InicioPOLÍTICAO PSOE acusa o goberno de Santiago de “improvisar” na xestión dos...

O PSOE acusa o goberno de Santiago de “improvisar” na xestión dos comedores escolares

Marta Abal reclama planificación e transparencia ante o fin do contrato en 2026 e alerta de que o servizo atende máis de 1.000 comidas diarias

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira socialista Marta Abal acusou este xoves ao goberno municipal de Santiago, presidido pola alcaldesa Goretti Sanmartín, de “improvisar” na xestión dos comedores escolares e de manter “unha falta total de planificación e transparencia” sobre o futuro deste servizo, cuxo contrato remata o 30 de xuño de 2026 sen posibilidade de prórroga.

Abal advertiu de que “en menos dun ano e medio finalizará un contrato do que dependen máis de 1.000 comidas e 300 almorzos diarios”, e criticou que “tras máis de dous anos de mandato, o executivo local non fixo pública ningunha proposta nin iniciou os trámites para garantir a continuidade do servizo no curso 2026-2027”.

Segundo a edil socialista, “estamos ante un servizo esencial para a alimentación, a saúde e a conciliación de centos de familias compostelás”, polo que reclamou unha “planificación real e transparente” por parte do goberno bipartito.

O grupo socialista pediu tamén que se verifique o control do contrato actual e o cumprimento dos compromisos da empresa concesionaria. “Queremos saber se se respectan cuestións básicas como as ratios de monitores e as melloras ofertadas pola empresa: o 50 % de produto fresco, o 70 % de produto de tempada e outro 70 % de produto da contorna”, indicou Abal, lembrando que “sen control non hai calidade”.

A concelleira lamentou igualmente que non exista información sobre o futuro modelo de xestión, nin sobre a localización da cociña central, a licitación da obra ou o cronograma de execución, que —subliñou— “debería estar rematado en setembro de 2026”. Tamén cuestionou a falta de previsión en materia de compra, distribución e persoal, e a ausencia dunha avaliación económica que determine “se vai aumentar o prezo que pagan as familias e en que medida”.

“IMPROVISANDO E CON OPACIDADE”

Abal criticou que tanto o Concello como a Xunta eludan responsabilidades sobre o servizo. “Nós defendemos que debería asumilo a Xunta, como ocorre noutros municipios, porque forma parte do currículo educativo, pero nin está nin se espera”, declarou.

A portavoz socialista concluiu que “estes son servizos esenciais que requiren planificación e non opacidade”, e advertiu de que “o que nos tememos é que non é só falta de transparencia, senón improvisación”.

O grupo municipal socialista instou o goberno local a que antes de que remate o ano faga pública toda a información relativa á cociña central, os prazos de construción, o modelo de compra e o impacto económico global do novo servizo. “E se a cociña non chega a tempo, que nos digan cal é o plan B”, concluíu Abal.

ÚLTIMAS

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...

A nova EDAR da Silvouta avanza na súa posta en marcha coa activación progresiva dos sistemas de tratamento

A nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Silvouta, en Santiago de Compostela,...

Seis policías auxilian en Santiago unha muller gravemente ferida tras unha agresión da súa parella

Seis axentes da Policía Nacional auxiliaron nunha vivenda do centro de Santiago unha muller...

O PSOE pide ao Concello que concrete os cambios nas liñas do rural tras desbloquearse o novo contrato de transporte

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que aproveite o desbloqueo...

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...

O PSOE pide ao Concello que concrete os cambios nas liñas do rural tras desbloquearse o novo contrato de transporte

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que aproveite o desbloqueo...

O PP alerta de novos problemas vinculados á droga en Laraño e Conxo e pide máis actuación municipal

O Partido Popular de Santiago volveu reclamar este venres unha maior intervención do Concello...