InicioSOCIEDADEVeciños do Pombal protestan ante un corte de auga polas obras, que...

Veciños do Pombal protestan ante un corte de auga polas obras, que Raxoi xustifica mentres defende: “Hai diálogo”

O goberno local esgrime que se buscou o período de "menor afectación" para o barrio e o PP cre que lle falta "moita humildade"

Publicado o

Xornal de Compostela

Unha decena de veciños do Pombal, en Santiago, onde se iniciaron unha semana atrás obras de reforma da rúa concentráronse para protestar por un corte de auga. Ao Concello afeáronlle “falta de diálogo” e “avisar o día antes”, mentres que o goberno local, que dirixe Goretti Sanmartín, defende que o “contacto” é permanente e que o corte, cinguido ás horas “de menor afectación”, era imprescindible.

O grupo concentrouse pouco antes das 10.00 horas no punto de arranque das obras á beira dun espazo que se emprega de forma habitual como aparcadoiro e unha das veciñas portaba un cartel co lema ‘Pobre Pombal. Néganse a dialogar Goretti e o seu concelleiro’, unha queixa na que incidiu, en declaracións a Europa Press, un dos participantes, Bruno López.

Segundo explicou López, os veciños que acudiron a protestar non están integrados en ningunha asociación nin colectivo do barrio. De feito, no seu caso, remarcou que representa a unha empresa que ten activos inmobiliarios na rúa e que está a sufrir os “prexuízos” dunhas obras. As actuacións, recoñeceu, son “necesarias”, pero mostrouse contrario aos “criterios construtivos”.

Como exemplo, os veciños aludiron ao corte de auga efectuada durante unhas horas deste mércores e que afectou con especial intensidade aos hoteis e a un restaurante da zona. “Reclamamos que se nos atenda e que se estuden as propostas que temos. Creo que, tras o pleno, demostrouse que realmente non teñen intención de dialogar“, esgrimiu López.

“HOUBO E HAI DIÁLOGO DIRECTO COS VECIÑOS”

A impresión de falta de diálogo non é compartida polos representantes do goberno local, segundo trasladou nunha rolda de prensa en Raxoi o concelleiro responsable de Obras, Xesús Domínguez, na que estivo acompañado do director de obra da reforma do Pombal, Pablo Blanco, e o xefe do servizo de Proxectos e Obras, Antonio Ranedo.

Desde un punto de vista máis técnico, tanto Blanco como Ranedo xustificaron a necesidade do corte de auga para executar un enganche de abastecemento encamiñado a garantir que os veciños poidan ter subministración durante o transcurso dos traballos. Así mesmo, na rolda de prensa remarcouse que o corte se programou para o tramo horario “con menor afección para o conxunto dos veciños e os establecementos, evitando os ruídos que podería causar realizar os traballos durante a noite”, dado que perturbaría o descanso de veciños e clientes de hoteis e pensións da rúa.

Máis aló, fronte á percepción dos veciños que se concentraron este mércores, Domínguez defendeu que representantes do goberno local reuníronse con eles e que “hai, houbo e haberá diálogo directo”. “Hóuboo antes de empezar a obra e ségueo habendo para solucionar todas e cada unha das demandas que xorden por distintas vías”, sinalou. Ante a pregunta de por que considera entón que protestaron este mércores os veciños en cuestión, replicou que entenden que, porque se senten afectados e buscan “pór sobre a mesa” o seu problema, pero reafirmouse en que o diálogo existe e en que se continuará por este camiño.

OITO MESES DE OBRAS E UNHA VIDA “ÚTIL” DE VINTE ANOS

O xefe do servizo de Proxectos e Obras reiterou que os traballos de reurbanización deo Pombal, que se iniciaron unha semana atrás e teñen unha previsión de oito meses (un tempo que o director da obra ve difícil acurtar por moito que se progrese este verán, cando o clima é máis favorable), supoñen unha renovación “case complea” da rúa.

Non en balde, dentro destes traballos inclúese o recambio de tubaxe de fibrocemento. Tamén se vai a cambiar a rede de pluviais e de fecais separativa e está prevista unha rede de tubos de telecomunicacións, iluminación e tráfico. En total, a idea é dispor de case 12 novas canalizacións co condicionante de que se teñen que executar ao tempo doutras que xa existen e dan servizo aos veciños.

Ademais, a localización da obra obriga, segundo os técnicos, a que haxa un control arqueolóxico continuo. Finalizadas todas as canalizacións, procederase á pavimentación, que consiste nunha plataforma a nivel, na que a zona se acabará cun pavimento de pedra e o resto (os dous carrís e o carril bici) serán de formigón. Pola súa banda, o director de Obra volveu a xustificar o peche da rúa ao completo, xa que non facelo implicaría que os coches puidesen circular ao longo dunha gabia cunha profundidade significativa (uns 2 metros).

“Parece un pouco irresponsable deixar pasar vehículos de forma continua”, reflexionou, antes de remarcar que está “garantida a accesibilidade” tanto ao acceso como para situacións de emerxencias. E, a preguntas dos medios, destacou que o recambio completo das tubaxes e da reforma podería garantir unha vida “útil” de polo menos 20 anos, o que evitaría novas obras nun longo período.

O PP AFEA “FALTA DE HUMILDADE”

Pola súa banda, o portavoz local do PP, Borja Verea, denunciou o “grave problema de comunicación e transparencia” que ten, baixo o seu punto de vista, o goberno local. “Sobre todo de empatía e de educación, porque nin as formas, nin o ton son propios duns representantes públicos”, reprobou. Moi crítico, o líder do PP local advertiu que BNG e CA “volven retratarse como uns dirixentes que están completamente fóra da realidade”. Así, afeoulles falta de diálogo desde o inicio das obras, ademais de lembrar que así o trasladaron no último pleno.

“E en lugar de aprender dese erro hoxe volven tropezar na mesma pedra. Cortan a auga con negocios activos, reservas feitas nos restaurantes para este mediodía e notifícanllo unhas poucas horas antes, sen marxe de manobra por parte dos negocios afectados, o que supuxo a cancelación dos servizos de hoxe nos locais da hostalaría“, reprochou.

Neste sentido, tras coincidir en que as obras son “necesarias”, cargou contra unha actitude por parte do goberno de Sanmartín que ve “síntoma de que falta moita humildade e hai un exceso de soberbia”. “Falta moito traballo e moita xestión, hai un exceso de proclamas políticas e de ideoloxías baleiras, e de mensaxes políticas que non interesan a ninguén”, advertiu Verea, antes de pedir aos dirixentes do goberno de Santiago que estean “un pouquiño máis preto da xente”.

ÚLTIMAS

A SD Compostela vence ao Bergantiños cun contundente 0-4 e ascende na clasificación

A SD Compostela reafirma o seu bo momento na liga tras derrotar por un...

A orixe da cuncha de vieira no Camiño: a lenda do Cabaleiro das Cunchas

O Camiño de Santiago está cheo de historias e lendas que alimentan o seu...

Cobre San Rafael asegura tras un estudo de monitorización a “alta calidade” das augas do Ulla

A última monitorización das augas do río Ulla, realizada pola OPP 89 Parquistas de...

O Ateneo de Santiago analizará este luns o impacto dos parques eólicos no medio rural

O Ateneo de Santiago celebrará este luns, 11 de novembro, ás 19.30 horas, unha...

O BNG denuncia a bandalización da súa campaña contra a manipulación da CRTVG

O BNG emitiu un comunicado este venres a través da rede social X en...

A ANPA do CEIP das Fontiñas reclama a reposición de profesorado especialista tras os recortes da Xunta

A ANPA Fontela do CEIP das Fontiñas de Santiago de Compostela difundiu un vídeo...

As traballadoras de Beatriz Seijo S.L. suspenden a folga e solicitan mediación no Consello Galego de Relacións Laborais

As traballadoras de Beatriz Seijo S.L. decidiron suspender temporalmente a folga indefinida que mantiñan...