InicioSANTIAGOSantiago é a única das sete cidades onde o turismo suma carga...

Santiago é a única das sete cidades onde o turismo suma carga poboacional todos os trimestres

Compostela está sometida a unha maior carga de poboación que Ourense, a pesar de ter menos poboación residente

Publicado o

Xornal de Compostela

Santiago é o único dos sete grandes concellos co compoñente de turismo positivo en todos os trimestres do ano 2022, segundo a estatística de ‘Carga de poboación estacional dúas concellos de Galicia’ que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Ese ano, os compoñentes cunha maior contribución ao saldo poboacional das sete cidades son as correspondentes aos desprazamentos por motivos de estudos e traballo.

Destaca a compoñente dos estudos en Santiago no primeiro e no último trimestre, e o compoñente do traballo na Coruña, Santiago e Vigo.

No terceiro trimestre de 2022, sobresae o aumento do compoñente das segundas vivendas nas sete cidades, e o incremento do turismo na capital galega.

De feito, en todo o período 2011-2022, Compostela está sometida a unha maior carga de poboación que Ourense, a pesar de ter menos poboación residente.

SALDO POBOACIONAL

En todos os trimestres de 2022 figuran as sete grandes cidades entre os municipios con maiores saldos poboacionais. No primeiro, os 10 primeiros complétanse co Porriño, Bergondo e Mos.

Do segundo ao cuarto trimestre, Sanxenxo ocupa o lugar de Bergondo entre os 10 concellos con maior saldo. No segundo e no cuarto trimestre San Cibrao das Viñas completa os 10 no lugar de Mos, mentres que no terceiro trimestre son os costeiros do Grove e Foz os que, xunto con Sanxenxo, enchen a lista.

Pola contra, en 2022, os municipios con saldos poboacionais máis negativos son algúns na contorna das grandes cidades, como Ames, Oleiros, Teo, Narón, Cambre, Redondela, Ponteareas e Barbadás.

TAXA DE CARGA POBOACIONAL

Excepto no terceiro trimestre, os concellos con maiores taxas de carga poboacional en 2022 son Carballeda de Valdeorras, debido á entrada de traballadores, e Mondariz-Balneario, polos turistas.

No entanto, no terceiro, os municipios con maiores taxas de carga poboacional son Sanxenxo, Barreiros e Mondariz-Balneario, que reciben fundamentalmente a entrada de non residentes por motivos de turismo ou estancias en segunda vivendas.

A taxa de carga poboacional de Sanxenxo nese período, do 166,99%, denota que durante o verán está sometido a un 67% máis de poboación da que indica a súa poboación residente.

NOITE E DÍA

O IGE destaca o diferente comportamento entre noite e día que mostra Vigo, xa que nos dous primeiros trimestres presenta un saldo poblacoinal nocturno baixo e “notablemente elevado” polo día.

Excepto no terceiro trimestre de 2022, o concello que mostra un maior saldo poboacional que pasa a noite é Santiago, seguido da Coruña, Lugo e Sanxenxo.

En canto aos que máis poboación perden pola noite, en 2022 o ranking está encabezado por Vigo no primeiro trimestre e Ames no tres seguintes.

En canto ao compoñente de segundas vivendas, no terceiro trimestre os concellos en que máis aumenta en termos relativos a poboación que pasa a noite debido a estas son Barreiros, Foz, A Teixeira, Sanxenxo, Castro Caldelas e O Bolo, con incrementos superiores ao 15%.

Os catro municipios que máis poboación perden polo día son Ames, Oleiros, Cambre e Teo, sobre todo por desprazamentos por motivos de traballo.

ÚLTIMAS

Francisco Narla reconstrúe en ‘Suseia’ a vida descoñecida do Mestre Mateo

O escritor Francisco Narla regresa á historia de Santiago de Compostela coa publicación de...

O Concello de Santiago contrata nove persoas para reforzar o mantemento de zonas verdes, vías e limpeza de pintadas

O Concello de Santiago incorporou nove traballadores a través do departamento de Emprego para...

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar...

O COAG Santiago entrega no Teatro Principal os premios ‘PRÓXIMOS’ con oito obras compostelás recoñecidas

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrou este sábado...

Santiago deberá acudir ao fondo estatal de pago a provedores con 7,79 millóns de euros financiables

O Concello de Santiago de Compostela terá que participar de maneira obrigatoria no fondo...

A Maker Faire Galicia abre en Santiago cunha xornada centrada no emprendemento e a innovación social

A Maker Faire Galicia inaugurou este venres en Santiago de Compostela a súa XII...

Un modelo da USC permite prever como reducir a calor nas cidades mediante cambios urbanísticos

O incremento das temperaturas está a aumentar o impacto da meteoroloxía sobre a saúde...