InicioCULTURA‘Castelo da Rocha’, ‘Crocante de bacallau á galega’ e ‘Ópera de Sordo’...

‘Castelo da Rocha’, ‘Crocante de bacallau á galega’ e ‘Ópera de Sordo’ gañan o XVII Santiago(é)Tapas

O concurso gastronómico pechou a súa décimo sétima edición cun acto no Auditorio de Galicia tras vender máis de 33.000 tapas e reunir 47 locais participantes

Publicado o

Xornal de Compostela

O concurso Santiago(é)Tapas puxo fin á súa décimo sétima edición coa entrega de premios celebrada esta tarde na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, nun acto institucional que reuniu representantes do Concello, da Deputación da Coruña e de entidades colaboradoras. Nesta edición, os principais galardóns recaeron nas propostas ‘Castelo da Rocha’, do local Artesana; ‘Crocante de bacallau á galega’, da Bodeguilla de Santa Marta, e ‘Ópera de Sordo’, de La Morena.

Ao evento asistiron, entre outras autoridades, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, xunto con membros da Corporación municipal. Tamén participaron o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte, ademais de representantes de empresas e entidades colaboradoras vinculadas ao certame.

Durante a súa intervención, a alcaldesa destacou que o impacto económico directo do concurso superou os 150.000 euros, unha cifra que, segundo indicou, reflicte a boa resposta do público e o papel do evento para dinamizar o sector hostaleiro nun período de menor actividade turística. No conxunto da edición celebrada en 2026 vendéronse máis de 33.000 tapas, segundo os datos ofrecidos polo Concello.

Pola súa banda, Míriam Louzao subliñou que estas cifras supoñen un incremento do 10% respecto á edición anterior e superior ao 30% se se compara coa anterior, o que, ao seu xuízo, confirma que trasladar o certame ao mes de febreiro foi unha decisión acertada. A concelleira sinalou ademais que o concurso contribúe a consolidar Santiago como destino gastronómico, nun modelo de turismo que cualificou como “sustentable, rendible e que aporta valor engadido á cidadanía”.

Sanmartín tamén aproveitou o acto para agradecer o traballo das empresas e entidades colaboradoras e o esforzo dos 47 locais participantes, que presentaron 73 tapas diferentes nesta edición. Segundo destacou, estas iniciativas contribúen a reforzar a imaxe de Compostela como capital gastronómica.

TRES PREMIOS PRINCIPAIS

Os galardóns principais foron concedidos mediante un sistema de voto ponderado no que o xurado profesional representou o 60% e o público o 40%. O Premio ‘Deputación da Coruña’ á Mellor Tapa Creativa, dotado con 1.000 euros, foi para ‘Castelo da Rocha’, do local Artesana, que ademais representará a Santiago no certame autonómico ‘De tapas por Galicia’ organizado por Turismo de Galicia.

O Premio ‘Compostela Gastronómica’ á Mellor Tapa Tradicional, tamén con 1.000 euros, recaeu en ‘Crocante de bacallau á galega’, da Bodeguilla de Santa Marta, mentres que o Premio á Mellor Tapa Doce, dotado coa mesma contía e cun agasallo especial de Café Dromedario, foi para ‘Ópera de Sordo’, do establecemento La Morena.

Ademais destes galardóns, o xurado profesional concedeu outros recoñecementos específicos. O Premio ‘Ponte da Boga’ á Mellor Tapa en maridaxe con viño foi para ‘Castelo da Rocha’, de Artesana, mentres que o Premio ‘Estrella Galicia’ á Mellor Tapa en maridaxe con cervexa distinguiu ‘Románico de transición’, do local Suso.

O Premio ‘Calidade Diferenciada’ á Mellor Tapa con produto con selo de calidade recaeu en ‘Cáeche a babilla’, de Pico de Galo, mentres que o Premio ‘Cash Record’ á Mellor Tapa Vexetariana ou Vegana foi para ‘Dobre cacao’, de A Moa. Pola súa parte, o Premio ‘ACEGA’ á Mellor Tapa Sen Glute recoñeceu ‘Alfábega e cítricos’, de A Maceta.

RECOÑECEMENTO AOS FINALISTAS

No acto tamén se recoñeceu o traballo dos dez locais finalistas, que recibiron unha chaquetiña cortesía da empresa Allwork. Ademais dos tres premiados, completaron a lista A Maceta, A Moa, El Rincón de Yobeida, Orixe, O Sendeiro, Pico de Galo e Suso.

A alcaldesa tamén fixo unha mención especial a Xavier Míguez, destacando que participa no concurso desde a súa primeira edición, en 2008. De feito, a Bodeguilla de San Lázaro é o único establecemento que participou nas dezasete edicións do certame, segundo salientou Sanmartín, quen expresou o desexo de que continúe formando parte das futuras convocatorias.

Durante o acto realizouse tamén o sorteo dunha estadía de dúas noites con almorzo no Hotel Gaio 7, ofrecida pola plataforma Vimbio, entre as persoas que votaron polas tapas a través dos códigos QR dispoñibles nos locais participantes.

Ademais, o público que completou as diferentes rutas e propostas incluídas no Tapasporte optou a diversos premios. En total, repartíronse 347 lotes con produtos e experiencias, entre os que se incluían artigos promocionais de Turismo de Santiago, produtos galegos con selos de calidade diferenciada de AGACAL, botellas de Ponte da Boga, cervexas Estrella Galicia, lotes de Café Dromedario e experiencias VIP para asistir a partidos do Obradoiro CAB.

O XVII Santiago(é)Tapas, celebrado entre o 19 de febreiro e o 8 de marzo, está organizado por Turismo de Santiago, co apoio da Deputación da Coruña, e enmárcase dentro da marca ‘Compostela Gastronómica’. O certame conta ademais co patrocinio principal da empresa Hijos de Rivera e coa colaboración de diversas entidades e empresas vinculadas ao sector alimentario e hostaleiro.

ÚLTIMAS

(VÍDEO) As placas de “seguros mutuos” que ves nas fachadas de Santiago e que case ninguén sabe que significan

Quen pasea polo casco histórico de Santiago de Compostela pode atoparse, se presta algo...

Rueda ve a Borja Verea como “un magnífico candidato” para Santiago, pero evita confirmalo

O presidente da Xunta e líder do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, afirmou...

O Concello de Santiago impulsa a rehabilitación de cinco edificios na rúa da Caramoniña para crear nove vivendas públicas

O Concello de Santiago aprobou hoxe na Xunta de Goberno Local celebrada este luns...

A Xunta corta temporalmente o ramal entre a AG-56 e a SC-20 por obras de seguridade viaria

As obras de construción dunha cuneta de seguridade obrigarán a cortar temporalmente o tráfico...

(VÍDEO) As placas de “seguros mutuos” que ves nas fachadas de Santiago e que case ninguén sabe que significan

Quen pasea polo casco histórico de Santiago de Compostela pode atoparse, se presta algo...

A campaña municipal ‘Ler para Crecer’ reúne máis de 2.800 participantes nas súas actividades

A XX Campaña Municipal de Animación á Lectura ‘Ler para Crecer’, organizada polo Concello...

O Son do Camiño esgota todos os abonos para a súa edición de xuño en Santiago

O festival O Son do Camiño volveu esgotar todos os seus abonos para a edición...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here