O Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela acollerá este sábado unha cita musical que reunirá a preto de 6.000 persoas, nun evento protagonizado pola banda galega The Rapants, que presentará en directo o seu novo traballo, Rapants Club.
O grupo, formado por Samuel, Xanma, Matías e Xaquín, visitou este venres o recinto xunto coa concelleira de Festas, Pilar Lueiro, coincidindo cos últimos preparativos do escenario. Durante a visita, a edil destacou a relevancia de que unha proposta destas características teña lugar na cidade e sinalou que “reforza precisamente esa idea de Santiago como unha cidade viva que sabe aproveitar os seus equipamentos para acoller propostas diversas e de gran formato”.
Lueiro puxo tamén o foco no contexto actual da música en galego e subliñou que “hai talento, hai creatividade e hai un público”, incidindo en que o idioma está “máis presente que nunca” en propostas contemporáneas con capacidade de chegar a diferentes audiencias.
Pola súa banda, os integrantes de The Rapants destacaron o valor simbólico do espazo, ao tratarse dun lugar no que asistiron a concertos durante a súa adolescencia. Neste sentido, cualificaron a actuación como “súper ilusionante” e avanzaron que o espectáculo contará con distintos elementos escénicos que transformarán o recinto.
A banda indicou que o obxectivo é converter o polideportivo nunha discoteca, cun ambiente festivo no que o público teña un papel activo. “Haberá sorpresas desde a apertura de portas” e “vai haber máis dunha bóla de espellos”, sinalaron, ao tempo que animaron ás persoas asistentes a acudir desde o inicio do evento.
O concerto contará tamén coa participación do grupo compostelán Ulex, que actuará como teloneiro. Desde The Rapants convidaron ao público a chegar con antelación para coñecer a súa proposta, destacando que “son uns rapaces moi bos”.
No que respecta á organización, o Goberno local activou un dispositivo especial co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento da cita. Entre as medidas previstas inclúese o reforzo do transporte público mediante unha liña lanzadeira, así como a presenza de efectivos de Protección Civil e un incremento da Policía Local, que sumará tres patrullas adicionais ao operativo habitual.
As portas do recinto abriranse ás 19:00, mentres que a actuación de Ulex está prevista para as 19:45. O concerto principal comezará ás 21:00. Segundo a organización, permanecen dispoñibles as últimas entradas para bancada a través da plataforma de venda habilitada.

