InicioPOLÍTICAMuíños denuncia presións: "O que queren é que un deixe a acta...

Muíños denuncia presións: “O que queren é que un deixe a acta para que a colla Aitor Bouza”

O ata agora portavoz do grupo municipal socialista, Gonzalo Muíños, insistiu en que a executiva local "só busca substituír ao grupo" e reiterou que se defenderá "ata o último día"

Publicado o

Xornal de Compostela

O ata agora portavoz do grupo municipal socialista, Gonzalo Muíños, denunciou presións para lograr a dimisión dalgún dos edís socialistas no Concello de Santiago para que o secretario xeral local, Aitor Bouza, puidese entrar na corporación. “De que serve a lealdade cando o que se quere é substituír aos concelleiros, se o que se quere é que un de nós se vaia para que a colla Aitor Bouza? Iso, só iso, é o que está no fondo de todo”, defendeu nunha rolda de prensa este luns en Raxoi acompañado polas concelleiras Mila Castro, Mercedes Rosón e Marta Álvarez.

Tras rexeitar todos os argumentos que supuxeron a súa suspensión, Muíños insistiu en que a executiva local “só busca substituír ao grupo” e reiterou que se defenderá “ata o último día”. Tamén apelaron os catro edís socialistas ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, para que revise o expediente. “El coñece esta cuestión, está ao tanto. Ademais, sufriu en primeira persoa as malas artes, inxustizas, mentiras na política durante sete anos. El sufriunas e agora tócalle a Gonzalo pasar por ese calvario”, manifestou Mila Castro.

O PP LOCAL ACUSA AO “TRIPARTITO” DE LEVAR Á CIDADE AO “DESGOBERNO”

O portavoz do PP local, Borja Verea, acusou ao “tripartito” de PSOE, BNG e Compostela Aberta de levar á cidade ao “desgoberno”, mentres que a portavoz do Executivo local, Míriam Louzao, mostrou a súa confianza en que os socialistas “van cumprir os acordos” aos que chegaron para os orzamentos de 2025, convencida de que “son un grupo serio”.

En rolda de prensa este luns, Verea quixo trasladar a súa “preocupación” por unha situación que “Santiago non merece”. “Somos testemuñas directas dunha crise aberta que non ten ningunha relación cos intereses xerais da cidade”, manifestou para, a continuación, sinalar que a “coalición do PSOE, BNG e CA segue levando á cidade ao desgoberno”, e que supón “un freo constante ao desenvolvemento de Santiago”.

Especialmente, sinalou, dóelle ” a renuncia á capacidade de liderado”, ademais do “dano á imaxe da cidade por intereses persoais de perfil baixo”. Por iso, insistiu en que o PP, “como primeiro partido da cidade”, está preparado para “devolver o papel protagonista que Santiago de Compostela merece”. “É un momento de inestabilidade, de incerteza, de desgoberno que produce dúbidas, inseguridades, parálises, que son os grandes inimigos do progreso e da consolidación dunha cidade que xa demostrou que, desde a unidade, remando na dirección correcta, Santiago é imbatible”, reivindicou.

Tamén apuntou que Santiago está “por enriba” del e de “calquera interese partidista e de pactos minoritarios” que, na súa opinión, “condenan” o futuro da cidade. Preguntado sobre se expón unha moción de censura, Verea negouno, argumentando que iso sería “desvíar o foco do problema real”. “Estamos ante unha crise aberta. Quero ser alcalde de Santiago porque así o decidan os santiagueses e non con atallos“, resolveu.

O GOBERNO LOCAL NON TEN “NINGÚN TEMOR” A QUE AFECTE AOS ORZAMENTOS

Mentres, a portavoz municipal, Míriam Louzao, insistiu en que o executivo local non ten “ningún temor” en que a crise aberta no grupo municipal socialista afecte os orzamentos para 2025. “Estamos convencidos de que son un grupo serio e non temos dúbida de que van cumprir os acordos aos que chegaron”, remarcou antes de sinalar que polo momento non recibiron “ningunha chamada da directiva local” do PSOE.

Si que falaron co ata agora portavoz do PSOE no concello, Gonzalo Muíños, que, segundo destacou Louzao, trasladoulles a situación “con total normalidade”. Ademais, a preguntas dos medios, a portavoz explicou que á primeira hora deste luns chegou ao consistorio local unha comunicación da Secretaría de Organización do PSdeG-PSOE comunicando a resolución do expediente a Muíños. Agora, pediron un informe ao secretario do Concello que esperan ter “canto antes”.

Sobre o cambio na portavocía socialista, Louzao explicou que a única comunicación que lles chegou é a resolución do expediente. Así, insistiu en que as persoas que forman o grupo socialista teñen “a suficiente responsabilidade” e mostrouse convencida de que as situacións internas “non van afectar ao bo camiño que ten que seguir o concello”. Nesta liña, lembrou que na comisión negociadora dos orzamentos participaron por parte do PSOE os concelleiros Muíños e Mercedes Rosón (que se mantén afín ao portavoz) e Marta Abal, que xunto con Gumersindo Guinarte se sitúa á beira das directrices da directiva local. “Non ten que haber preocupación”, reiterou.

ÚLTIMAS

Francisco Narla reconstrúe en ‘Suseia’ a vida descoñecida do Mestre Mateo

O escritor Francisco Narla regresa á historia de Santiago de Compostela coa publicación de...

O Concello de Santiago contrata nove persoas para reforzar o mantemento de zonas verdes, vías e limpeza de pintadas

O Concello de Santiago incorporou nove traballadores a través do departamento de Emprego para...

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar...

O COAG Santiago entrega no Teatro Principal os premios ‘PRÓXIMOS’ con oito obras compostelás recoñecidas

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrou este sábado...

A Maker Faire Galicia abre en Santiago cunha xornada centrada no emprendemento e a innovación social

A Maker Faire Galicia inaugurou este venres en Santiago de Compostela a súa XII...

Un modelo da USC permite prever como reducir a calor nas cidades mediante cambios urbanísticos

O incremento das temperaturas está a aumentar o impacto da meteoroloxía sobre a saúde...

O PP pregunta polo futuro da naturalización da Lagoa do Auditorio tras a perda dos fondos europeos

A concelleira do Partido Popular de Santiago, Rosario Ferreiro, pediu explicacións ao goberno local...