InicioCULTURAArtesanía, tradición e maxia: Estes son os beléns que podemos visitar en...

Artesanía, tradición e maxia: Estes son os beléns que podemos visitar en Compostela durante este Nadal

Dende montaxes históricos con centos de figuras ata propostas surrealistas e beléns do mundo, a cidade ofrece unha programación diversa que se estende ata finais de xaneiro

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A cidade de Santiago de Compostela volve converterse este Nadal nun escaparate de belenismo, cunha oferta que abrangue montaxes tradicionais, propostas familiares de longa traxectoria e interpretacións artísticas contemporáneas. Igrexas, museos, fundacións e mesmo establecementos hostaleiros acollen estes días beléns visitables en distintos puntos da cidade e da súa contorna, con calendarios e horarios diversos que se estenden dende finais de novembro ata ben entrado o mes de xaneiro.

Un dos máis recoñecidos é o Belén de San Fiz de Solovio, considerado unha das montaxes clásicas do Nadal compostelán. Con preto de 500 figuras, pezas móbiles, río con auga corrente, ciclo completo de día e noite e distintos efectos especiais, permanece aberto do 28 de novembro ao 5 de xaneiro na igrexa de San Fiz de Solovio. O horario amplíase nas fins de semana, vacacións escolares e datas sinaladas como o 24, 25 e 31 de decembro ou o 1 de xaneiro.

A Catedral de Santiago de Compostela acolle dúas das grandes propostas deste Nadal, ambas visitables entre o 12 de decembro e o 11 de xaneiro. Por unha banda, o Belén popular, instalado na igrexa de Santo Agostiño, reúne 530 figuras artesanais de Nicolás Almansa distribuídas nunha superficie de 70 metros cadrados, con escenas animadas mediante automatismos. Pola outra, o Belén napolitano, situado no Convento do Carme, na rúa de Santa Clara, presenta 500 figuras feitas a man, tamén con elementos mecanizados, nunha montaxe de 50 metros cadrados inspirada na tradición italiana.

Fóra do centro histórico, destacan dous beléns familiares de referencia. En Conxo, a Ruela de Torrente acolle dende o 6 de decembro ao 7 de xaneiro un dos beléns domésticos máis antigos de Compostela. A montaxe supera os 45 metros cadrados, con 1.250 figuras, das que 135 son móbiles, 39 escenas bíblicas, auga, vexetación natural e case dous milleiros de puntos de luz. En Mallou, outra familia mantén viva dende hai máis de medio século unha exposición de máis de 1.500 pezas, con elementos mecanizados e mesmo unha horta onde medran verduras reais.

Outro dos espazos con tradición belenista é a Colexiata de Sar, que exhibe no seu claustro, con entrada polo museo, o seu nacemento dende o 15 de decembro ata finais de xaneiro. Trátase dunha mostra de escenas tradicionais con figuras móbiles, cun percorrido de máis de 30 anos de historia, cuxos horarios están condicionados polos actos litúrxicos nas fins de semana.

A diversidade temática amplíase co Belén da igrexa de San Caetano, visitable ata o 2 de febreiro, que reúne figuras procedentes de distintos países, especialmente de América Latina, ademais de pezas de tradición francesa, filipina, africana ou de Terra Santa. Unha proposta que ofrece unha visión multicultural do nacemento.

No ámbito artístico, a Fundación Eugenio Granell presenta ata o 11 de xaneiro un belén surrealista, instalado no Pazo de Bendaña, na praza do Toural. A montaxe propón unha lectura afastada da iconografía tradicional, cun enfoque artístico, multicultural e contemporáneo, acorde coa liña do museo.

Tamén o Café Casino, na rúa do Vilar, participa na programación coa exposición dun belén realizado por Javier Varela, no que se reproducen edificios emblemáticos de Compostela, acompañado dunha mostra de antigas pezas cerámicas do Neno Xesús. A visita está vinculada ao horario do local e require consumición. Para visitar este belén é necesario consumir no local.

A oferta complétase coa exposición ‘Beléns do mundo e tenda solidaria de Manos Unidas’, aberta do 4 ao 31 de decembro na rúa de Alfredo Brañas, con pezas cedidas por Teresa Rey Barreiro; o Belén do Pazo de Raxoi, promovido pola Xunta de Galicia, con figuras de gran tamaño e escenas da vida tradicional galega; e o belén da Hospedería de San Martiño Pinario, visitable ata o 5 de xaneiro segundo o horario da tenda do mosteiro.

Dende propostas históricas ata creacións contemporáneas, Compostela ofrece este Nadal unha ruta belenista ampla e diversa, que converte a cidade nun punto de encontro para veciñanza e visitantes arredor dunha das tradicións máis arraigadas destas datas.

ÚLTIMAS

O Concello reabre o procedemento para pedir a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado

O Concello de Santiago retomará o procedemento para solicitar á Xunta de Galicia a...

Marta Abal acusa ao goberno municipal de atrasar o pagamento das nóminas do persoal do Concello

A concelleira do grupo municipal socialista, Marta Abal, denunciou este luns a situación xerada...

CC.OO. e UGT felicítanse porque Compostela terá “a primeira relación de postos de traballo da súa historia”

Policías locais e bombeiros ratificaron o borrador de pacto negociado nas últimas semanas co...

O Concello habilita reforzos de bus para o partido deste domingo do Monbus Obradoiro no Fontes do Sar

O Concello de Santiago de Compostela habilitará servizos especiais de transporte urbano con motivo...

O conselleiro José López Campos destaca o papel do Consorcio de Santiago na planificación cultural de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou este martes o...

A Festa do Apego reúne o sábado 27 no Auditorio de Galicia unha xornada de actividades familiares en galego

A novena edición da Festa do Apego celebrarase o vindeiro sábado 27 de decembro no...

A alcaldesa preside a entrega do XXVII Premio Antón Fraguas á investigación sobre a indumentaria tradicional galega

A alcaldesa presidiu este martes no Pazo de Raxoi o acto de entrega da XXVII...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here