InicioMOV. SOCIAISMédicos e facultativos maniféstanse para reclamar un estatuto propio e melloras laborais...

Médicos e facultativos maniféstanse para reclamar un estatuto propio e melloras laborais no Sergas

A mobilización, convocada por varias organizacións profesionais, percorreu o centro da cidade e defendeu cambios nas condicións laborais como garantía para a sanidade pública

Publicado o

Xornal de Compostela

Centos de médicos e facultativos procedentes de distintos puntos de Galicia mobilizáronse este mércores en Santiago de Compostela para reclamar un estatuto propio para o colectivo e un convenio específico na sanidade galega, nunha protesta que os convocantes vincularon directamente coa defensa da sanidade pública. A marcha, promovida por O’Mega, a Agrupación de Profesionais por un Estatuto Médico Propio, Médicos Unidos polos seus Dereitos e a Asociación MIR España, arrancou arredor das 19:00 dende a Alameda e percorreu varias rúas da cidade ata rematar na Praza de Pratarías, con parada ante o Parlamento de Galicia.

Nun ambiente reivindicativo e festivo, con globos de distintas cores e consignas en defensa dos profesionais sanitarios e da atención á cidadanía, os participantes insistiron en que manterán a presión ata lograr cambios tanto a nivel estatal como autonómico. Entre os lemas escoitados durante o percorrido figuraron mensaxes dirixidas á reforma do estatuto marco e tamén críticas á xestión do Ministerio de Sanidade.

A vicepresidenta de O’Mega e integrante do comité de folga, Mercedes Tallón, explicou antes do inicio da protesta que a mobilización mantén unha dobre fronte de negociación: por unha banda, a demanda ao Ministerio de Sanidade dun marco normativo propio para médicos e facultativos, e por outra, a esixencia ao Sergas de melloras concretas nas condicións laborais dentro de Galicia.

Tallón sinalou que as reclamacións inclúen a creación dun espazo de negociación autonómico específico, a regulación dunha xornada máxima anual e semanal e a eliminación das gardas de 24 horas, ás que atribuíu consecuencias negativas tanto para a saúde dos profesionais como para a calidade asistencial. Segundo indicou, o obxectivo é rematar cun modelo que consideran prexudicial e avanzar cara a condicións que permitan unha atención máis segura para pacientes e persoal sanitario.

A representante sindical tamén valorou como “boa” e “produtiva” a reunión mantida na mañá deste mércores entre o comité de folga e o Sergas, na que ambas partes abordaron posibles puntos de acordo. Aínda que recoñeceu avances parciais, admitiu que persisten diferenzas relevantes en cuestións centrais, polo que confirmou a continuidade das negociacións.

Dende o comité de folga advertiron de que as mobilizacións continuarán mentres non se materialicen compromisos firmes. “Seguiremos ata o final”, resumiu Tallón, incidindo en que as súas demandas non responden só a intereses profesionais, senón tamén á necesidade de garantir un sistema sanitario público en mellores condicións para a poboación.

ÚLTIMAS

United Airlines manterá en 2027 a conexión entre Santiago e Nova York

O Concello de Santiago valorou como unha "moi boa noticia" a decisión de United...

Unha nova investigación descifra a ‘Odisea’ agochada na Catedral de Santiago

Unha nova investigación de Francisco Prado-Vilar, profesor da USC e investigador do CISPAC, propón...

Verea ameaza con bloquear as novas tarifas de autobús se eliminan a gratuidade para o xubilados

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, advertiu este mércores de que...

Pedro Blanco reclama a comparecencia de Goretti Sanmartín no Pleno polo caso de Fly2Galicia

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, anunciou que o Grupo Municipal...

Un peregrino percorre máis de 700 quilómetros ata Santiago para dar visibilidade á esclerose múltiple

A Praza do Obradoiro converteuse este mércores no punto final dunha peregrinación de máis...

Un novo recurso volve frear a tramitación do contrato do bus urbano de Santiago

A tramitación do novo contrato do transporte urbano de Santiago de Compostela afronta un...

Denuncian “unha nova saturación” en Urxencias do Hospital Clínico de Santiago

A CIG denunciou "unha nova saturación" nas Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago,...