InicioCULTURASantiago recoñecerá coa Alba de Compostela a Camilo Nogueira, Concha Rozas, Ricardo...

Santiago recoñecerá coa Alba de Compostela a Camilo Nogueira, Concha Rozas, Ricardo Gurriarán e Susi Xesto

O Consello Asesor de Condecoracións escolleu por unanimidade as catro propostas, que deberán ser ratificadas polo pleno municipal do 25 de xuño

Publicado o

Xornal de Compostela

O Consello Asesor de Condecoracións de Santiago acordou por unanimidade propoñer a Camilo Nogueira, Concha Rozas, Ricardo Gurriarán e Susi Xesto como persoas distinguidas este ano coa Alba de Compostela, o recoñecemento creado polo actual Goberno local en 2023 para salientar traxectorias vinculadas á cidade desde ámbitos diversos.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, informou este venres da decisión nunha rolda de prensa e explicou que a proposta deberá ser ratificada no pleno municipal do vindeiro xoves, 25 de xuño. “É unha honra para min facer esta comunicación en nome do Consello Asesor”, afirmou a rexedora.

A Alba de Compostela entrégase habitualmente o 25 de xullo, coincidindo co Día de Galicia e de Santiago Apóstolo. Segundo indicou Sanmartín, as persoas elixidas nesta edición comparten unha contribución, desde a súa actividade profesional e vital, a “facer de Compostela un referente”.

Entre as propostas figura Camilo Nogueira, nado en 1936, recoñecido pola súa traxectoria política e persoal e polo seu papel no desenvolvemento do autogoberno galego. O Concello sitúao como unha figura vinculada ao proceso que contribuíu a devolverlle a Santiago a condición de capital galega. Nogueira participou na comisión redactora do Estatuto dos Dezaseis, anteproxecto do actual Estatuto de Autonomía de Galicia.

Tamén será recoñecido Ricardo Gurriarán Rodríguez, nado en 1953, historiador galego e investigador cunha ampla traxectoria arredor da memoria histórica e do pasado da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais da súa actividade investigadora, exerceu como profesor no IES Arcebispo Xelmírez desde 1977 ata a súa xubilación.

A proposta inclúe así mesmo a Concha Rozas, nado en 1936, unha das persoas máis coñecidas do movemento veciñal de Pontepedriña. Natural de Santiago, trasladouse a este barrio tras a expropiación da súa vivenda en San Caetano. O Concello destaca o seu papel no impulso ao asociacionismo veciñal nun contexto marcado pola mobilización contra a alta sinistralidade na zona.

A cuarta persoa escollida é Susi Xesto, nado en 1980, ourive compostelá e continuadora dunha tradición familiar vinculada á ourivaría. Filla do ourive Eloy Xesto, retomou a actividade no taller familiar da Algalia de Abaixo, onde desde hai máis de tres lustros traballa na transmisión e actualización do legado artístico da ourivaría compostelá.

Na mesma comparecencia, a alcaldesa tamén se referiu ás xornadas ‘Arte e espolio’, centradas nas estatuas do Mestre Mateo recuperadas polo Concello de Santiago. Sanmartín destacou a valoración positiva das sesións, nas que se abordou, entre outras cuestións, o futuro emprazamento estable das pezas.

A rexedora explicou que, unha vez recollidas as achegas realizadas durante os tres días de debate, especialmente por parte das institucións museísticas participantes, o Concello abre agora un período de análise antes de decidir o lugar no que quedarán depositadas as obras. “Con todas as opinións recollidas nese tres días, sobre todo coa xenerosa disposición das institucións museísticas presentes, agora ábrese un período de repouso e reflexión ata decidir onde quedarán depositadas as obras”, sinalou.

Sanmartín avanzou que a decisión será comunicada nas próximas semanas, aínda que precisou que non está tomada. Entre os criterios que se terán en conta, mencionou a necesidade de garantir que as estatuas estean conservadas e coidadas adecuadamente, que o espazo permita seguir ampliando a investigación académica arredor delas e que contribúa a poñer en valor o seu dobre significado, ligado tanto á memoria como á identidade.

ÚLTIMAS

Santiago autoriza a construción de 33 vivendas protexidas na rúa Manuel Ceruelo

O Concello de Santiago concedeu licenza á cooperativa Porto Sur para construír 33 vivendas...

O Maré traerá a Santiago a Aterciopelados, Omar Souleyman e Bia Ferreira na súa sétima edición

O festival Maré volverá a Santiago de Compostela do 23 ao 27 de setembro...

O Concello destina máis de 727.000 euros a mellorar os centros educativos durante o verán

O Concello de Santiago está a aproveitar o período sen actividade lectiva de xullo...

Ames abre as axudas de ata 1.500 euros para familias numerosas e monoparentais

O Concello de Ames mantén aberto ata o próximo 14 de setembro o prazo...

O Maré traerá a Santiago a Aterciopelados, Omar Souleyman e Bia Ferreira na súa sétima edición

O festival Maré volverá a Santiago de Compostela do 23 ao 27 de setembro...

WOS Festival completa a súa novena edición con 26 proxectos repartidos por nove espazos de Santiago

O WOS Festival x SON Estrella Galicia pechou a programación principal da súa novena...

Novo “museo da arte urbana” nunhas galerías comerciais de Santiago

Oito novos murais, creados por artistas referentes de Galicia, transformaron unhas galerías comerciais de...