InicioECONOMÍAUrbanismo tramitou 123 ineficacias e 40 cesamentos de pisos turísticos en 2025

Urbanismo tramitou 123 ineficacias e 40 cesamentos de pisos turísticos en 2025

Urbanismo destaca a redución de vivendas turísticas na cidade e pide á Xunta máis proactividade no control do REAT

Publicado o

Xornal de Compostela

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, fixo balance das actuacións municipais en materia de pisos turísticos ao longo de 2025, un exercicio no que o Concello tramitou diferentes procedementos para frear actividades que non cumprían coa normativa urbanística e técnica vixente.

Segundo detallou, ao longo do pasado ano ditáronse 123 resolucións de declaración de ineficacia de comunicacións previas presentadas para o exercicio da actividade de alugueiro turístico. Estes expedientes, tramitados pola Sección de Licenzas de Apertura, advertían da imposibilidade de continuar coa actividade por incumprir requisitos urbanísticos ou técnicos e foron notificados á Axencia de Turismo de Galicia.

De acordo cos datos facilitados, polo menos 25 destes 123 pisos seguen inscritos no REAT, o Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta, aínda que o Concello sinala que existen outros catro casos con enderezos similares que non puideron ser verificados con total certeza. No que vai de 2026 xa se declararon outras 10 ineficacias e hai 11 procedementos máis en tramitación.

En paralelo, a Sección de Inspección e Disciplina Urbanística tramitou 40 ordes de cesamento definitivo da actividade no marco de expedientes de reposición da legalidade urbanística. Destes, tres continúan inscritos no REAT. Actualmente hai tamén tres procedementos abertos con medida cautelar de suspensión da actividade.

No ámbito sancionador, en 2025 incoáronse catro expedientes por exercicio ilegal da actividade. Dous xa están resoltos, cunha sanción de 30.050,61 euros nun caso e de 18.030,37 euros noutro, esta última reducida nun 40% tras o recoñecemento voluntario da responsabilidade e o pagamento anticipado. Os outros dous continúan en tramitación.

REDUCIÓN DE VIVENDAS TURÍSTICAS SEGUNDO INE E REAT

Lestegás vinculou estas actuacións á evolución descendente do número de vivendas turísticas na cidade. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), en agosto de 2020 había en Santiago 759 vivendas turísticas, fronte ás 374 rexistradas en novembro de 2025. No mesmo período, o número de prazas pasou de 3.425 a 1.734.

Pola súa banda, os datos do Axencia de Turismo de Galicia indican que en decembro de 2023 había 807 vivendas de uso turístico inscritas no REAT, cifra que descendeu ata as 668 en decembro de 2025, o que supón unha redución do 17% en dous anos.

O edil explicou que ambas fontes utilizan metodoloxías diferentes e que o INE emprega unha estatística de carácter experimental baseada, segundo apuntou, na análise de anuncios en plataformas dixitais.

RECLAMACIÓN Á XUNTA E CONTENCIOSOS

En relación co REAT, o Concello solicitou en outubro de 2024 unha reunión co director da Axencia de Turismo de Galicia para abordar a situación do rexistro, petición que, segundo indicou, non obtivo resposta posterior. En decembro dese ano requiriuse formalmente á Xunta que iniciase o procedemento de baixa dos establecementos que incumprían os requisitos establecidos no decreto 12/2017.

Lestegás subliñou que a inscrición no REAT “non é constitutiva da habilitación no desenvolvemento da actividade turística” e que os tribunais teñen confirmado que os pisos turísticos precisan título habilitante municipal de natureza urbanística. O Concello aprobou en 2025 presentarse en arredor de 20 procedementos contencioso-administrativos relacionados con baixas no rexistro, dos que xa existen algunhas sentenzas favorables.

O concelleiro reclamou “máis proactividade” por parte da Xunta para verificar o cumprimento dos requisitos antes de inscribir novos establecementos no REAT e advertiu da carga de traballo que supón para os servizos municipais a tramitación individualizada de cada expediente.

No que atinxe á ordenanza municipal sobre usos asimilados a vivenda, aprobada definitivamente o 4 de novembro de 2024 e publicada no BOP o 05/12/2024, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou o 28/01/2026 unha sentenza que desestima un dos recursos presentados contra o texto.

Segundo explicou Lestegás, o alto tribunal conclúe que a norma non contravén o planeamento urbanístico nin invade competencias autonómicas ou estatais, e que esixir a acreditación documental de que a normativa da comunidade de propietarios permite o alugueiro turístico non supón unha regulación da propiedade horizontal.

Ata o momento presentáronse 32 solicitudes ao abeiro desta ordenanza: cinco contan con informe técnico favorable e poden exercer a actividade durante os períodos solicitados —cun máximo de 60 días ao ano—, 19 teñen requirimentos de achega de documentación e oito están en tramitación de declaración de ineficacia por incumprimento da normativa.

O concelleiro incidiu en que esta modalidade non é aplicable no ámbito da Cidade Histórica e que esixe, entre outros requisitos, acreditar que a vivenda constitúe residencia habitual durante polo menos 183 días ao ano, cumprir coa normativa técnica estatal, incluído o Código Técnico da Edificación en materia de accesibilidade e seguridade, e demostrar que a actividade está permitida pola comunidade de propietarios.

Lestegás concluíu que o número de vivendas con conformidade municipal se mantén estable, arredor das seis decenas, e reiterou que o Concello continuará co labor de inspección e control previsto no Plan de Inspección Urbanística.

ÚLTIMAS

A USC elixe este xoves a primeira reitora da súa historia nunha votación decisiva con máis de 28.000 electores

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) decidirá este xoves quen se converte na...

A folga no transporte urbano deixa operativas só parte das liñas urbanas con servizos mínimos

Santiago amence este mércores co inicio da folga indefinida no transporte de viaxeiros por...

Ames presenta un estudo que delimita as zonas con risco de inundación en Bertamiráns

O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu este martes a...

A Garda Civil detén polo menos 11 persoas nun operativo contra furtos continuados en Santiago e Teo

Un operativo coordinado pola Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Santiago, praza...

A Cámara de Comercio inicia en febreiro un programa de difusión do emprendemento nos centros educativos de Santiago

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela iniciou no...

Raxoi estuda sancións tras a renuncia de Eulen ao contrato dos centros socioculturais

O Goberno local de Compostela avanzou que está a estudar posibles sancións contra Eulen...

Rueda valora o interese de Goretti Sanmartín por coordinar coa Xunta a conmemoración do Xacobeo 27

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou este xoves a súa satisfacción polo interese...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here