InicioCULTURAA USC reivindica en Fonseca o legado ético, feminista e literario de...

A USC reivindica en Fonseca o legado ético, feminista e literario de Begoña Caamaño no Día das Letras Galegas

A Universidade de Santiago homenaxea á autora cun acto institucional, unha publicación colectiva e unha chamada a situar a súa voz no ensino, na defensa da lingua e no pensamento crítico contemporán

Publicado o

Xornal de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela celebrou este martes no Salón Nobre do Colexio de Fonseca o seu acto institucional do Día das Letras Galegas cunha homenaxe centrada na figura de Begoña Caamaño, destacando a súa dimensión como escritora, xornalista e referente ético, feminista e cultural. A celebración reuniu representantes de distintos ámbitos sociais, académicos e culturais arredor dunha autora presentada como símbolo de compromiso coa lingua galega e coa transformación social.

O encontro serviu tamén para presentar a publicación ‘Begoña Caamaño: mudar ou mundo’, editada pola USC con motivo desta conmemoración. A obra recompila análises sobre a produción literaria e intelectual da autora, así como testemuños persoais e profesionais de persoas que compartiron con ela espazos de vida e traballo, configurando unha visión ampla da súa pegada humana e cultural.

A profesora María Xesús Nogueira pronunciou a lección maxistral baixo o título ‘Todas as Begoñas posibles’, recuperando unha expresión da propia homenaxeada para percorrer as múltiples dimensións da súa traxectoria vital e creativa, desde a literatura ao activismo e o pensamento crítico. A intervención situou a autora como unha figura de referencia con capacidade de interpelación no presente.

O acto incluíu ademais lecturas dramatizadas de fragmentos da súa obra por parte de alumnado do grao en Lingua e Literatura Galega, así como unha intervención musical de Alba María, que interpretou, entre outras pezas, o ‘Alalá dás Mariñas’, canción de especial carga simbólica vinculada ao recordo persoal de Caamaño.

Durante a súa intervención, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, reivindicou o dobre papel de Begoña Caamaño como referente de “activismo feminista e activismo literario”, subliñando a súa capacidade para cuestionar estruturas e “darlle a volta ás cousas”. A rexedora destacou tamén a vixencia dunha voz que definiu como “moi incómoda” e a necesidade de incorporala ao ámbito educativo para garantir a súa continuidade entre as novas xeracións.

Sanmartín incidiu especialmente na relevancia do pensamento de Caamaño no contexto actual, tanto no ámbito da defensa dos dereitos das mulleres como no da promoción da lectura e da cultura crítica.

A clausura correspondeu á reitora da USC, Rosa Crujeiras, quen reafirmou o papel da universidade na promoción da lingua e da cultura galegas. “O noso compromiso coa lingua non é conxuntural”, afirmou, antes de defender que “o galego é lingua de futuro e de ciencia”. Crujeiras situou a homenaxe deste ano nunha dimensión singular pola defensa que Begoña Caamaño fixo da palabra galega “como espazo de liberdade”, así como polo exercicio ético da súa profesión e a súa aposta pola xustiza social e pola palabra das mulleres.

No tramo final da súa intervención, a reitora dedicou tamén unha lembranza a Xesús Alonso Montero, falecido en febreiro, do que salientou o seu papel na construción dun pensamento crítico arredor da literatura galega e na valorización de autores e autoras do país. A súa memoria, sinalou, estivo tamén presente nunha xornada marcada pola reivindicación da cultura galega como ferramenta de conciencia e futuro.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Intelixencia artificial, robótica e impresión 3D entran na programación dos centros socioculturais de Santiago

A rede municipal de centros socioculturais de Santiago de Compostela porá en marcha no...

O Festival Agustín Magán celebra 25 anos cunha edición récord de dez compañías en Santiago

O Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán chega este ano á súa 25ª edición...

O Museo do Pobo Galego programa en setembro encontros sobre Rafael Baltar, poesía, patrimonio téxtil e memoria do exilio

O Museo do Pobo Galego inicia setembro cunha programación que combina arquitectura, investigación, literatura,...