O Concello de Santiago aprobou na xunta de goberno o proxecto de orzamentos para 2026, que ascende a máis de 148 millóns de euros, unha cifra que medra un 1,64% respecto ao exercicio anterior. Se se inclúen as entidades do sector público municipal, o montante consolidado sitúase preto dos 152 millóns de euros. Así o anunciou a alcaldesa de Goretti Sanmartín nunha rolda de prensa na que detallou as principais magnitudes das contas e avanzou tamén un plan de actuación nas vías públicas tras os danos provocados polas choivas do inverno.
Segundo explicou, o expediente inicia agora o trámite de fiscalización por parte da intervención municipal e será levado a un pleno extraordinario ao longo do mes de marzo, unha vez completados os prazos administrativos. A rexedora indicou que o goberno mantivo reunións con distintos grupos da corporación e incorporou ao documento algunhas das súas propostas, como a creación dun plan de bancos ou novas áreas de xogo.
No capítulo de ingresos, o executivo local mantén a decisión de non incrementar os impostos á veciñanza. Os ingresos correntes sitúanse en 143 millóns de euros, mentres que os gastos correntes alcanzan os 139 millóns, o que permite un aforro superior aos tres millóns destinado a investimentos.
A alcaldesa atribuíu o incremento de ingresos á mellora da xestión recadatoria, á incorporación da taxa de depuración na parte correspondente a 2026 e á recuperación para a xestión pública dos aparcadoiros do Ensanche. A previsión de ingresos de capital redúcese ata 2,45 millóns de euros, debido, entre outros factores, á desaparición de partidas vinculadas á venda de parcelas para vivenda protexida que figuraban en 2025 e á diminución das transferencias asociadas a fondos europeos.
Sanmartín lembrou tamén que as regras fiscais limitan a capacidade de endebedamento municipal, polo que o Concello só poderá formalizar novo crédito por importe de 2,97 millóns de euros, malia situarse por debaixo do límite legal.
REFORZO DO PERSOAL E DOS SERVIZOS PÚBLICOS
O capítulo de persoal, que rolda os 46 millóns de euros, concentra a principal partida de gasto. Inclúe a creación de cinco novas prazas —tres na Policía Local e dúas de carácter técnico— e a reconversión de postos procedentes da antiga UMAZ en seis efectivos máis para o Servizo de Bombeiros, cinco para administración xeral e un de traballo social. Coa actualización prevista, o cadro quedará en 71 bombeiros e 163 axentes da Policía Local, sen contar persoal administrativo de apoio.
A maior parte do gasto ordinario concéntrase no capítulo 2, con máis de 70 millóns de euros, que medra un 5,65%. Entre as partidas destacadas figuran os 14,1 millóns para limpeza e recollida de residuos, 4,2 millóns para o funcionamento da depuradora, 6,3 millóns para o Servizo de Axuda no Fogar e máis de 8,5 millóns en subvencións ao transporte público. A protección social incrementa o seu peso e os contratos de servizos educativos pasan de 5,4 a 6,8 millóns de euros.
No ámbito das subvencións, o apoio ao tecido asociativo, cultural e deportivo supera os dous millóns de euros, mentres que a programación do Auditorio conta con 1,9 millóns.
INVESTIMENTOS EN BARRIOS E NO RURAL
O proxecto reserva 6,3 millóns de euros para investimentos, aos que se engaden 2,6 millóns procedentes de baixas de exercicios anteriores. Entre as actuacións previstas figuran un millón para o Centro Sociocultural do Ensanche, 893.000 euros para o colector da avenida de Lugo, 670.000 euros para vehículos de bombeiros, 400.000 euros para obras no pavillón de Lamas de Abade e case dous millóns para actuacións na zona rural, ademais de partidas para iluminación, novos parques e pavimentación de vías urbanas.
A alcaldesa sinalou que o obxectivo das contas é consolidar servizos públicos, mellorar o espazo urbano e rural e avanzar na transformación administrativa. “Entendemos que Santiago de Compostela ten que ter orzamentos”, afirmou, e agardou que o proxecto conte co apoio necesario no pleno.
PLAN DE CHOQUE TRAS AS CHOIVAS
Na mesma comparecencia, Sanmartín anunciou o inicio dun plan de reparación de vías municipais tras contabilizar 220 incidencias en pavimentos de asfalto, fundamentalmente baches e fochancas provocadas polas condicións meteorolóxicas do inverno.
As actuacións, que comezarán a próxima semana, incluirán traballos de fresado e asfaltado en barrios como Fontiñas —nas rúas Lisboa, Berlín, Londres, París, Roma, Bruxelas e Moscova— así como na rúa de San Lázaro e na avenida do Camiño Francés. Posteriormente intervirase en República Arxentina, no Ensanche, na Ponte Vella de Vidán, na avenida do Burgo das Nacións e noutros puntos da cidade.
Tamén se prevén reparacións en beirarrúas e pavimentos de lousa en diferentes zonas, así como actuacións de drenaxe no rural, onde xa se realizaron traballos en Trasvillestro e na contorna da N-634.
A rexedora indicou que, ademais das intervencións inmediatas para garantir a seguridade, o Concello prepara unha planificación de maior alcance para os meses de verán e outono, cando as condicións meteorolóxicas sexan máis favorables.

