InicioPOLÍTICASanmartín garante a cobertura do parque de bombeiros e anuncia negociación co...

Sanmartín garante a cobertura do parque de bombeiros e anuncia negociación co persoal tras o conflito laboral

A alcaldesa compostelá asegura que o Concello abonará en novembro as horas extra atrasadas e acusa ao PP e á Xunta de difundir información “falsa” sobre o servizo

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, afirmou este martes que o Concello conta esta semana cunha dotación suficiente de persoal para garantir o funcionamento do parque municipal de bombeiros, tras a polémica xurdida pola súa inactividade durante a xornada do luns. A rexedora anunciou tamén a convocatoria dunha mesa xeral de negociación coa intención de chegar a acordos co colectivo e resolver as demandas laborais pendentes.

Sanmartín explicou que o goberno local “leva tempo traballando para encaixar as reivindicacións” dos traballadores e lembrou que xa se adoptaron medidas de mellora salarial mediante a reclasificación de postos. Ademais, confirmou que o pago das horas extra realizarase en novembro, logo de “complicacións no departamento de contabilidade” que dificultaron a disposición do crédito orzamentario.

As declaracións da alcaldesa chegan despois de que varios efectivos denunciasen o luns a inoperatividade do parque por falta de persoal, unha situación que, segundo a portavoz do goberno, Míriam Louzao, responde a unha “medida de presión” dos bombeiros para reclamar mellores condicións.

Durante a súa intervención, Sanmartín acusou ao PP de “non falar con exactitude”, desmentindo que o parque estivese pechado e asegurando que ese día “había 19 efectivos da Policía Local” en servizo. A rexedora reprochou aos populares que “poñan paus nas rodas en lugar de remar a favor” para buscar solucións ao conflito.

A alcaldesa tamén criticou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por “faltar á verdade” ao afirmar que o Goberno galego agarda unha resposta municipal sobre a comarcalización do parque de bombeiros. Segundo Sanmartín, o proceso depende agora dunha resolución do Consorcio Provincial de Bombeiros, tras varias semanas de traballo conxunto, e asegurou que “vai ser unha realidade sen ningunha dúbida”.

A rexedora atribuíu a situación actual a unha “infradotación que vén de lonxe”, recordando que o corpo pasou de 75 a 53 efectivos operativos antes da chegada de BNG e Compostela Aberta ao goberno. Indicou que desde a súa toma de posesión o Concello creou nove novas prazas, ás que se engaden outras tres de 2023, e insistiu en que se traballa para reducir o número de horas extra mediante unha mellor organización interna.

En relación coa Policía Local, Sanmartín anunciou que nove novos axentes se incorporan este martes ao servizo, dentro do proceso de reforzo das forzas de seguridade municipais.

O PP de Santiago, pola súa parte, cualificou de “irresponsable” ao goberno municipal por manter o parque “pechado por primeira vez desde 1921” e acusou a Sanmartín de “neglixencia”. O portavoz popular, Borja Verea, denunciou que bombeiros e policías “levan case un ano sen cobrar as horas extra” e advertiu que a xestión actual “pon en risco a vida dos profesionais e da veciñanza”.

Tamén o PSOE compostelán se pronunciou, a través da concelleira Marta Abal, quen criticou a “lentitude” do goberno local en activar os procesos selectivos para cubrir as prazas vacantes. Segundo apuntou, “seguen sen convocarse 12 prazas correspondentes ás ofertas de 2023 e 2025”, ademais de estar “paralizada a lista de espera para as substitucións interinas de bombeiro condutor”.

A crise do servizo de emerxencias continúa, así, como un dos principais frontes abertos na xestión municipal compostelá, á espera de que a mesa de negociación anunciada pola alcaldesa permita encamiñar un acordo estable co persoal do parque.

CRÍTICAS DA XUNTA AO CONCELLO

O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, instou ao goberno municipal de Santiago a “porse a traballar” para resolver o que cualificou como “un despropósito” que deixa a capital galega “totalmente desprovista” de bombeiros. “Isto pode acabar moi mal, é unha situación de perigo”, advertiu o representante autonómico, que reprochou a Goretti Sanmartín a súa xestión do servizo apenas unhas horas despois de que a alcaldesa garantise a cobertura de efectivos e anunciase a convocatoria dunha mesa de negociación co persoal.

Calvo subliñou que “nunca ata hoxe se dera unha situación similar” en Santiago e lembrou que nos orzamentos autonómicos existe unha partida específica consensuada coa Deputación da Coruña para a construción dun novo parque e o mantemento do actual. Segundo indicou, o acordo “xa estaba pechado” cando era alcalde Xosé Sánchez Bugallo, mais segue sen asinarse “tras tres anos de espera”. “O problema non está nin na Deputación nin na Xunta, senón no propio Concello de Santiago”, insistiu o conselleiro, que reiterou o seu chamamento a que o executivo local actúe con urxencia para evitar riscos.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Marta Álvarez reclama ao Concello de Santiago medidas ante os incendios nun baixo de Romero Donallo

A concelleira non adscrita de Santiago de Compostela, Marta Álvarez, reclamou ao Goberno municipal...

Pedro Blanco e o Ateneo de Santiago reclaman recuperar o liderado cultural e institucional de Compostela

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, reuniuse coa directiva do...

Borja Verea destaca as máis de 400 vivendas públicas da Xunta en Santiago e aposta por facilitar que os mozos poidan quedar na cidade

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou o papel dos investimentos...