InicioPOLÍTICAMarta Abal alerta dun “preocupante freazo” na actividade urbanística en Santiago tras...

Marta Abal alerta dun “preocupante freazo” na actividade urbanística en Santiago tras a caída da construción de vivendas

A concelleira socialista advirte de que en 2025 só se construíron 65 vivendas novas e reclama un plan de choque para axilizar licenzas e reactivar o sector

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira do Grupo Municipal Socialista en Santiago, Marta Abal, advertiu dun “preocupante freazo” na actividade urbanística da cidade, unha situación que, segundo indicou, se desprende dos datos recollidos nos informes elaborados polos Colexios Oficiais de Arquitectas e de Arquitectos Técnicos de Galicia.

Segundo explicou a edil socialista, no ano 2025 construíronse en Santiago tan só 65 vivendas novas, unha cifra que supón un descenso do 69% respecto ao ano anterior. Para Abal, este dato reflicte unha perda de dinamismo na actividade construtiva da capital galega.

A concelleira sinalou ademais que Santiago está a visar menos vivendas novas que outros municipios galegos como Ames, Carballo, Lugo ou Ferrol, un feito que, ao seu xuízo, evidencia a situación de estancamento que atravesa o sector na cidade.

Abal tamén puxo o foco na evolución das licenzas urbanísticas, que, segundo indicou, presentan unha tendencia á baixa. Durante o ano 2025 tramitáronse 161 expedientes de nova construción e rehabilitación, o que representa unha caída do 10% respecto a 2024.

A concelleira socialista relacionou estes datos co funcionamento da administración urbanística municipal. Segundo afirmou, “as demoras na xestión urbanística para a concesión de licenzas e a falta de desenvolvemento de solo finalista para poder construír vivenda nova son algunhas das causas que están detrás destes malos datos”.

Neste sentido, advertiu de que “sen axilidade administrativa, nin solo dispoñible, a cidade queda paralizada”, polo que considera necesario adoptar medidas que permitan reactivar a actividade.

Abal mostrou tamén a súa preocupación pola resposta que está a dar o Goberno municipal ante esta situación. En concreto, criticou a decisión de reorganizar internamente os servizos municipais, asignando ao Servizo de Rehabilitación e Vivenda novas funcións relacionadas coa tramitación de licenzas urbanísticas.

Segundo a concelleira socialista, esta medida resulta cuestionable tendo en conta que hai apenas un mes a Xunta de Goberno Local acordou devolver preto dun millón de euros en axudas á rehabilitación procedentes do plan estatal por non seren executadas dentro do prazo previsto.

Ante este escenario, o Grupo Municipal Socialista defende a necesidade de cambiar o rumbo da política urbanística municipal. Abal apostou pola posta en marcha dun plan de choque que permita reactivar a actividade construtiva e urbanística na cidade.

Segundo explicou, este plan debería incluír a simplificación real dos procedementos administrativos e a automatización dos trámites, aproveitando as ferramentas da administración electrónica implantada na pasada lexislatura.

A concelleira socialista concluíu reclamando “non máis parches organizativos, senón medidas de fondo para reactivar a cidade”.

ÚLTIMAS

Antonio López amosa a súa sorpresa pola dinámica de confrontación nas eleccións á reitoría da USC

O actual reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, manifestou este mércores...

A MICE aposta polo rexistro antropolóxico e os sons en perigo na súa 21ª edición

A 21ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que se celebrará entre...

Rosa Crujeiras propón a Juan Díaz Villoslada como xerente e Alicia Villalba Sánchez como secretaria xeral da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, presentou este...

Chafarís e Down Compostela protagonizan en marzo a campaña municipal ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’

O Concello de Santiago presentou este mércores as actividades correspondentes ao mes de marzo...

Borja Verea defende a decisión do Pleno de manter o nome do colexio Apóstolo Santiago e pide respectar os acordos institucionais

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, manifestou o seu “máximo respecto”...

Borja Verea acusa a Goretti Sanmartín de “enfadarse por gañar” e pídelle que vote a favor da concesión da auga

O portavoz do Partido Popular no Concello de Santiago, Borja Verea, cargou este luns...

Marta Abal reclama desbloquear a concesión do servizo de auga en Santiago ante unha rede “crítica e insostible”

A concelleira do Grupo Municipal Socialista en Santiago, Marta Abal, advertiu este martes en...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here