A concelleira non adscrita Marta Álvarez vén de solicitar información sobre os avances na incorporación de Santiago de Compostela á Alianza de Cidades contra a Obesidade, unha iniciativa promovida pola Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición (SEEN) a través da súa Área de Coñecemento de Obesidade (ObesitySEEN).
Segundo explicou a edil, esta alianza constitúe “unha plataforma de referencia para promover a prevención e o tratamento adecuado da obesidade e das súas múltiples complicacións”. A proposta para que o municipio compostelán se adherise á rede foi presentada pola propia Álvarez en maio de 2025 e contou co apoio unánime da corporación municipal. Porén, denuncia que desde aquela “non se produciron avances coñecidos” no proceso de integración.
Álvarez advertiu de que “a obesidade é unha enfermidade crónica, multifactorial e progresiva cunha prevalencia en España do 63% da poboación adulta”. Na súa intervención, apuntou a factores como o sedentarismo, a inxesta alimentaria excesiva, o estrés ou o incremento de determinadas patoloxías de carácter psiquiátrico como elementos que contribúen ao aumento desta problemática sanitaria.
A concelleira, que exerce como enfermeira, sostén que a adhesión á alianza permitiría ao Concello acceder a materiais específicos de sensibilización e prevención, participar nunha plataforma de intercambio de experiencias con outros municipios e contar coa colaboración técnica da SEEN na avaliación e difusión de resultados en saúde pública. Ademais, sinala que Santiago podería optar a bolsas e recoñecementos impulsados pola Fundación SEEN dirixidos a destacar iniciativas en promoción da saúde.
No ámbito local, Álvarez subliña que a incorporación á Alianza de Cidades contra a Obesidade “encaixa plenamente” nunha das tres liñas estratéxicas do Plan Municipal de Saúde de Santiago, centrada na promoción de hábitos de vida activos e na práctica físico-deportiva como ferramentas para combater o sobrepeso e o sedentarismo.
A edil avanzou que formulará unha pregunta ao respecto no vindeiro pleno municipal, co obxectivo de coñecer en que punto se atopa a tramitación e se o goberno local prevé dar pasos para materializar unha adhesión que xa conta co respaldo da corporación.

