InicioPOLÍTICAO grupo municipal do PSdeG avala a Muíños como voceiro municipal e...

O grupo municipal do PSdeG avala a Muíños como voceiro municipal e non a Sindo Guinarte

Gonzalo Muíños recorrerá a suspensión de militancia de 18 meses imposta polo PSOE

Publicado o

Xornal de Compostela

O Grupo Municipal Socialista de Santiago acordou “por maioría” reafirmar a súa confianza en Gonzalo Muíños para continuar como portavoz, despois de que este venres o partido decidise suspendelo de militancia durante un período de 18 meses por “indisciplina reiterada” e a executiva local comunicase que o concelleiro Gumersindo Guinarte será o próximo portavoz do PSOE no Pazo de Raxoi.

Tal e como trasladou nun comunicado, o Grupo Municipal, reunido na tarde deste venres tras coñecerse a resolución relativa ao expediente a Muíños, “ratifica que a situación e composición do Grupo Municipal Socialista non varía”, unha vez informados de que o portavoz interporá recurso ante a Comisión Federal de Ética e Garantías dentro do prazo outorgado pola Comisión Executiva Federal do PSOE nesta resolución” que, insiste, “non é firme”.

En segundo lugar, o Grupo sinala que reafirma a confianza en Gonzalo Muíños para a súa continuidade no cargo de portavoz municipal, ante a resolución da comisión executiva municipal coa proposta de Gumersindo Guinarte para o cargo.

Unha unidade do grupo municipal que volve facer frente aos intereses do líder local, Aitor Borza, quen minutos antes comunicara a eleción do tamén edil Sindo Guinarte para facerse co control do grupo municipal.

RECURSO

Con todo, Gonzalo Muíños, anunciou que recorrerá a decisión do PSOE de suspendelo de militancia e cargo público durante 18 meses por “indisciplina reiterada”, segundo a resolución do expediente disciplinario coñecida este venres.

Nun comunicado, Muíños asegurou que tomará esta medida ante a Comisión Federal de Ética e Garantías, amparándose nos estatutos do partido, e destacou que seguirá defendendo a súa actuación como portavoz. ‘Sempre respectei os ideais socialistas e traballei polo interese xeral de Santiago, priorizando os compromisos adquiridos coa cidadanía’, declarou.

Muíños lamentou que a resolución lle fose comunicada inicialmente a través dos medios de comunicación, o que cualificou como un procedemento ‘sorprendente e decepcionante’. ‘Entereime pola prensa mentres estaba realizando unha visita a un barrio de Santiago’, explicou, engadindo que este feito reflicte, na súa opinión, unha mala xestión do proceso.

Tamén sinalou que a sanción responde a un intento da executiva local de suplantar o papel do grupo municipal socialista e excluílo do debate público na cidade. ‘Manterei a discreción ata agora, pero explicarei a situación se é necesario’, afirmou.

RESOLUCIÓN DO PSOE

Segundo o partido, o expediente atribúe a Muíños dez incumprimentos da normativa interna, entre eles, obstruír o labor dos órganos do partido e non acatar as directrices aprobadas pola dirección. Estes feitos derivaron nunha suspensión que o PSOE cualifica como proporcional á gravidade das faltas recoñecidas.

Unha das accións que motivaron a sanción foi o voto do grupo municipal socialista a favor dunha ordenanza sobre vivendas de uso turístico (VUT), contrario ás indicacións da dirección local, no pleno do pasado 24 de xuño. Ademais, a resolución menciona a negativa de Muíños a executar o cesamento de dous asesores do grupo, tal e como ordenara a executiva local.

Muíños afirmou que convocará unha reunión co grupo municipal para abordar a nova situación, reiterando que a decisión sobre a portavocía corresponde aos membros do grupo e non á executiva local. Subliñou que seguirá leal ao programa electoral e ao servizo da veciñanza de Santiago ata o final do mandato.

Mentres tanto, a dirección local do PSOE prevé reunir os restantes concelleiros socialistas para decidir quen ocupará a portavocía durante o período de suspensión de Muíños. A resolución apunta que este cambio debe respectar o regulamento interno do partido.

REACCIÓNS DO GOBERNO LOCAL

A portavoz do goberno local, Míriam Louzao, limitouse a indicar que o executivo municipal mantén unha relación de respecto e normalidade co resto dos grupos e que non interfere nas cuestións internas doutras formacións políticas. ‘As nosas prioridades seguen sendo o interese da cidade e do Concello’, concluíu.

BUGALLO E O ALCALDE DE AMES AMOSAN O SEU APOIO A MUÍÑOS

O exalcalde socialista de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o alcalde do veciño municipio de Ames, Blas García, (tamén do PSOE) mostraron o seu apoio ao ata agora portavoz municipal na capital galega, Gonzalo Muíños, tras ser suspendido durante un período de 18 meses por “indisciplina reiterada”, tal e como sinala a resolución do expediente disciplinario aberto pola formación.

Nunha mensaxe en redes sociais, Sánchez Bugallo quixo mostrar a súa “tristeza e desgusto” ante a resolución do expediente aberto ao portavoz municipal. Para o exrexedor compostelán, esta decisión “non resolve o conflito”, senón que “o eleva de categoría”. “Estou convencido de que defrauda á maioría dos electores que mantiveron a confianza en nós no 2023”, afirma. Así, Bugallo mostrou o seu apoio a Gonzalo Muíños, “unha persoa dedicada ás súas responsabilidades e querida polas veciñas e veciños de Santiago.

Nesta mesma mensaxe, o que fóra alcalde de Santiago en dous períodos diferente sinala, do mesmo xeito que o rexedor de Ames, que “este camiño” non os leva “a recuperar a confianza dos electores”. “Só podo dicir que así non se gañan eleccións, todo o contrario”, aseverou na rede social ‘X’ Blas García, que tamén defendeu que Muíños “demostrou durante o tempo como concelleiro o seu compromiso co partido e coa cidade”.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O PP denuncia que a Policía Local traballou con seis axentes nalgúns días do verán

O Partido Popular de Santiago denunciou a situación dos efectivos da Policía Local durante...

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...