InicioCULTURAVolve o festival Maré a Santiago: esta é a programación

Volve o festival Maré a Santiago: esta é a programación

Unha trintena de artistas galegos e internacionais actuarán en Compostela entre o 25 e o 29 de setembro

Publicado o

Xornal de Compostela

Por quinto ano consecutivo, o festival Maré converterá a Santiago de Compostela nun “gran escenario para a diversidade das músicas atlánticas”. Farao entre os días 25 e 29 de setembro cunha trintena de bandas procedentes de diferentes latitudes. Entre os participantes, voces de Alemaña, Angola, Brasil, Estonia, México, Mozambique, Palestina e Portugal, ademais doutras de Cataluña ou Valencia. A eles uniranse artistas galegos como A Pedreira e Sés, entre outros.

O festival presentouse este xoves en Compostela, na Casa Ría, da man do seu director, Vitor Belho, e acompañada por, entre outros, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; a concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, Miriam Louzao; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; e Loreto Rodríguez, de Estrella Galicia (patrocinador do festival). O responsable de Maré arrincou lembrando a filosofía do festival, “que abarca o activismo, o diálogo intercultural e o fomento de colaboracións entre artistas locais e internacionais, ao tempo” mentres busca establecer unha “estreita simbiose coa cidade para consolidala como referente das xeografías atlánticas”.

UN FESTIVAL QUE “ASUME RISCOS”

O vicepresidente da Deputación aplaudiu á organización por “correr riscos” ao programar un festival que “foxe do mainstream e que é ademais un evento “tractor” para a cidade. Regueira reivindicou a cultura como medio de promoción económica e Maré, concretamente, como medio para “coñecerse a través doutras culturas e de reflexionar”, ademais de “refrescar o resto da programación”. Pola súa banda, Míriam Louzao remarcou que a cita “se aliña perfectamente” coa forma de entender a cultura do Concello, “desde a proximidade” e “favorecendo o encontro con outras culturas”. Tamén subliñou o papel que xogará a cidade (Patrimonio da Humanidade), xa que a programación distribuirase por distintos puntos de Compostela como o Teatro Principal, a Sala Riquela, Sala Capitol e a Praza de Mazarelos.

Así mesmo, Valentín García destacou a “era dos festivais” que vive Galicia desde hai un tempo e o seu papel para “expandir” a cultura. Destacou isto último, unido á confluencia de culturas, nun momento no que, apuntou, non deixa de chegar xente a Galicia “para quedar”. “E isto ten que notarse nas políticas, tamén nas culturais”, defendeu. O director do festival pechou a presentación insistindo na capacidade da cultura para “construír comunidade” e no “exercicio honesto” de sustentabilidade que tratan de facer con Maré. Explicou ademais que, coa intención de facer o festival máis inclusivo, habilitaranse mochilas vibratorias e haberá tradución en lingua de signos nalgúns dos eventos.

PROGRAMACIÓN

A xornada inaugural (mércores 25) arrincará coa colaboración da banda de jazz compostelá Sumrrá con El Niño de Elxe, que actuarán ás 20.30 horas na Sala Capitol tras a actuación inicial do seu Garrido Pombo. Esta primeira xornada completarase con Diadorim en Riquela e a foliada prevista en Sala das Crechas. O Teatro Principal recibirá o xoves 26 a Sés Trío ás 19.00 horas tras o concerto da o Azar, mentres que Albert Pla and The Surprise Band subirán ao escenario da Sala Capitol ás 21.30 horas. A programación da segunda xornada tamén contempla os concertos da arxentina Aluminé Guerrero en Riquela e de DJ Panko, nas Crechas.

O venres 27, o Teatro Principal acollerá á portuguesa Ana Lua Caiano, que actuará tras a intervención do trío galego Nacho-Faia-Lareira. En Mazarelos, sucederanse as actuacións de grupos como Delahuerta, Dupla ou o estoniano Puuluup. Ademais, será o día do regreso de Ultranoites de Chévere a Compostela, un formato teatral que volve tras case unha década de ausencia. Xa o sábado 28, será a quenda da Pedreira, que actuará no Teatro Principal precedida pola voz da mexicana Laura Itandehui, e Francisco, O home, que desembarcará na Sala Capitol. O Coro da Rá, Marala e Alana serán algunhas das actuacións que se poderán ver en Mazarelos, mentres que a Riquela contará con Zuaraz.

A xornada de clausura, o domingo 29, estará protagonizada por Lá non Xepangara, concerto homenaxe a José Afonso, que pretende “reflectir a forte presenza da cultura africana na vida e obra do artista e o seu papel na loita pola descolonización, a democratización e o desenvolvemento das sociedades lusófonas”. Neste espectáculo de peche, que terá lugar no Teatro Principal, reuniranse voces e músicas chegadas desde Portugal, Angola, Mozambique e Galicia.

DÍA EUROPEO DAS LINGUAS

Así mesmo, Maré sumarase tamén este ano á conmemoración do Día Europeo das Linguas, que se celebra cada ano o 26 de setembro. O festival organizará o sábado 28 unha serie de actividades previas a todas as actuacións “para remarcar o seu compromiso coa diversidade lingüística, peza crave da multiculturalidade e da riqueza musical universal”.

Ademais, o festival inclúe outras actividades como Maré Crianzas, co concerto de Lydia Botana o sábado 28 no Teatro Principal e o Maré Rúa, que ofrecerá intervencións artísticas de circo, poesía e artesanía, así como a actuación de Marexada percuta, pensada para o público familiar. Haberá tamén encontros profesionais da man de MATE Europa, que abarcan ‘showcases‘, palestras e outras accións sectoriais.

ÚLTIMAS

Aparece o corpo sen vida dun home nunha vía do tren en Vedra

A circulación de trens entre Ourense e Santiago estivo interrompida durante case tres horas...

A alcaldesa destaca a necesidade dun forte investimento no Estadio Verónica Boquete

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que o Estadio...

(VÍDEO) O día que Ronaldinho deixou marca en Santiago de Compostela

No 2004, en pleno ano santo en Galicia, a Xunta de Galicia decidiu levar...

Xavier Coller reflexiona sobre a teatralización da política en España: “Galicia ten o índice máis alto de desacordo parlamentario”

O catedrático de Ciencia Política da UNED, Xavier Coller, presentou onte no Ateneo de...

(VÍDEO) O día que Ronaldinho deixou marca en Santiago de Compostela

No 2004, en pleno ano santo en Galicia, a Xunta de Galicia decidiu levar...

O Festival Ateneo Barroco organiza un club de lectura e un concerto sobre a viola da gamba

O venres 4 de outubro, ás 19:00 horas, a sexta edición do Festival Ateneo...

O Festival Galicreques reúne 30 compañías con máis de 60 funcións en Santiago

O Festival Internacional Galicreques volve a Santiago de Compostela do 12 ao 20 de...