InicioPOLÍTICAO Túnel do Hórreo volve pechar entre críticas ao Goberno local

O Túnel do Hórreo volve pechar entre críticas ao Goberno local

A alcaldesa lamenta unha “medida de presión” que afecta á veciñanza e o PP esixe unha resposta “urxente”

Publicado o

Xornal de Compostela

A ausencia de persoal suficiente na Sala de Pantallas da Policía Local obrigou a manter pechado o túnel do Hórreo desde as 22:45 do 1 de decembro —co inicio da quenda de noite— ata as 08:00 do día seguinte. A incidencia, que se suma a outros episodios similares nas últimas semanas, volveu situar no centro do debate a xestión do persoal municipal encargado da regulación do tráfico en Santiago.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, cualificou o ocorrido como unha situación “lamentable” ao entender que se emprega “unha molestia clara aos veciños” en pleno proceso negociador cos representantes sindicais. A rexedora insistiu en que o peche “non ten lóxica ningunha”, especialmente nun momento no que se avanza cara á elaboración dun estudo da Relación de Postos de Traballo (RPT), que debe determinar as condicións do complemento específico deste corpo municipal.

Sanmartín lembrou que existen 12 axentes con capacitación específica para operar na Sala de Pantallas e admitiu que pode haber baixas, mais sostivo que outros policías poden ser requiridos para cubrir o servizo. Segundo expuxo, parte do colectivo estaría a rexeitar estas reubicacións, algo que até agora se resolvía con maior flexibilidade nas quendas. Ese cambio de dinámica, apuntou, “remata repercutindo directamente na cidadanía”.

A alcaldesa avanzou que ofrecerá esta semana unha comparecencia pública para explicar en detalle o estado do conflito laboral e manifestou que, neste punto, só pode “lamentar que se produza un peche usado como medida de presión”.

Pola súa banda, o concelleiro do Partido Popular, José Ramón de la Fuente, pediu ao Goberno local unha “solución urxente” ante uns peches que cualificou de “reiterados e inadmisibles”. O edil asegurou que a situación provoca “interminables atascos en horas punta” e criticou que se acumulen problemas tanto no túnel do Hórreo como noutros servizos municipais, citando episodios recentes no parque de bombeiros.

De la Fuente denunciou que “unha das vías principais da cidade se manteña pechada durante horas” e afirmou que estes problemas evidencian a falta de “ideas, vontade e capacidade” do executivo municipal. O portavoz popular reprochou que, ao seu xuízo, o Goberno local sosteña que non hai fondos suficientes para mellorar as retribucións de policías e bombeiros, mentres “incrementa o número de persoal ligado ao BNG no Concello”.

A nova xornada de negociación entre sindicatos e Goberno local está prevista para este mércores, coa expectativa de que acudan todas as organizacións implicadas. Entre tanto, o túnel do Hórreo continúa sendo o punto máis visible dun conflito laboral que impacta no día a día da mobilidade compostelá.

No marco da polémica, a alcaldesa Goretti Sanmartín indicou que unha das organizacións sindicais que “ten bastante relevancia neste conflito” — Comisións Obreiras — non acudiu á última mesa de negociación.

Pola súa banda, o portavoz das concelleiras non adscritas, Gonzalo Muíños, denunciou que a alcaldesa “volveu mentir a toda a cidadanía” ao xustificar o peche anterior do túnel, subliñando que a xustificación dada o xoves era “mentira”.

Por iso, Muíños reclamou unha “solución inmediata”, que pasa por chegar a un acordo cos sindicatos para que os axentes de Policía Local e Bombeiros presten novamente horas extraordinarias voluntarias, á vez que se desbloquean os procesos selectivos pendentes. As non adscritas lanzaron un “ultimato” ao goberno local: “ou se alcanza unha solución canto antes ou a señora Sanmartín deberá ofrecer algún cambio no seu goberno”.

 

ÚLTIMAS

A acampada de Santiago pola vivenda mantense pese ao mal tempo “ata que haxa cambios reais”: “Como bos galegos, non nos para a choiva”

A acampada pola vivenda instalada na Praza do Obradoiro de Santiago continuará de xeito...

Os Roteiros Saudables da AECC regresan a Santiago con andainas quincenais para combater o sedentarismo

O programa Roteiros Saudables da Asociación Española contra o Cancro (AECC) regresará a Santiago...

O PSOE urxe o Goberno de Santiago a completar o censo de vivendas baleiras e mobilizalas

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou ao Goberno local que complete o censo...

A mocidade no Obradoiro seguirá a acampada: “A dereita traerá máis miseria”

Os mozos acampados pola vivenda na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, aseguraron...

Subirats reivindica en Santiago máis capacidade para os concellos ante a interconexión das crises

O profesor de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Barcelona e exministro de Universidades...

BNG, Compostela Aberta e PSOE sitúan a vivenda no centro do adianto electoral en Santiago

O BNG, Compostela Aberta e o PSdeG de Santiago reaccionaron este luns ao anuncio...

A Xunta de Goberno dá luz verde ao cambio de uso dunha parcela para construír 36 vivendas públicas en Santiago

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns a ordenación dunha parcela...