InicioPOLÍTICASantiago constitúe o Consello Local da Infancia para incorporar a voz dos...

Santiago constitúe o Consello Local da Infancia para incorporar a voz dos nenos e nenas á política municipal

O novo órgano nace coa participación de rapaces e rapazas compostelás, que trasladaron no Salón de Plenos propostas sobre medio ambiente, inclusión, lecer e convivencia

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago constituíu este martes, 16 de xuño, o Consello Local da Infancia (CLIS), un novo órgano de participación co que a rapazada compostelá poderá trasladar propostas e achegas á política municipal. A iniciativa busca abrir un espazo estable para que os nenos e nenas poidan expresar as súas preocupacións e formular ideas en ámbitos como a inclusión, o medio ambiente, o lecer, a seguridade nos espazos públicos ou a convivencia nos barrios.

A sesión de constitución celebrouse no Salón de Plenos do Pazo de Raxoi, onde os menores ocuparon as butacas habitualmente reservadas aos membros da Corporación municipal. Fixérono en representación da infancia compostelá e coa vontade de participar directamente na vida pública da cidade.

O acto estivo presidido pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e contou tamén coa presenza da concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas; da concelleira de Educación, Míriam Louzao; da edila socialista Marta Abal; da concelleira non adscrita Mercedes Rosón; e da concelleira do Partido Popular Nerea Barcia. A sesión desenvolveuse ademais ante un amplo público formado por familiares dos participantes.

Durante a súa intervención, Sanmartín destacou a vontade de que este novo órgano teña continuidade no tempo e quede incorporado á vida institucional do Concello. A alcaldesa afirmou que esta iniciativa “se vai a quedar para sempre ligada ao Concello” e sinalou que, despois deste primeiro grupo, chegarán novas xeracións de nenos e nenas que ocuparán ese espazo para seguir facendo propostas para mellorar Santiago.

Pola súa banda, María Rozas valorou o traballo realizado nos meses previos coa rapazada participante e asegurou que o proceso superou as expectativas do departamento de Servizos Sociais. “Creo que a primeira lección que nos deron é saber chegar a acordos de forma dialogada, participada e divertida”, afirmou a concelleira.

Na sesión participaron 48 dos 52 menores que tomaron parte nas actividades preparatorias desenvolvidas antes da constitución formal do Consello. O grupo trasladou á Corporación municipal o seu compromiso coa iniciativa e reivindicou a importancia de que a infancia poida ser escoitada nas cuestións que afectan á cidade. Segundo expresaron, consideran que “a infancia debe participar nas decisións importantes”.

Os nenos e nenas definiron o CLIS como un espazo para dialogar, participar e aprender a traballar en equipo, sempre desde o respecto ás distintas opinións. Tamén manifestaron o seu desexo de contribuír a un Concello “aberto, divertido e inclusivo”, no que todas as voces poidan ter cabida.

“Participar aquí require responsabilidade e queremos un espazo no que sintamos cómodos para falar”, sinalaron durante a sesión. Tamén defenderon que “cando a infancia participa a comunidade mellora”, unha idea que centrou boa parte das intervencións realizadas no Pazo de Raxoi.

Entre as cuestións que trasladaron ao Concello figurou a preocupación polo coidado do medio ambiente. A rapazada pediu avanzar cara a un municipio “máis limpo e verde” e reflexionou sobre o papel que poden desempeñar os nenos e nenas no coidado do planeta. Neste sentido, subliñaron que “os pequenos xestos poden marcar a diferenza”.

Outro dos asuntos abordados foi a necesidade de contar con máis oportunidades de lecer cultural e deportivo, así como con espazos públicos nos que a infancia poida moverse con seguridade. Os participantes coincidiron en que “as rúas deberían estar pensadas para os nenos, con máis espazos seguros para andar en bicicleta e parques para todas as idades”.

A inclusión e a convivencia tamén ocuparon parte da sesión. Os integrantes do novo Consello Local da Infancia insistiron na importancia de dialogar e buscar solucións en equipo, co obxectivo de que todos os nenos e nenas se sintan incluídos e de favorecer unha boa convivencia na cidade.

ÚLTIMAS

Santiago autoriza un cámping para 40 caravanas no Tambre e adxudica proxectos de accesibilidade en varios edificios

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns unha serie de acordos...

Muíños pide ao Concello que aclare como afecta o novo recurso á adxudicación do transporte urbano

O concelleiro non adscrito de Santiago Gonzalo Muíños reclamou ao goberno municipal información detallada...

A Xunta instala 15 paneis no río Sar para advertir do risco de inundación en Santiago

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático colocou, a través de Augas de...

Un novo recurso volve frear a tramitación do contrato do bus urbano de Santiago

A tramitación do novo contrato do transporte urbano de Santiago de Compostela afronta un...

Muíños pide ao Concello que aclare como afecta o novo recurso á adxudicación do transporte urbano

O concelleiro non adscrito de Santiago Gonzalo Muíños reclamou ao goberno municipal información detallada...

Rosón esixe ao Concello toda a documentación sobre Fly2Galicia e acusa o goberno de non revisar a operativa

A concelleira non adscrita de Santiago Mercedes Rosón reclamou ao goberno municipal que faga...

Verea tira de ironía ante o choque no bipartito pola polémica de Fly2Galicia: “Que pasa, bro?”

Compostela Aberta (CA), socio do BNG no Goberno municipal de Santiago, expresou este venres...