O Concello de Santiago e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP volverán sentar os seus equipos técnicos para intentar atopar unha saída ao conflito que mantén paralizada a ampliación do CEIP Quiroga Palacios. O novo contacto entre ambas as administracións prodúcese despois dunha conversa mantida este xoves entre a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
Sanmartín informou este venres de que o principal resultado desa chamada é o compromiso de recuperar o diálogo a nivel técnico co obxectivo de concretar as condicións necesarias para facer realidade o novo aulario previsto para o centro educativo.
“É a decisión de que haxa conversas a nivel técnico para buscar como, estando todo o mundo de acordo, ten que facerse ese novo aulario”, explicou a rexedora en declaracións aos medios, nas que cualificou este paso como un “importante avance” dentro dun asunto que nas últimas semanas provocou un intercambio público de reproches entre o Concello e a Xunta.
A alcaldesa tamén puxo o foco na maneira na que se retomaron os contactos. Segundo relatou, foi ela mesma quen chamou este xoves ao responsable autonómico de Educación para tratar de reconducir a situación. “Son eu quen me poño en contacto co conselleiro cando eles o poderían facer en calquera momento”, manifestou Sanmartín, que cualificou de “estraña” a forma na que, ao seu xuízo, a Administración autonómica abordou ata o momento a discrepancia.
Un dos asuntos que deberán concretar agora os técnicos das dúas administracións será o acondicionamento do acceso ao futuro aulario de Infantil. O Concello sostén que esa actuación é a única condición que formulou en relación coa parcela necesaria para acometer a ampliación do colexio.
Sanmartín insistiu en que a Administración municipal considera “debido” garantir un acceso adecuado á nova instalación educativa e negou que o Concello puxese sobre a mesa outras esixencias para facer posible a cesión dos terreos.
A interpretación municipal contrasta coa formulada nas últimas semanas pola Consellería de Educación. Román Rodríguez acusara o Concello de “condicionar” a cesión da parcela a que a Xunta urbanizase un ámbito de arredor de 14.000 metros cadrados, unha afirmación que o Goberno compostelán rexeitou reiteradamente.
Desde Raxoi admiten, en todo caso, que consideran positivo abordar unha actuación máis ampla arredor do centro educativo, aínda que distinguen esa posibilidade das condicións que consideran imprescindibles para poder executar o novo aulario.
A falta de acordo sobre estas cuestións mantivo bloqueado o avance do proxecto nas últimas semanas, con posicións diferentes sobre o alcance das actuacións que deberían acompañar a ampliación do CEIP Quiroga Palacios.
Tras a conversa entre Sanmartín e Rodríguez, o seguinte paso será trasladar novamente o debate ao ámbito técnico, desde onde deberán concretarse as actuacións e condicións que permitan avanzar no proxecto.
A alcaldesa mostrouse confiada en que ese novo escenario facilite un entendemento entre as dúas administracións. “Creo que hai posibilidade de acordo, sen ningunha dúbida”, afirmou Sanmartín, que sitúa agora a reunión dos equipos técnicos como a vía para intentar desbloquear definitivamente a ampliación do centro.

