InicioPOLÍTICAO Concello ve "algo excesiva" a acción policial na protesta pro Palestina

O Concello ve “algo excesiva” a acción policial na protesta pro Palestina

O PP cualificou de "imprudentes" as palabras da portavoz do goberno local

Publicado o

Xornal de Compostela

A portavoz do goberno de Santiago, Míriam Louzao, lamentou que unha protesta “moi importante” en favor “da paz” e con miles de participantes fose “noticia” por uns incidentes que se saldaron con nove detidos, xa en liberdade. Respecto diso, apuntou que, “polo que transcendeu e as imaxes”, a intervención policial parece “algo excesiva”.

“Desde o goberno (que dirixe a nacionalista Goretti Sanmartín) interesámonos desde o primeiro momento para coñecer a situación das persoas detidas e entendemos que foi un altercado que non se debeu de producir nunca nunha marcha en solidariedade con Palestina”, aseverou Louzao, na rolda de prensa na que informou dos asuntos acordados na xunta de goberno local.

De feito, foi o segundo dos asuntos aos que fixo mención na súa intervención, despois de arrincar a rolda de prensa lamentando o crime machista de Moaña, que se suma “a unha moi preocupante onda” que vive o país. Así, a portavoz do goberno local incidiu en que, desde Raxoi, ademais de pór a disposición das mulleres os recursos dos que dispoñen, trasládase tamén, unha vez, a súa condena e “máis enérxica repulsa”.

“QUE SE RETRACTE”

As manifestacións de Louzao sobre os incidentes da manifestación en solidariedade con Palestina non pasaron desapercibidas para o PP, cuxo líder local, Borja Verea, cualificou de “imprudentes” as palabras da portavoz do goberno local. Así, interpretou que “se pon ao lado dos asaltantes duns negocios” no transcurso da manifestación e esixiu aos nacionalistas “que se retracten ou desautoricen á concelleira que fixo as declaracións asegurando que a intervención policial fora excesiva”.

“Estamos ante unhas declaracións gravísimas, aínda que doutra banda esperadas porque temos un goberno do BNG e unha alcaldesa que se pon directamente ao lado, por exemplo, de Nicolás Maduro, e o seu partido ao lado de Putin”, alertou. “Isto é gravísimo, representantes públicos póndose ao lado de presuntos delincuentes que asaltaron negocios”, agregou, antes de incidir que, nesta ocasión, non se fala de “manifestantes”, senón de “presuntos delincuentes que asaltaron uns establecementos”. Verea remarcou que o PP “respecta” o dereito a manifestación, pero tamén espera que o goberno da cidade “se poña ao lado dos propietarios e dos negocios e non ao lado de, presuntamente, alborotadores agresivos que asaltaron negocios”.

REACCIÓN DO SUP

Pola súa banda, o portavoz do Sindicato Unificado de Policía (SUP), Roberto González, difundiu un audio no que alude aos altercados e, ante as palabras de Louzao, remarca que é necesario condenar “a violencia” que, baixo o seu punto de vista, empregou un grupo de persoas “para actuar de terroristas urbanos camuflados dentro dunha lexítima protesta”. O sindicato policial denunciou que nove axentes resultaron feridos, un cun cóbado roto, e se personará na causa.

COMPOSTELA ABERTA

Tamén se pronunciou sobre o ocorrido o domingo Compostela Aberta, que comparte o goberno da capital galega co BNG. Nun comunicado, manifestan a súa “repulsa e condena ante as actuacións policiais” ao final da manifestación en Santiago, que ven “excesivas e desproporcionadas” por parte das unidades de antidisturbios despregados na capital galega. “Esperamos que se investigue o sucedido porque só desa forma se pode defender a función e credibilidade das institucións”, sinalou CA, que avoga por que “se aclare, canto antes, a secuencia dos feitos e se explique esta actuación policial”.

ÚLTIMAS

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar...

O COAG Santiago entrega no Teatro Principal os premios ‘PRÓXIMOS’ con oito obras compostelás recoñecidas

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrou este sábado...

Santiago deberá acudir ao fondo estatal de pago a provedores con 7,79 millóns de euros financiables

O Concello de Santiago de Compostela terá que participar de maneira obrigatoria no fondo...

O PP pregunta polo futuro da naturalización da Lagoa do Auditorio tras a perda dos fondos europeos

A concelleira do Partido Popular de Santiago, Rosario Ferreiro, pediu explicacións ao goberno local...

Sanmartín reivindica as novas conexións de Lavacolla e chama a abordar a seguridade “dende o rigor”

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, puxo este venres o foco no incremento de...

O PP reclama executar o contrato de sinalización intelixente do patrimonio e Sanmartín asegura que xa está en marcha

O Partido Popular de Santiago reclamou ao goberno municipal de BNG e Compostela Aberta...