InicioMOV. SOCIAISUnha trintena de persoas apoian en Santiago ao home multado por esixir...

Unha trintena de persoas apoian en Santiago ao home multado por esixir atención en galego

Unha concentración arroupou este luns en Santiago ao home multado por esixir que se lle atendese en galego nun ambulatorio de Rianxo

Publicado o

Xornal de Compostela

Un grupo dunhas trinta persoas arroupou este luns nos xulgados de Santiago ao home multado por solicitar ser atendido en galego nun ambulatorio de Rianxo, unha sanción recorrida pola vía xudicial e que, para A Mesa pola Normalización Lingüística, exemplifica a “clara conivencia” entre a Xunta e o Estado para “negar sistematicamente” o dereito a comunicarse coa administración na lingua propia de Galicia e “amedrentar” a quen demanda o cumprimento dos seus dereitos lingüísticos.

Os xulgados da capital galega celebraron este luns a vista xudicial polo recurso presentado por Xosé Agrelo contra a multa de 600 euros que lle foi imposta por demandar nun centro de saúde de Rianxo que se lle atendese en galego durante un cribado de covid-19.

A sanción chega aos xulgados despois de esgotar a vía administrativa, na que a Subdelegación do Goberno alegou que a multa —xa abonada, pero que a defensa (custeada pola Mesa) pide que sexa revogada— respondía a un asunto de “orde pública” denunciado pola Policía Local e que, por tanto, estaba desvinculado de calquera cuestión lingüística.

Antes de entrar á vista, Agrelo agradeceu o apoio das persoas convocadas pola Mesa pola Normalización Lingüística, cuxo presidente, Marcos Maceira, denunciou ante os medios que no caso de Rianxo “conflúen” a “negativa” das administracións a velar polos dereitos lingüísticos da cidadanía e a “actitude” de Xunta e Estado de “amedrentar” ás persoas “que queren usar o galego nos servizos públicos”.

Maceira asegurou que a Xunta “aínda segue negando a través dos funcionarios o dereito a usar o galego na propia administración autonómica”, ao que se suma a “clara connivencia” que, di, existe entre o Goberno galego e o central para “presionar” ás persoas que esixen “con toda a dignidade” o cumprimento das normativas que amparan o dereito de ser atendidos en galego polos funcionarios.

“Non imos consentir todo isto. ▶️Poden ir tomando nota o señor Rueda, o conselleiro de Cultura e Lingua, o delegado do Goberno e o ministro do Interior“, aseverou o presidente da Mesa, subliñando o compromiso de “resposta” ante “todos os casos que haxa de represión en pleno ano 2024 polo simple feito de usar o galego”.

Maceira tamén sinalou que “recentemente” se produciu outro caso dunha persoa que “tivo un incidente” na comisaría de Policía de Pontevedra por cuestións lingüísticas e que en xullo terá lugar un xuízo pola vía penal en Ourense contra un grupo de persoas “acusadas de defender a normativa vixente en relación á toponimia”.

“Temos unha lingua propia e queremos vivir nela. Este é un dereito humano recoñecido a todos os niveis, que o Estado Español e a Xunta de Galicia deben garantir sempre e en todo lugar”, concluíu Maceira.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O profesorado axudante doutor da USC denuncia o bloqueo das súas prazas de estabilización e esixe unha solución á Xunta

A Plataforma de Profesorado Axudante Doutor da USC denunciou este martes a situación de bloqueo...

O sindicato estudantil Fervenza celebra en Santiago a súa II Asemblea Nacional e fixa as súas próximas mobilizacións

O sindicato estudantil Fervenza celebrou este pasado sábado, 17 de outubro, a súa II...