InicioECONOMÍAUnited Airlines manterá en 2027 a conexión entre Santiago e Nova York

United Airlines manterá en 2027 a conexión entre Santiago e Nova York

O Concello celebra a continuidade dunha ruta que considera estratéxica para o turismo e que se integra nunha previsión de maior conectividade internacional no aeroporto compostelán

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago valorou como unha “moi boa noticia” a decisión de United Airlines de manter en 2027 a ruta entre Nova York e Compostela, unha conexión transatlántica que se estreou este ano e que continuará formando parte da programación internacional da compañía estadounidense.

O anuncio foi realizado este martes por United Airlines no marco da presentación dos seus plans para o próximo ano, nos que a empresa prevé a súa maior expansión internacional, coa incorporación de dez novas cidades en Europa e Asia. Xunto a estas novidades, a aeroliña confirmou que recuperará destinos incorporados durante este verán, entre eles a conexión entre Newark e o aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro.

Desde o Goberno local salientaron tamén que a continuidade da ruta se coñeza “con moita antelación para os tempos habituais de anuncio de rutas das compañías aéreas”, unha circunstancia que permite avanzar con maior marxe na planificación turística e aeroportuaria de cara á próxima tempada.

O consistorio considera a presenza de United Airlines e a súa conexión cos Estados Unidos como “estratéxicas” para Santiago, tanto polo impacto que poden ter na chegada de visitantes como polas posibilidades de mobilidade que ofrecen ás persoas residentes na cidade e na súa contorna.

Estados Unidos constitúe actualmente, segundo destaca o Concello, o principal mercado internacional emisor de turistas cara a Compostela, polo que a continuidade dunha conexión directa coa área de Nova York mantén unha vía relevante de acceso ao destino galego.

UNHA RUTA INAUGURADA TRAS A REAPERTURA DO AERPORTO

A conexión entre Santiago e Newark comezou a funcionar o pasado 28 de maio. O primeiro avión desta ruta foi tamén o primeiro voo en aterrar na terminal compostelá despois da súa reapertura, tras permanecer máis dun mes pechada por obras.

A estrea de United Airlines produciuse nun período de ampliación da oferta internacional do aeroporto. Nos meses seguintes incorporáronse novas operacións, entre elas a chegada de KLM e a apertura dunha conexión de Aer Lingus con Cork, reforzando a presenza de destinos exteriores na programación da terminal galega.

O Concello sitúa agora a continuidade da ruta estadounidense dentro dun escenario no que prevé novos avances de cara ao próximo ano. Ao anuncio de United Airlines súmase a nova base de Wizz Air en Santiago e a previsión de Vueling de incorporar un quinto avión para o verán de 2027.

Para o Executivo municipal, este conxunto de movementos “perfilan unha tempada de verán no 2027 no que, previsiblemente, continuarase incrementando a conectividade internacional”, nun contexto no que Santiago busca consolidar máis enlaces directos con destinos europeos e intercontinentais.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...