InicioMOV. SOCIAISUnha vintena de inmigrantes acollidos en Santiago, a piques de ser expulsados

Unha vintena de inmigrantes acollidos en Santiago, a piques de ser expulsados

Fontes da Delegación do Goberno insisten en que sempre se facilita unha alternativa a todas as persoas migrantes.

Publicado o

Xornal de Compostela

Unha vintena de inmigrantes acollidos no recinto compostelán do Monte do Gozo xa viron rexeitada a súa solicitude de asilo, polo que poderían ter que abandonar o recinto. Así o sinalou a concelleira de Servizos Sociais do Concello de Santiago, María Rozas, que lamentou a situación que enfrontan estas persoas, algunha delas segundo asegurou, chegou a durmir fóra do recinto e tivo que ser atendida polos servizos sociais municipais. “Espero que poidan volver ao Monte do Gozo e non haxa expulsión no futuro”, afirmou.

Segundo explicou, isto non vai ser unha situación “puntual”, dado que cada 15 días están a publicarse no Boletín Oficial do Estado (BOE) denegacións de asilo. Lembrou que as primeiras que afectaban a Santiago saíron no BOE o 1 de novembro e por iso o pasado 15 de novembro atopáronse con sete persoas expulsadas. Ese mesmo día, continuou, volveron saír denegacións no BOE, “denegacións de xente que é expulsada e que terá que deixar ou terían que deixar esas instalacións o próximo 30 de novembro”.

“É unha situación que lle vai a afectar ao 40% das persoas acollidas, refuxiadas. Estamos a falar de máis de 300 persoas que veñen dun país en guerra como é Mali ou de países de extrema pobreza como Senegal ou Mauritania”, destacou Rozas.

A concelleira aproveitou para agradecer a entidades como Cáritas e Cruz Vermella a súa disposición para cooperar no operativo “de urxencia” que o seu departamento montou o venres pasado para buscar a estas persoas unha alternativa residencial. “Estamos a falar de persoas que quedan nunha situación totalmente abandonada, nunha situación desprotexida sen rede familiar, sen rede de apoio neste país e que se atopan ademais nunha situación onde aínda non adquiriron competencias lingüísticas nin unha inserción sociolaboral”, destacou.

REFLIXIONAR SOBRE A POLÍTICA DE ASILO

Por todo iso, María Rozas convidou a reflexionar sobre a política aplicada a nivel nacional cos refuxiados. “O que non se pode facer é traer a 300 e pico refuxiados e encher titulares de que somos un pobo solidario para, aos poucos meses, botar ao 40%. Porque esas son as cifras que se manexan agora mesmo nas instalacións habilitadas polo Goberno do Estado”, apuntou.

Rozas cualifica esta situación de “inaceptable”. “Expulsar sen ningún tipo de recursos, sen ningún tipo de prestación, comprando un billete de autobús, tamén é unha forma de abandonar á súa sorte ás persoas migrantes. Non comparto ese tipo de política de atención aos dereitos dos migrantes”, afirmou. A responsable de Servizos Sociais de Santiago espera que todas as administracións públicas “estean á altura” e confía en que o compromiso da Delegación do Goberno de buscar unha solución sexa “firme”.

GOBERNO INSISTE EN QUE “SEMPRE SE FACILITA UNHA ALTERNATIVA”

Fontes da Delegación do Goberno insisten en que sempre se facilita unha alternativa a todas as persoas migrantes. Nesta liña expresábase este luns o delegado do Goberno, Pedro Blanco, que informaba de que o Executivo estatal busca “solucións” para as persoas que recibiron unha resposta negativa inicial á súa solicitude de protección internacional. Tamén ratificaba que continúan aloxadas no Monte do Gozo.

ÚLTIMAS

Francisco Narla reconstrúe en ‘Suseia’ a vida descoñecida do Mestre Mateo

O escritor Francisco Narla regresa á historia de Santiago de Compostela coa publicación de...

O Concello de Santiago contrata nove persoas para reforzar o mantemento de zonas verdes, vías e limpeza de pintadas

O Concello de Santiago incorporou nove traballadores a través do departamento de Emprego para...

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar...

O COAG Santiago entrega no Teatro Principal os premios ‘PRÓXIMOS’ con oito obras compostelás recoñecidas

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrou este sábado...

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar...

A Maker Faire Galicia abre en Santiago cunha xornada centrada no emprendemento e a innovación social

A Maker Faire Galicia inaugurou este venres en Santiago de Compostela a súa XII...

Un modelo da USC permite prever como reducir a calor nas cidades mediante cambios urbanísticos

O incremento das temperaturas está a aumentar o impacto da meteoroloxía sobre a saúde...