A 21ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que se celebrará entre o 10 e 15 de marzo en Santiago de Compostela, engade o rexistro antropolóxico como unha peza clave. Entre as súas principais novidades, a organización puxo en marcha unha residencia anual para convidar a unha persoa a “recoller sons que se están perdendo”. A peza resultante desta primeira experiencia, titulada ‘Redeiras’ e creada pola artista Acacia Ojeda, será a encargada de inaugurar o ciclo o vindeiro martes ás 20:30 horas no Teatro Principal.
O traballo, que contou coa colaboración de Arancha Brandón na parte visual, ofrece unha mirada contemporánea ao oficio das redeiras da Guarda. Esta é unha das apostas do novo equipo do colectivo Memoria e Cinema, encabezado por Coral Piñeiro e Fran Rodríguez como codirectores. Piñeiro manifestou a súa vontade de achegar unha “nova visión” que promova o traballo colectivo mantendo o enfoque feminista característico da mostra, mentres que Rodríguez situou a antropoloxía como o “elemento fundamental” da programación.
ESTREAS E RETROSPECTIVA DE MADDI BARBER
Nesta liña de experimentación, a MICE impulsou un obradoiro de creación en 16 milímetros en colaboración coa ECAM, cuxa peza colectiva tamén se proxectará na inauguración. Ademais, o festival dedicará unha retrospectiva integral á cineasta navarra Maddi Barber, formada en Antropoloxía Visual, con proxeccións en NUMAX entre o 12 e o 14 de marzo.
Como é habitual, o ciclo mantén as súas seccións competitivas. A xornada dedicada a Galicia, o 11 de marzo, incluirá estreas destacadas como a curtametraxe de animación ‘O corpo de Cristo’, de Bea Lema —baseada no seu cómic gañador do Premio Nacional do Cómic en 2024—, e ‘A historia aínda non coñece o meu nome’, de Diana Toucedo. Tamén se poderán ver obras de Sabrina Fernández, Berio Molina e Daniel Pérez. Pola súa banda, a Sección Internacional reunirá pezas de diversos contextos xeográficos, desde a India ata Portugal.
A mostra, organizada polo Museo do Pobo Galego, conta co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, a Agadic da Xunta e Acción Cultural Española.

