InicioPOLÍTICASanmartín critica que a Xunta converta a reunión sobre o aparcadoiro do...

Sanmartín critica que a Xunta converta a reunión sobre o aparcadoiro do CHUS nun “acto público”

A Comisión de Seguimento reunirase o martes 30 de xuño por primeira vez desde a sinatura do protocolo, formalizada en agosto de 2024

Publicado o

Xornal de Compostela

A Comisión de Seguimento para a construción do novo aparcadoiro do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) celebrarase o vindeiro martes 30 de xuño, case dous anos despois da sinatura do protocolo que debía servir de base para avanzar no proxecto, formalizada o 2 de agosto de 2024.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, confirmou a convocatoria en rolda de prensa e definiuna como unha noticia “moi importante” e “fundamental” para a veciñanza compostelá. A rexedora lembrou que o Goberno local solicitara formalmente en decembro de 2025 a celebración desta reunión, que será a primeira da comisión creada para informar, dialogar, traballar e concretar os proxectos incluídos no protocolo.

Segundo explicou Sanmartín, na xuntanza está prevista a participación de persoal técnico do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia, co obxectivo de abordar os detalles do futuro aparcadoiro e das actuacións vinculadas ao ámbito do Plan de Interese Autonómico (PIA).

Con todo, a alcaldesa cuestionou o formato da convocatoria recibida polo Concello, ao incluír tamén a presenza da conselleira de Vivenda e do conselleiro de Sanidade. Ao seu xuízo, a reunión dun órgano de traballo técnico sobre o PIA “quérese converter nunha escenificación para unha comparecencia mediática”.

“O aparcadoiro do clínico necesita avances reais. Iso é moito máis importante que actos públicos”, afirmou Sanmartín, que avanzou que o Concello manterá a participación municipal prevista inicialmente, aínda que ela non asistirá persoalmente á reunión.

A rexedora explicou que o Executivo local quere coñecer con detalle o contido do proxecto antes de realizar unha valoración definitiva. En concreto, sinalou que o Concello pretende analizar con “seriedade e rigor” o ámbito do PIA, as obras previstas e o deseño do aparcadoiro. Sanmartín indicou que, de ter recibido a documentación con máis antelación, si participaría na cita.

“Nós estamos moi a favor da transparencia e da información, pero non de tirar para adiante moitas veces sen coñecer ben que é o asunto do que estamos a falar”, sinalou a alcaldesa.

Sanmartín insistiu en que a construción do novo aparcadoiro do CHUS é unha actuación “moi urxente” e que o Goberno local lle concede “absolutamente toda importancia e prioridade”, especialmente pola necesidade de mellorar os accesos ao complexo hospitalario.

A alcaldesa lembrou tamén que o Concello defendía inicialmente unha solución subterránea, aínda que aceptou a posibilidade dun modelo híbrido, cunha parte elevada e outra baixo terra, sempre que a intervención servise para actuar de maneira global en toda a contorna do hospital.

O FORO DE TURISMO SUSTENTABLE AVANZA CARA A SÚA CONSTITUCIÓN

Na mesma comparecencia, Sanmartín referiuse tamén á aprobación definitiva do Regulamento do Foro de Turismo Sustentable, da que se tomou coñecemento no pleno municipal celebrado este xoves.

A alcaldesa explicou que este paso permite cumprir unha das previsións recollidas na norma que crea o imposto de estancias turísticas. O seguinte trámite será a constitución formal do foro, para o que o Concello xa remitiu unha comunicación ás entidades implicadas co fin de que designen as persoas que as representarán.

“Seguimos dando pasos adiante”, destacou Sanmartín, que vinculou este avance coa posta en marcha dos instrumentos previstos para ordenar e acompañar o novo marco turístico da cidade.

ÚLTIMAS

Santiago autoriza a construción de 33 vivendas protexidas na rúa Manuel Ceruelo

O Concello de Santiago concedeu licenza á cooperativa Porto Sur para construír 33 vivendas...

O Maré traerá a Santiago a Aterciopelados, Omar Souleyman e Bia Ferreira na súa sétima edición

O festival Maré volverá a Santiago de Compostela do 23 ao 27 de setembro...

O Concello destina máis de 727.000 euros a mellorar os centros educativos durante o verán

O Concello de Santiago está a aproveitar o período sen actividade lectiva de xullo...

Ames abre as axudas de ata 1.500 euros para familias numerosas e monoparentais

O Concello de Ames mantén aberto ata o próximo 14 de setembro o prazo...

O PP acusa o goberno de Santiago de rexeitar oportunidades de diálogo coa Xunta

O Partido Popular de Santiago criticou este luns a ausencia do goberno municipal na...

O PP acusa o Goberno central de chegar tarde á preparación do Xacobeo 2027 e reclama máis investimentos para Santiago

O Partido Popular realizou este venres un balance da colaboración do Goberno de España...

O PSdeG de Santiago atribúe o novo colapso das Urxencias á falta de planificación da Xunta e reclama responsabilidades

O secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, denunciou un novo episodio de...