InicioECONOMÍASantiago activa un servizo gratuíto para asesorar sobre contratos de aluguer desde...

Santiago activa un servizo gratuíto para asesorar sobre contratos de aluguer desde o 15 de xuño

O Concello ofrecerá atención presencial e telefónica a persoas arrendatarias e arrendadoras a través de Provivienda, no marco da futura declaración da cidade como zona tensionada

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago porá en marcha a partir do 15 de xuño un novo servizo gratuíto de asesoramento sobre contratos de aluguer, dirixido tanto a persoas arrendatarias como arrendadoras. A iniciativa ofrecerá información clara, actualizada e accesible sobre a normativa vixente e permitirá recibir un acompañamento personalizado en cuestións relacionadas co mercado residencial.

O servizo será prestado pola entidade Provivienda, especializada neste ámbito e activa desde 1989. Segundo explicou este mércores o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, o obxectivo é facilitar que as dúas partes implicadas nun contrato de arrendamento coñezan mellor os seus dereitos e obrigas, nun contexto marcado pola “crecente complexidade regulatoria” do mercado do aluguer.

Entre as cuestións que poderá atender figuran as dúbidas sobre a imposición de contratos de tempada, os posibles incumprimentos dos límites legais nos prezos do aluguer ou outras condicións aplicables aos contratos. Tamén se ofrecerá información sobre as modificacións recentes da Lei de Arrendamentos Urbanos, sobre as prórrogas aplicables en cada caso e sobre o prezo máximo que poida corresponder segundo a situación concreta da vivenda.

Lestegás sinalou que esta ferramenta se pon en marcha nun momento no que Santiago se prepara para quedar incluída na regulación das zonas de mercado residencial tensionado. O concelleiro indicou que, no último mes, varias persoas acudiron ao departamento municipal de Urbanismo para consultar cuestións vinculadas cos contratos de aluguer, o que evidencia, segundo trasladou, a necesidade de reforzar a información dispoñible para a cidadanía.

“O problema da vivenda non é un problema local, senón un problema global que se manifesta tamén aquí cunha dinámica de prezos moi similar á de Galicia”, afirmou o edil. Lestegás engadiu que “non é posible” resolver esta situación “exclusivamente desde o local”, aínda que asegurou que o Concello está a actuar “con todas as ferramentas á súa disposición”.

O novo servizo terá inicialmente unha duración de 12 meses e funcionará dous días á semana, en horario de 09:00 a 14:00. A atención presencial prestarase os venres nas oficinas de Urbanismo do Concello, situadas na rúa Casas Reais, 8. Ademais, haberá outro día de atención telefónica, aínda pendente de fixar, aínda que o concelleiro avanzou que “probablemente” será o martes.

No caso de que algún dos días de atención coincida cun festivo, o servizo trasladarase ao día laborable inmediatamente anterior. Tamén se habilitará un correo electrónico para resolver consultas e para solicitar cita presencial.

A maiores, o Concello prevé crear un sistema de rexistro e seguimento das consultas recibidas. Esta ferramenta permitirá elaborar informes trimestrais e un informe anual sobre a situación do mercado de aluguer residencial en Santiago, a partir das cuestións formuladas polas persoas usuarias do servizo.

A colaboración con Provivienda forma parte do Plan de medidas correctoras da zona de mercado residencial tensionado, aprobado este luns. Este documento acompaña a solicitude de Santiago para ser declarada zona tensionada, un procedemento que xa conta coa aprobación da Xunta e que só está pendente da súa publicación polo Ministerio de Vivenda no Boletín Oficial do Estado.

Segundo os prazos habituais do Goberno, estas declaracións publícanse de forma trimestral, polo que a incorporación de Santiago como zona de mercado residencial tensionado podería facerse efectiva previsiblemente en xullo.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Lestegás reclama que Santiago xestione os fondos estatais para as zonas de mercado tensionado

O Concello de Santiago reclama poder xestionar directamente os fondos que o Ministerio de...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...