InicioMOV. SOCIAISTraballadores de atención social e educación infantil maniféstanse en Santiago para reclamar...

Traballadores de atención social e educación infantil maniféstanse en Santiago para reclamar convenios galegos e melloras salariais

A CIG-Ensino convoca a mobilización, que precede á folga do 6 de novembro, para denunciar a precariedade nos sectores de menores, discapacidade e escolas infantís

Publicado o

Xornal de Compostela

Decenas de traballadores e traballadoras dos sectores de protección e reforma de menores, atención a persoas con discapacidade e escolas infantís de 0 a 3 anos percorreron este sábado as rúas de Santiago de Compostela para reclamar convenios galegos que poñan fin á situación de precariedade laboral que denuncian padecer.

A mobilización, convocada pola CIG-Ensino, reuniu a persoal de tres ámbitos que suman máis de 5.000 profesionais en Galicia. A marcha partiu da Alameda compostelá pasadas as 12:00 e concluíu na Praza das Praterías, onde se deu lectura a un manifesto conxunto baixo o lema ‘Por unha atención de calidade, menores, infantil e discapacidade. Melloras laborais, convenio galego’.

A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, explicou que estes son “tres sectores moi precarizados, con salarios que nalgúns casos apenas superan o salario mínimo interprofesional”. Por iso, reclamou que se impulsen convenios galegos que permitan mellorar as condicións laborais e salariais.

Pola súa parte, o responsable da organización no ámbito privado, Enrique García, avanzou que esta protesta forma parte dun calendario de mobilizacións que culminará cunha folga o 6 de novembro fronte á sede da Xunta, en San Caetano, despois de que, segundo denunciou, “a Consellería de Política Social non quixese recibir o persoal afectado”. García apelou á conselleira Fabiola García para que “escoite e dea resposta ás demandas” e pediu “unidade sindical” diante desta situación.

Durante a manifestación puidéronse escoitar consignas como “Fabiola, escoita, o sector está en loita”, “Se nada se acorda, iremos a folga” ou “Se somos esenciais, cobremos como tal”, en referencia á falta de recoñecemento económico ao labor destes profesionais.

No manifesto, os traballadores de atención á discapacidade demandaron que a Administración asuma os incrementos salariais previstos no XVI Convenio Estatal, así como a creación dun Complemento Salarial Autonómico e a constitución dunha mesa tripartita que permita negociar o I Convenio Galego de Discapacidade.

O persoal do sector de menores esixiu a aplicación “inmediata” das táboas salariais do V Convenio Estatal a todo o persoal desde xaneiro de 2026, xunto co recoñecemento dun complemento autonómico, a homologación salarial entre categorías e a apertura da negociación coas patronais AGACEME e GAFIX para avanzar cara ao I Convenio Galego de Menores.

Finalmente, o sector das escolas infantís 0–3 solicitou a unificación das táboas salariais, a creación dunha patronal galega propia, o recoñecemento dun complemento autonómico e a apertura da negociación no Consello Galego de Relacións Laborais co obxectivo de acadar o I Convenio Galego de Infantil.

A protesta deste sábado deixa patente o malestar xeneralizado entre os profesionais destes tres ámbitos, que anuncian novas accións de presión se non se producen avances antes da folga de novembro.

ÚLTIMAS

Manuel César renuncia como concelleiro de Santiago por motivos persoais e familiares e será substituído por Saleta Chao

O concelleiro de Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Electrónica de Santiago de...

O PSOE de Santiago levará ao pleno de outubro as barreiras arquitectónicas no acceso ás vivendas públicas de Conxo

O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela presentará no pleno ordinario de outubro...

A Asociación de Xornalistas de Galicia concede o Premio Diego Bernal 2027 ao catedrático da USC Xosé López García

A Asociación de Xornalistas de Galicia (APG) decidiu conceder o Premio Diego Bernal 2027...

A criminalidade baixa un 2,3% en Santiago, con descensos nos delitos convencionais e na ciberdelincuencia

A criminalidade baixou un 2,3% en Santiago durante o primeiro semestre de 2026 respecto...

Unha concentración no Obradoiro denuncia a discriminación das persoas migrantes no acceso á vivenda

A Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela acolleu este luns, 12 de outubro,...

O persoal do comercio de alimentación maniféstase en Santiago para reclamar melloras laborais e salariais

As rúas de Santiago acolleron este sábado unha manifestación de traballadores e traballadoras do...

O colectivo de persoas racializadas da acampada do Obradoiro convoca unha concentración contra o racismo no acceso á vivenda

A Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela acollerá este luns 12 de outubro...