

En todo caso, Xan Duro explicou que despois haberá que redactar o proxecto, licitar a obra e, a continuación, “porse a construír”. “No anteproxecto está definidica como ao redor de 16 meses. Hai tempo por diante”, afirmou antes de sinalar que as instalacións actuais “soportan perfectamente o funcionamento dun parque comarcal”.

REACCIÓN DO PP SANTIAGUÉS

O portavoz do PP de Santiago, Borja Verea, defendeu a subida de 250.000 euros na partida do Estatuto de Capitalidade nos orzamentos da Xunta para o próximo ano, “a maior nos últimos 15 anos”, e criticou á alcaldesa, Goretti Sanmartín, que pida diñeiro “para non facer nada”.

Tras sinalar este luns a rexedora en declaracións que respecto deste estatuto hai “un incumprimento por parte do Presidente da Xunta” e que considera a asignación “un desprezo” á cidadanía da capital galega, o portavoz popular cualificou de “curiosas” estas palabras, xa que considera que Sanmartín leva “15 meses á fuga, criticando a presentación en prazo duns orzamentos cando o goberno que ela dirixe non presentou nada para o ano 2025”.

Nesta liña, manifestou que despois de 15 meses de “xestión nefasta do BNG”, a cidade “está máis sucia que nunca, as débedas son máis altas que nunca” e o transporte público e o tráfico “están peor que nunca”. “Debería de empezar por porse a traballar no canto de estar a pedir diñeiro para non facer nada”, censurou.

Sobre o Estatuto de Capitalidade, Verea sinalou que hai un dato “obxectivo”: “É a maior subida nos últimos anos; increméntase en máis dun 10%, cinco veces por encima do que crece o orzamento da Xunta”. Así mesmo, censurou que o Goberno local pedise “unha subida dun 500%”. “Era esta unha petición racional ou unha esaxeración para poder seguir buscando conflitos inventados?”, cuestionou.

A continuación, Borja Verea reivindicou que será “o primeiro que vai defender os intereses desta cidade” e para el “nunca serán suficientes as cantidades dedicadas para Santiago”. En todo caso, sinalou que este sentimento “sería máis intenso” cun executivo local que “pensase no interese xeral, que gastase en obra pública, que fose eficiente e solvente e que pagase en prazo as súas facturas”. “Temos un goberno do BNG ineficaz e nefasto”, concluíu.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

Martín Pereira Fariña é elixido novo decano da Facultade de Filosofía da USC por unanimidade

A Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela contará cun novo equipo...