InicioPOLÍTICAO pleno desbloquea o pagamento de 3 millóns de euros en facturas...

O pleno desbloquea o pagamento de 3 millóns de euros en facturas do autobús urbano

Os concelleiros non adscritos e o PSOE sumáronse ao apoio de BNG e Compostela Aberta, mentres o PP mantivo o seu rexeitamento

Publicado o

Xornal de Compostela

A corporación municipal de Santiago de Compostela aprobou no primeiro pleno do curso político o pagamento de dúas facturas pendentes do servizo de bus urbano por un importe total de arredor de 3 millóns de euros. O acordo contou cos votos a favor de BNG, Compostela Aberta, PSOE e os concelleiros non adscritos, mentres que o PP mantivo o seu voto en contra.

As facturas corresponden a 402.093,27 euros a Autocares Rías Baixas e a 2.537.725,89 euros a TRALUSA, ambas bloqueadas nos meses previos ao verán. En maio e xuño non prosperaran polo rexeitamento do PP e a abstención das edís non adscritas, pero neste pleno o cambio de sentido de voto destes últimos permitiu desbloquear a situación.

O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, atribuíu o atraso ao “descabezamento do departamento de Tráfico” e asegurou que o expediente está completo. Desde as filas non adscritas, Gonzalo Muíños xustificou o apoio en dous compromisos: que se acreditase que as cantidades a pagar se axustan a prezos de mercado e que a nova licitación do transporte urbano estea lista este outono. “Estamos dispostos a facelo por responsabilidade, por empatía coas empresas e, sobre todo, coas persoas traballadoras que dependen destas facturas para cobrar”, explicou.

Este argumento xerou discusión co grupo popular, cuxa portavoz María Rosario Ferreiro cuestionou a existencia do informe económico presentado e acusou o goberno de “perpetuar irregularidades” na xestión do bus urbano. O tamén popular Borja Verea reprochou que se anuncie a incorporación de documentos “a posteriori”. Tanto Duro como a alcaldesa Goretti Sanmartín defenderon que se trata dun expediente completo, igual que en anteriores recoñecementos extraxudiciais.

Pola súa parte, a socialista Marta Abal ratificou o apoio do seu grupo e advertiu de que non se pode “deixar de pagar servizos prestados”, insistindo en que o escenario é o mesmo ca noutros casos xa aprobados.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Marta Álvarez reclama ao Concello de Santiago medidas ante os incendios nun baixo de Romero Donallo

A concelleira non adscrita de Santiago de Compostela, Marta Álvarez, reclamou ao Goberno municipal...

Pedro Blanco e o Ateneo de Santiago reclaman recuperar o liderado cultural e institucional de Compostela

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, reuniuse coa directiva do...

Borja Verea destaca as máis de 400 vivendas públicas da Xunta en Santiago e aposta por facilitar que os mozos poidan quedar na cidade

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou o papel dos investimentos...