InicioMOV. SOCIAISA alcaldesa asegura que o Concello vixiará que a sala Malatesta cumpra...

A alcaldesa asegura que o Concello vixiará que a sala Malatesta cumpra a normativa de ruído tras a súa reapertura

A rexedora compostelá sinalou que o Goberno local manterá a súa "sensibilidade" ante as queixas veciñais pola reapertura do local de San Lourenzo

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, asegurou que o Concello continuará supervisando que se cumpran todos os requisitos legais para evitar molestias derivadas da actividade da sala de concertos Malatesta, situada na rúa de San Lourenzo. A mandataria respondeu así ás preguntas dos medios sobre as queixas veciñais pola recente reapertura do establecemento.

Sanmartín explicou que, segundo a normativa vixente, a apertura dun local deste tipo realízase mediante unha comunicación previa, polo que a responsabilidade municipal céntrase en verificar o cumprimento das garantías acústicas e do resto de condicións legais. “A xente para abrir determinado local o que ten que facer é mandar simplemente unha comunicación previa; nós o que faremos será esixir que se cumpran as garantías de que non haxa ruído exterior e de que se cumpre todo o que ten que ver coa normativa”, indicou.

A alcaldesa lembrou que o Goberno municipal xa actuou no pasado ante as denuncias do barrio, realizando inspeccións que concluíron que o local non reunía as condicións necesarias para permanecer aberto. “Ninguén pode dubidar da solidariedade municipal coas reclamacións veciñais sobre cuestións de ruído e dereito ao descanso”, afirmou.

Tras a súa nova apertura, Sanmartín insistiu en que o Concello manterá esa mesma “sensibilidade” e que continuará examinando o cumprimento da normativa, tanto no interior da sala como nos espazos exteriores, “que son os que moitas veces causan problemas”.

QUEIXAS DOS VECIÑOS DE SAN LOURENZO

Pola súa banda, o presidente da Asociación Veciñal Río Sarela, Jon Brokenbrow, manifestou o profundo malestar do barrio coa decisión de permitir a reapertura da sala. Segundo indicou, os residentes de San Lourenzo séntense “enganados polo Goberno local” e afrontan “outro golpe á súa vida familiar, á súa tranquilidade e ao seu dereito ao descanso”. Brokenbrow anunciou que a entidade veciñal presentará unha querela penal contra o Concello por “inacción e omisión de deber”, ao considerar que non se actuou con contundencia ante o que cualifican de “incumprimentos reiterados” da normativa acústica por parte do establecemento.

O representante veciñal sinalou tamén que, tras seis meses de peche, o barrio vivira “un tempo de calma que agora se rompe”, e que os veciños están “ao límite” ante o regreso das festas nocturnas. “Levamos moito tempo sufrindo esta situación, e a vía do diálogo está rota”, asegurou, subliñando que contan co apoio doutras asociacións compostelás, como Raigame e Fonseca. Brokenbrow lamentou que, malia as reunións mantidas co Goberno municipal, “dous días despois de recibir o seu apoio, atopámonos co anuncio da reapertura”, polo que decidiron poñer o asunto en mans da Xustiza.

ÚLTIMAS

Francisco Narla reconstrúe en ‘Suseia’ a vida descoñecida do Mestre Mateo

O escritor Francisco Narla regresa á historia de Santiago de Compostela coa publicación de...

O Concello de Santiago contrata nove persoas para reforzar o mantemento de zonas verdes, vías e limpeza de pintadas

O Concello de Santiago incorporou nove traballadores a través do departamento de Emprego para...

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar...

O COAG Santiago entrega no Teatro Principal os premios ‘PRÓXIMOS’ con oito obras compostelás recoñecidas

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrou este sábado...

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar...

A campaña ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’ dedica xuño á saúde oncolóxica e aos coidados coa colaboración de D’Aldea e Abeiratúa

A campaña '12 Comercios, 12 Sensibilidades' dedicará o mes de xuño a visibilizar o...

Traballadores de escolas infantís e centros de discapacidade colapsan San Caetano contra a precariedade laboral

O conflito laboral nos sectores da discapacidade, da atención a menores e da educación...