O festival Cineuropa cumprirá este outono 40 anos de historia en Santiago de Compostela e xa prepara unha nova edición que se celebrará entre o venres 6 e o domingo 22 de novembro. Como primeiro paso de cara a esta cita, a organización abriu o proceso de selección do seu Xurado Novo, unha iniciativa coa que procura impulsar a participación da mocidade na vida cultural da cidade e ofrecer a oportunidade de formar parte activa dun dos festivais de referencia en Galicia.
Poderán presentar a súa candidatura persoas de entre 18 e 25 anos que conten con dispoñibilidade para asistir ás arredor de 20 proxeccións que deberán avaliar durante o certame. Quedan excluídas da convocatoria aquelas persoas que xa formasen parte do Xurado Novo en edicións anteriores.
INSCRICIÓN ABERTA ATA O 21 DE OUTUBRO
Para participar no proceso de selección será necesario cubrir o formulario de inscrición dispoñible en liña, que permanecerá aberto ata o 21 de outubro. As persoas seleccionadas encargaranse de elaborar un palmarés propio de carácter honorífico, que se dará a coñecer durante a gala de clausura da 40ª edición de Cineuropa.

