O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, participou este xoves nun campionato de cartas na parroquia de Aríns, onde puxo en valor o traballo das comisións de festas como elemento clave para a vida comunitaria no rural compostelán.
Verea estivo acompañado pola concelleira Nerea Barcia no campionato de Tute, organizado pola comisión de festas de Aríns e celebrado no Centro Sociocultural da parroquia. A iniciativa, que se desenvolve con periodicidade quincenal, reuniu arredor de 60 persoas nesta última convocatoria.
Durante a súa intervención, o portavoz popular cualificou de “imprescindible e xeneroso” o labor destas entidades veciñais e sinalou que constitúen un “auténtico motor da convivencia e da dinamización social no rural”. Segundo indicou, este tipo de actividades reflicten “compromiso, traballo en equipo e moita ilusión para manter viva a actividade nas parroquias”.
O dirixente popular fixo fincapé no labor das nove persoas que integran a comisión de festas de Aríns, responsables non só da organización do campionato, senón tamén da preparación de premios, sorteos e do funcionamento da cantina durante cada xornada. Ao seu xuízo, detrás destas iniciativas hai “moitas horas de dedicación silenciosa” que permiten converter cada encontro nun espazo de relación para veciños de diferentes idades.
“Falamos moitas veces de participación e de tecido social, pero aquí é onde se ve de verdade: persoas que, de maneira totalmente altruísta, dedican o seu tempo a crear comunidade”, afirmou.
Verea sostivo que propostas como este campionato contribúen a fortalecer os vínculos interxeracionais, a dinamizar os centros socioculturais e a favorecer a relación entre a veciñanza. “Santiago non é só o centro urbano; Santiago son tamén as súas parroquias, e sen o traballo das comisións de festas sería imposible manter esta vida social tan activa”, engadiu.
Finalmente, reiterou o compromiso do seu grupo político de apoiar o labor destas entidades, sinalando que “coidar das parroquias é coidar de Santiago”.

