InicioPOLÍTICAO pleno de Santiago aproba por unanimidade reactivar a rehabilitación do Pazo...

O pleno de Santiago aproba por unanimidade reactivar a rehabilitación do Pazo do Espiño

O goberno local asegura que o novo proxecto está xa en fase de avaliación técnica e que se manteñen os usos públicos previstos para o inmoble

Publicado o

Xornal de Compostela

O pleno municipal de Santiago de Compostela aprobou este xoves por unanimidade unha proposición presentada polo grupo municipal do PP para impulsar a reactivación “urxente” da rehabilitación do ‘Pazo do Espiño’, unha actuación que permanece paralizada desde a rescisión do anterior contrato de obras. A iniciativa contou co respaldo do goberno local de BNG e Compostela Aberta, do PSOE e das concelleiras non adscritas.

A proposta dos populares reclamaba acelerar os trámites para retomar o proxecto, solicitar un informe actualizado sobre o estado estrutural e de conservación do edificio e garantir a consignación económica necesaria para acometer a rehabilitación integral do inmoble. O texto tamén defendía que, unha vez restaurado, o pazo manteña usos de interese público e municipal.

Durante o debate, o concelleiro de Vías e Obras, Xesús Domínguez, avanzou que o Concello dispón xa dun novo documento técnico “en fase de avaliación” polos servizos municipais. Segundo explicou, o expediente atópase nun estado avanzado e será remitido proximamente á Comisión Asesora de Patrimonio Histórico para o ditame preceptivo. O edil sinalou que tras a rescisión do contrato anterior en 2024 o goberno traballou nun “redeseño realista” da actuación.

Domínguez asegurou tamén que o Concello adoptou medidas para “garantir a estabilidade da estrutura” e confirmou a existencia dunha partida orzamentaria destinada ás obras. Ademais, insistiu en que “en ningún momento” se puxo en cuestión que o edificio se destine a usos públicos.

Pola súa banda, o portavoz popular, Borja Verea, definiu o estado do inmoble como “un símbolo bastante triste da sensación de abandono e resignación” e advertiu do “risco de derrube” do edificio. O líder do PP local defendeu que “conservar patrimonio significa devolverlle a vida a espazos que forman parte da memoria colectiva” e reclamou “máis compromiso, máis sensibilidade e máis ambición” na protección do patrimonio compostelán.

A concelleira non adscrita Mercedes Rosón cuestionou tanto a posición do PP como a xestión do actual executivo local. Sobre os populares, lembrou que o exalcalde Gerardo Conde Roa intentou modificar os usos urbanísticos da parcela mediante un convenio “que afortunadamente non chegou a prosperar por ilegal”. Ao mesmo tempo, criticou que o goberno municipal continúe sen desbloquear unha actuación “tan demandada” polo BNG.

Nun sentido similar pronunciouse a edil socialista Marta Álvarez, quen lamentou que pasasen “case dous anos” desde a resolución do anterior contrato sen avances visibles e trasladou a preocupación do PSOE pola demora da rehabilitación.

DEBATE SOBRE MALLOU E O BANQUETE DE CONXO

O pleno tamén aprobou outras iniciativas relacionadas con proxectos urbanísticos e ambientais na cidade. Entre elas, saíu adiante unha proposta do PSOE relativa ao desenvolvemento do proxecto de interese autonómico (PIA) de Mallou, así como outra impulsada polas concelleiras non adscritas sobre a defensa da contorna do Bosque do Banquete de Conxo e o apoio á solicitude veciñal de amparo ante a UNESCO.

No caso de Mallou, a socialista Marta Álvarez recolleu as preocupacións da veciñanza polo impacto da ordenación prevista sobre arredor de trinta inmobles e pola perda de terreos.

Respecto ao Banquete de Conxo, a concelleira non adscrita Mila Castro advertiu dun “desastre ambiental sen paliativos” e denunciou que as obras promovidas pola Xunta continúan xerando unha forte afección na contorna, malia a modificación parcial do trazado inicial.

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, sostivo que a senda impulsada pola Xunta “non é compatible con algúns dos espazos que atravesa” e acusou ao PP de identificar durante anos “modernidade con destrución”. Pola súa banda, Marta Álvarez lembrou que un informe do Icomos xa advertira de “afeccións relevantes” derivadas do proxecto.

Desde o PP, Borja Verea reiterou o apoio da súa formación á infraestrutura e asegurou que responde a unha visión de “un Santiago máis conectado, máis moderno e máis verde”.

APROBADO O PLAN MUNICIPAL CONTRA O VANDALISMO

Outra das iniciativas aprobadas foi a proposta do PP para elaborar un plan municipal contra o vandalismo e en defensa do espazo público. O texto contou co apoio do PSOE e das concelleiras non adscritas, mentres o goberno local optou pola abstención.

O concelleiro popular José Antonio Constenla denunciou a existencia de zonas da cidade nas que “a deterioración se está cronificando” e criticou a lentitude na reparación dos danos, o que, segundo afirmou, provoca “sensación de abandono”.

En resposta, a portavoz do goberno municipal, Míriam Louzao, ironizou co discurso do PP e acusou aos populares de recorrer ao seu “manual básico” para presentar Santiago como “unha cidade insegura, sucia, triste, decadente e, esta vez, chea de vándalos e escura”.

ÚLTIMAS

Santiago estrea a súa primeira conexión aérea directa con Nova York tras a reapertura de Lavacolla

O aeroporto Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro recuperou este xoves a súa actividade tras...

Sindicatos denuncian unha “situación caótica” nos xulgados de Santiago tras a posta en marcha dos Tribunais de Instancia

Os sindicatos maioritarios de Xustiza —SPJ-USO, STAJ, CSIF, UGT e CCOO— denunciaron este xoves...

O persoal de limpeza e conserxería dos colexios públicos de Santiago anuncia folga e mobilizacións por desacordos coa aplicación das melloras laborais

O persoal encargado dos servizos de limpeza e conserxería dos colexios públicos de Santiago...

A alcaldesa de Santiago e a reitora da USC activan unha mesa de traballo conxunta para reforzar a colaboración institucional

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a reitora da Universidade de Santiago de...

O PSdeG denuncia deficiencias nas obras da vía de acceso ao colexio de educación especial de A Barcia

O Grupo Municipal Socialista de Santiago criticou o estado no que quedaron as obras...

María Rozas critica a situación da dependencia e confirma atrasos na apertura do centro para persoas sen fogar

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais de Santiago, María Rozas, realizou este martes...

O PSdeG alerta do aumento dos atrasos nos pagos do Concello de Santiago e cuestiona a xestión económica do goberno local

O Grupo Municipal Socialista de Santiago expresou este martes a súa preocupación pola evolución...